Na morte de 'Bens': Que fago se atopo un lobo mariño na praia?

O lobo mariño, tras ser atopado na praia coruñesa de Bens © Concello da Coruña

O pasado 4 de febreiro un pescador alertaba a Policía Local da Coruña da aparición dun lobo mariño varado na praia de Bens. O animal estaba moi "feble e delgado" e foi recollido por unha unidade móbil da Rede de Varamentos de Galicia, entidade asistencial dependente da Dirección Xeral de Conservación da Natureza que xestiona a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), con sede en Nigrán. Ao chegaren, os técnicos da CEMMA observaron que se trataba dun exemplar de lobo mariño cincento cun "crítico estado de saúde" e decidiron trasladalo á Unidade de Coidados Intensivos do CEMMA; onde faleceu este luns. Diante da morte do león mariño, a quen se lle dera o nome de Bens, pola praia na que apareceu, o CEMMA lembra que consellos cómpre seguir no caso de atopar un destes animais.

"Aínda que pensemos que nunca nos imos atopar cun lobo mariño, a posibilidade de atopalos entre Fisterra e Ribadeo durante a tempada invernal non é tan rara"

"Aínda que pensemos que nunca nos imos atopar cun lobo mariño, a posibilidade de atopalos entre Fisterra e Ribadeo durante a tempada invernal non é tan rara", destacan. Entre novembro e abril "o empeoramento das condicións mariñas", con temporais como os destes días, "acrecentan a posibilidade de que máis lobos mariños dean á costa fuxindo das duras condicións do mar". Non en van, calcúlase que Bens puido chegar ata A Coruña "transportado por unha corrente dende as illas británicas ou Irlanda".

Os lobos mariños "chegan directamente dende as colonias de cría do norte" e "están moi cansos". Por este motivo non é descartable que "poidan baixar á terra" para "descansar e botar unha soneca". Isto é o que, subliña o CEMMA, cómpre "ter en conta" se damos cun destes animais nun areal:

1-Non achegarse

Un achegamento excesivo pode molestar o animal e provocar que "responda agresivamente". Unha distancia "prudente" evitará que "poida atacar e trabar".

2-Non bloquearlle a fuxida

Se non está enfermo ou ferido, o lobo mariño pode querer marchar. Por iso sempre debe ter na súa contorna "unha alternativa" de fuxida cara ao mar.

3-Atar os cans

Se atopas o lobo mariño mentres paseas co teu can, "procura que non se acheguen nin ataquen", lembra a CEMMA.

4-Manter silencio

A aparición dun destes animais pode xerar balbordo, pero "os berros e o barullo porano alerta e nervioso".

5-Avisar

Unha chamada inmediata ao 112 activará de inmediato a Rede de Varamentos.

Bens chegou á costa galega desnutrido e con dous plásticos no seu estómago

Estes consellos, indica a CEMMA, son a mellor guía para proceder, xa que non cómpre actuar igual en todos os casos. "Non todos os animais que chegan á costa precisan ser recollidos, só aqueles feridos ou que persisten en ficar no mesmo lugar durante días e amosan un comportamento patolóxico". Este era o caso de Bens, que chegou á Coruña cun "esgotamento extremo", deshidratado e desnutrido. Malia ao tratamento aplicado en Nigrán, as súas constantes vitais empeoraron e "non puido remontar o estado crítico co que chegou á costa galega". Tras a súa morte, resaltan, a necropsia amosou que tiña o aparello dixestivo "absolutamente baleiro" de alimento e, ademais, tiña "dous plásticos pequenos no estómago" que, se ben "non teñen que ver coa morte", debería "facernos reflexionar sobre o uso de xestión dos residuos".

 

O lobo mariño, tras ser atopado na praia coruñesa de Bens © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.