A Internet das vacas

'Wearables' para vacas © Cambridge Network

No marco da LibreCon 2015, celebrada a pasada semana en Compostela, Fernando Calle (ASPGems) ofreceu un relatorio sobre as aplicacións que o Internet das Cousas pode ter para as explotacións gandeiras, onde xa se está a tirar moito proveito dos dispositivos de monitorización dos animais. Calle titulou a súa intervención A Internet das Vacas, centrándose nas posibilidades que se abren para gandeiros, que contan con sensores e ferramentas que lles permiten predicir algunhas enfermidades que poden afectar á vida do gando a longo prazo, e tamén o celo para poder determinar cando serán máis produtivas las vacas. Os retos de futuro desta tecnoloxía están en poder aplicar esta tecnoloxía en animais en liberdade e evitando un seguimento continuo e visual por parte dos produtores.

Como se poden aplicar neste momento as ferramentas de monitorización para o coidado de animais e a xestión dunha explotación gandeira? Que vantaxes ofrece este sistema?

Actualmente desenvolvéronse especialmente para vacas leiteiras. Neste sentido, son bastante proveitosas xa que ofrecen ao empresario a opción de ter información individualizada do que produce cada vaca, o seu estado de saúde e de celo. En cambio, para vacas de carne complícase bastante a monitorización, pola tecnoloxía que hai que utilizar. Estamos a investigar neste sentido para poder ofrecer servizos innovadores como a predición de determinados eventos que afectan directamente á produción e ao benestar do gando.

"Actualmente, están a realizarse sobre todo avisos na detección momentánea de determinados eventos, coma o celo"

Que ferramentas están a disposición dos posibles usuarios?

Hai sistemas de monitorización que mostran aspectos sobre a produción dos animais e tamén dispositivos que leva postos o animal (wearables para gando), e que permiten enviar alertas especialmente para o celo.

Que retos inmediatos ten esta tecnoloxía? Que novas aplicacións poderanse desenvolver a partir delas ou en combinación con outras?

Actualmente, están a realizarse sobre todo avisos unicamente na detección momentánea de determinados eventos, como o celo. A liña a seguir nos próximos meses ou anos é a predición de todo tipo de eventos e enfermidades. En lugar de avisar no momento, obsérvanse os datos e pódese predicir cando vai suceder un evento determinado. Isto é moi favorecedor para o gandeiro, xa que pode planificar as accións que debe tomar con anticipación, e así pode coidar mellor os animais e utilizar mellor os seus recursos.

"A tecnoloxía está a evolucionar para que os dispositivos poidan estar conectados á nube de forma continua. Isto fai que poidamos facer un seguimento dos animais mesmo cando están en exteriores"

Por outra banda, a tecnoloxía está a evolucionar para que os dispositivos poidan estar conectados á nube de forma continua. Isto fai que poidamos facer un seguimento dos animais mesmo cando están en exteriores (este é un dos maiores problemas actualmente). Tamén poderemos introducir novos sensores, non invasivos, que permitan monitorizar máis información do gando.

Como valoras o nivel actual de desenvolvemento tecnolóxico das explotacións gandeiras en Galicia e España? Están a aproveitarse suficientemente as oportunidades ao alcance?

Polo momento só están a aproveitar a tecnoloxía algunhas explotacións de vacas leiteiras, gran parte delas de Galicia. O sistema que se implementa é un pouco caro e só as grandes explotacións teñen capacidade para poder aproveitar a tecnoloxía. En vacas de carne non se está facendo nada a nivel nacional.

"Cos produtos que se están a desenvolver prevese unha diminución dos custes"

Cos produtos que se están a desenvolver prevese unha diminución dos custes grazas á mellora das tecnoloxías, e espérase que tanto as granxas de vacas leiteiras coma as explotacións dedicadas á carne se poidan aproveitar destas ferramentas proximamente. Ademais, coa redución do prezo, tamén poderán acceder a estes dispositivos os pequenos e medianos gandeiros que estean interesados.

Esta tecnoloxía está cada vez máis implantada en explotacións leiteiras © Dairymaster
'Wearables' para vacas © Cambridge Network

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.