O calote que deixou Humboldt na Coruña en 1799

Peso da época de Humboldt Dominio Público Praza Pública

O 5 de xuño de 1799 ás 9 da mañá Alexander escoitou desde a súa habitación na coruñesa “Fonda de Oro” un balbordo procedente da entrada do local. O ruído duns pasos polo chan do corredor foi seguido de varios golpes na porta do seu cuarto. Alarmado, abriuna e atopouse cun home que repetía:

-Axiña mesié Humboldt! Axiña mesié Humboldt!

Era Rafael, patrón da chalupa que o debía trasladar a El Pizarro, o paquebote fondeado no peirao dos Correos Marítimos. Antes de que o prusiano fixera pregunta algunha a resposta xa xurdira da gorxa do mariñeiro:

-O barco parte nunha hora!

No inicio dunha grande aventura científica

Alexander von Humboldt (Berlín 1769-1859) foi un dos científicos que acadou maior recoñecemento na historia. Nos seus tempos constituíu o modelo de estudoso, viaxeiro ilustrado e divulgador, unha imaxe que se completaba co seu perfil de cidadán comprometido cos valores da Revolución francesa, un auténtico "savant démocrate".

Na súa  carreira científica resultou decisiva a expedición americana que emprendeu desde A Coruña, con 29 anos e a compañía do botánico Aimé Bonpland

Na súa  carreira científica resultou decisiva a expedición americana que emprendeu desde A Coruña, con 29 anos e a compañía do botánico Aimé Bonpland, por un amplo territorio que pertencía á Coroa española, os actuais países de Venezuela, Cuba, Colombia, Perú, Ecuador e México. Unha viaxe que recolleu en diversas publicacións e nun diario, material que utilizamos para recrear o acontecido.

Esa relevante exploración foi posible polo singular permiso que en marzo de 1799 o rei Carlos IV lle concedeu, nun proceso no que xogou un papel decisivo a persoa que estaba ao fronte do Goberno de España, Mariano Luís de Urquijo; asemade, o científico prusiano contou coa axuda de  significadas personalidades, como foi o caso de José Clavijo y Fajardo, director efectivo do Gabinete de Historia Natural de Madrid.

Dez días preto do ataque de nervios

O 5 de xuño xa levaba dez días na Coruña, a onde chegou nunha carruaxe que saíu de Madrid o 13 de maio. Con ela percorreu o Camiño Real, que, en base ao trazado da antiga vía romana, comunicaba nese tempo a capital con Galicia e que pasaba por As Nogais, Lugo, Guitiriz e Betanzos.

A estadía na cidade herculina estivo, sobre todo, marcada polo nerviosismo. A primeira intención de Humboldt foi marchar a América polo porto de Cádiz, pero estaba pecho ao tráfico pola guerra de España e Francia fronte o Reino Unido e por iso decidiu saír polo da Coruña, que permanecía activo. Mais tampouco estas latitudes estaban totalmente exentas de riscos, os navíos ingleses eran divisados con frecuencia nas inmediacións das costas galegas e constituían un evidente perigo para os barcos.

Humboldt percorreu o Camiño Real ata A Coruña que, en base ao trazado da antiga vía romana, comunicaba nese tempo Madrid con Galicia e pasaba polas Nogais, Lugo, Guitiriz e Betanzos

Outro elemento de inquedanza para o científico foi o da meteoroloxía. O buque que o debía levar a terras americanas movíase, como todos os dese tempo, por medio de velas e dependía, xa que logo, da dirección e intensidade do vento e este, polo que parece, non estaba polo labor. O 28 de maio contemplou unha forte tormenta na cidade e os días seguintes recibiu alarmantes novas dos oficiais do barco, quen lle informaron da posibilidade de teren que agardar semanas para dispoñer de ventos favorábeis.

En previsión dunha saída inmediata os libros e numerosos instrumentos e a case totalidade da roupa dos distinguidos pasaxeiros levaba días dispostos no buque. Asemade, contaban cunha chalupa preparada para un embarque rápido, segundo unha instrución do principal contacto de Humboldt na cidade, o enxeñeiro naval Rafael Clavijo y Socas. Este canario, brigadier da Armada e responsable dos Correos Maritímos, era  sobriño de José Clavijo, quen lle recomendou ao prusiano.

Coidamos que esas circunstancias  engadíase unha terceira que tamén incidía nas présas e nervios do futuro explorador. Referímonos á preocupación pola estabilidade dos seus apoios políticos en Madrid, e, concretamente, do seu valedor, Mariano de Urquijo, quen de feito só gobernou entre febreiro dese ano 1799 e fins de 1800. 

Saída complicada

O aviso na mañá do 5 do patrón da chalupa acelerou ao máximo os preparativos. Humboldt apurou para deixar listas para o correo as máis de 40 cartas que fora redactando desde a saída de Madrid, facer as últimas xestións e recoller as escasas pertencías que tiña na fonda.  Ás 10 chegou con Bonpland ao porto pero alí se atoparon, con aire ben tranquilo, ao capitán de El Pizarro, Juan Miguel de las Cagigas: “Non se apuren señores, o barco non sairá antes das dúas do mediodía”.

