O movemento Open Source chega a todos os espazos: do software ao hardware, da man do vizoso movemento maker, e neste eido tanto ten que se trate de ordenadores, robots, drones, recreativas, ou maquinaria agrícola. O fundamental é facer, fedellar, construír dende cero un aparello, de forma colaborativa e en código aberto, baixo a premisa do faino ti mesmo e o faino con outros. O vindeiro 23 de outubro Láncara acollerá un encontro que dará forma á iniciativa Eu Amo Fedellar, un proxecto de construción de maquinaría agrícola en código aberto.
Eu Amo Fedellar está impulsada pola Rede ReVOLTA (composta por sete grupos de investigación das universidades galegas), o colectivo de creación contemporánea Montenoso, a ONG Enxeñería sen Fronteiras, o colectivo Makers de Lugo, a Asociación Galega de Amigos de Maquinaría Agrícola Clásica e o Colexio Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.
Os seus responsables destacan que a proposta se insire dentro do movemento das economías en código aberto e parte de dúas fontes principais: "a capacidade propia dos galegas e galegas que historicamente veñen acreditando unha capacidade de autosuficiencia" e, por outro lado, do proxecto Open Source Ecology, unha comunidade que leva traballando tempo no desenvolvemento de maquinaría agrícola en código aberto.
As comunidades de desenvolvedores/as open source destacan "pola apertura do código e a posibilidade de remestura e uso por parte da cidadanía interesada, facilitando que todo aquel que estea interesado poda fedellar, fozar no seu aparello e amañar por si mesmo a súa propia maquinaría", sinalan.
O encontro, aberto a todas as persoas interesadas (que se deben inscribir antes do día 21 en rede.revolta@usc.es), celebrarase no Museo Integrado de Maquinaría Agrícola Clásica e quere ser "unha mostra de diferentes accións relacionadas coa maquinaría agrícola en código aberto, a evolución da innovación tecnolóxica ou a necesidade de impulsar a robótica no medio rural", indican os seus organizadores.
A xornada abrirase coa intervención do catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto, que falará de "A innovación tecnolóxica ao longo da historia". Seguirán Pablo Blanco (Montenoso): "Non Intente facer isto na súa casa: Experiencia persoal no deseño e manufactura dun produto calquera" e o relatorio "As tecnoloxías non son neutras" (Enxeñería Sen Fronteiras).
"Por unha robótica Open Source no rural", de Tucho Mendez (CPI Alcalde Xose Pichel Coristanco); "Ou de como amañar un tractor con arduino", de Jesús Toural (Makers Lugo); e "Maquinaría agrícola clásica, unha actividade innovadora", de Marcos Vázquez (Asociación Galega de Amigos de Maquinaría Agrícola Clásica) darán paso ás conclusións do encontro