Por terra, mar e aire. Da man do software e do hardware libre, os drones e robots teleguiados hai tempo que se converteron nunha tecnoloxía moi accesible para os usuarios e usuarias, que mesmo se poden aventurar á montaxe dos seus propios dispositivos. Así o fixo nas últimas semanas a asociación Xeopesca, que o pasado 5 de setembro levou a cabo un HackLab de montaxe dun OpenRov. Este OpenRov é "unha especie de drone submarino, forma parte dunha nova tendencia chamada DIY (do it yourself) ou faino ti mesmo, que se basea na utilización de compoñentes opensource, os cales pouco a pouco, están a gañar terreo", explican dende Xeopesca.
Este dispositivo, guiado dende un PC portátil e equipado cunha cámara HD, ten o tamaño dunha caixa de zapatos e pode acadar os 100 metros de profundidade
Despois desa primeira sesión celebrada na Estrada, que serviu para construír o robot, os socios e socias de Xeopesca iniciaron as probas do aparello en distintos medios acuáticos. O pasado martes o ROV foi lanzado con éxito a unha piscina de auga salgada e este sábado demostrou o seu funcionamento na praia fluvial do río Liñares, tamén na Estrada. Nas próximas semanas os e as integrantes de Xeopesca seguirán realizando probas en diferentes lugares, como piscinas e praias.
Este dispositivo, guiado dende un PC portátil e equipado cunha cámara HD, ten o tamaño dunha caixa de zapatos e pode acadar os 100 metros de profundidade. Un ROV (remotely operated vehicle) é un vehículo submarino controlado a distancia. Este OpenROV en concreto é un robot explorador creado por dous amigos californianos, Eric Stackpole e David Lang, que lograron dar a luz ao seu proxecto, grazas a Kickstarter. Mesmo a National Geographic lle brindou o seu apoio financeiro, destacan dende Xeopesca.
O obxectivo final das probas que a entidade está a realizar co OpenROV é chegar a contar cun robot submarino doadamente controlable e con múltiples usos
Os planos do aparello, as instrucións, así como o software baseado en GNU/Linux, están dispoñibles gratuitamente para descargalos, no sitio wiki do proxecto. Os responsables de Xeopesca salientan que "dende hai tempo se está a ver unha grande evolución no mundo do hardware libre, cunha maior presencia na sociedade. Froito desta evolución son os robots, impresoras 3d, consolas (uzebox) e tamén o OpenRov". O obxectivo final das probas que a entidade está a realizar co OpenROV é chegar a contar cun robot submarino doadamente controlable e con múltiples usos, que estará a disposición de todos os socios e socias de Xeopesca.
Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2015 da Xunta de Galicia.