O que non lles dixo o capitán é que Rafael Clavijo lle comunicara por medio do seu axudante, o betanceiro Francisco Roldán y Gil,  que se o barco non soltaba amarras ás 2 transferirían o mando do buque a outro capitán. En todo caso, Humboldt e Bonpland marcharon cara a fonda para almorzar e estiveron de volta no porto á hora indicada.

O ultimato ao capitán surtiu efecto, ás 14 horas El Pizarro lanzaba o canonazo que anunciaba a saída e levantaba  áncoras desde o peirao dos Correos (zona da Palloza). Unha virada do buque á altura do desaparecido castelo de Santo Amaro creou certa alarma entre a pasaxe e sobre as 9 pasaron polas illas Sísargas, nas que viron “unha luz solitaria, unha casa de pescadores”, a derradeira presenza humana dunha terra europea. Preocupados pola posible irrupción de navíos ingleses, pasaron a noite sen luces para non seren vistos.

Unha fortuna para unha expedición

Humboldt afrontou a expedición americana cos seus propios recursos persoais

A diferenza do acontecido con outras exploracións científicas, financiadas polas administracións, Humboldt afrontou a expedición americana cos seus propios recursos persoais. En novembro de 1796 morrera a nai, a adiñeirada Elisabeth de Holwede, polo que na primavera de 1797 deixou o seu posto de inspector de minas de Prusia e cos cartos da herdanza iniciou os preparativos da aventura.

Á volta da viaxe de cinco anos por América foi a París, onde abordou o laborioso e custoso estudo das coleccións de seres naturais recollidos e a edición dos resultados, que se prolongou ata 1826 e rematou coa súa fortuna.

O préstamo pendente

O proxecto americano esixiu de Humboldt unha especial atención á xestión da súa economía, circunstancia que puido influír na preocupación que polos cartos manifestou nos seus escritos. Así, por exemplo, no diario aparece unha anotación na que ao falar do atraso na partida de El Pizarro na mañá do día 5, di:

O sempre politicamente correcto Alexander von Humboldt recoñece nese texto persoal que lle meteu un calote ao pousadeiro, de xeito intencionado e sen ningún ánimo de reparación

“Esta demora tivo ademais outra vantaxe, xa que me aforraba un enorme disgusto económico. Debía ao dono da fonda 100 pesos, que el me prestara ao contado. Pola mañá non se lembrou e deixoume marchar a toda présa. Ata agora non se tiña decatado”.

Ou sexa, o sempre politicamente correcto Alexander von Humboldt recoñece nese texto persoal que lle meteu un calote ao pousadeiro, de xeito intencionado e sen ningún ánimo de reparación.

O peso español tiña naquel tempo un valor equivalente ao dólar estadounidense, de feito del procede o símbolo da moeda americana, $, as columnas de Hércules e a banda coa inscrición “Plus Ultra”. Nos escritos do prusiano atopamos unha pista que nos pode servir para estimar o valor da cantidade en 1799. Contaba que os gastos mensuais en Madrid, del e do seu acompañante, supuñan entre 180 e 200 pesos; se supoñemos que os custes na Coruña deberían seren menores, podemos deducir que cen pesos lle permitirían vivir máis dun mes, cubrindo gastos de pousada, os derivados da súa activa vida social e custes asociados á custodia e transporte de instrumentos e libros. Se quixeramos facer unha estimación na moeda actual supoñemos que poderíamos falar de arredor de 5000 euros.

Alén da anécdota narrada, o tema da expedición de Humboldt lévanos a unha cuestión que é básica no funcionamento da ciencia, o da necesidade de medios económicos para o seu desenvolvemento

Se fose o caso de que a día de hoxe viviran os herdeiros do propietario da “Fonda de Oro”, ¿que decisión tomarían fronte o incumprimento de Humboldt? Supoño que a débeda prescribiu no terreo legal e polo tanto estará pecho o camiño dunha reclamación aos do científico prusiano, Christine e Ulrich von Heinz, atentos e amables custodios da súa casa natal e legado. Mais quizás teña un valor superior figurar na historia como estafados por quen foi un filantrópico sabio universal.

A ciencia esixe recursos

Alén da anécdota narrada, o tema da expedición de Humboldt lévanos a unha cuestión que é básica no funcionamento da ciencia, o da necesidade de medios económicos para o seu desenvolvemento. Avanzar no que hoxe denominamos I+D+i (investigación, desenvolvemento e innovación) implica contribucións importantes e sostidas. Por iso, cando en Galicia se inviste nese ámbito só o 0,87% do PIB e a Administración nos di que se aposta pola ciencia, temos plena lexitimidade para preguntarnos se non se trata doutro calote, neste caso unha “estafa” doutra dimensión, impacto e transcendencia da que en 1799 deixou o sabio Humboldt na Coruña.

Alexander von Humboldt Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.