Aspirantes a cátedra na USC: "O importante é que teñamos expectativas"

Manifestación contra os recortes na Universidade CC-BY A Trabe

A finais de 2014 a Universidade de Santiago e a Xunta negociaron e acordaron un Plan de Equilibrio Económico-Financeiro co obxectivo de equilibrar o seu orzamento, que arrastraba unha débeda moi importante. A cambio dunha renegociación da débeda da institución, a USC comprometíase a manter unha economía de guerra, procurando máis ingresos e mantendo os recortes en persoal, de cara a aforrar máis de 13 millóns de euros neste capítulo ata o ano 2018, a través sobre todo da amortización (supresión) de prazas pola non reposición da maior parte do persoal docente e de administración e servizos que se vaia xubilando ata ese momento. Este programa económico foi aprobado polo Claustro con ampla maioría (111 votos a favor, 24 en contra e 29 en branco) atopando unicamente unha oposición clara no colectivo de PAS A Trabe e na Liga Estudantil Galega.

O Plan de Equilibrio Económico-Financeiro foi aprobado por ampla maioría, atopando unha oposición moi limitada

Esta folla de ruta marca o presente e o futuro inmediato da USC, xerando descontento en practicamente todos os colectivos que conforman a comunidade universitaria. Nos últimos meses asistimos a protestas do estudantado -que denuncian a falta de profesorado-, dos investigadores e investigadoras -que piden máis contratos de consolidación-, dos docentes de todos os niveis e, nas últimas semanas, do colectivo de 150 profesores e profesoras titulares que superaron a esixente acreditación para se converter en catedráticos e catedráticas. Este grupo de acreditados e acreditadas denuncia que hai seis anos que a USC non crea novas prazas de catedrático e catedrática, un período no que se produciron 50 xubilacións nesta categoría. En condicións normais, este grupo de docentes terían accedido nos últimos anos -de forma ordenada- a cátedras, e seguirían facéndoo no futuro. Porén, os axustes impostos por mor da crise económica e os posteriores recortes que a USC aceptou ata o ano 2018 para reducir a súa débeda, están a bloquear este proceso.

Hai seis anos que a USC non crea novas prazas de catedrático e catedrática, un período no que se produciron 50 xubilacións nesta categoría

A situación da USC é particular. Por unha banda, arrastra unha débeda superior á que teñen, por exemplo, as universidades da Coruña e Vigo, o que complica a súa xestión. Pola outra, conta entre o seu profesorado cun número moi elevado de persoas que, por idade e méritos, teñen a posibilidade de acceder a unha cátedra. Na UDC ou na Uvigo, universidades máis novas e cun profesorado igualmente de menor idade media, o número de acreditados e acreditadas é menor, o que limita a acumulación que se está a producir en Compostela.

A USC conta entre o seu profesorado cun número moi elevado de persoas que, por idade e méritos, teñen a posibilidade de acceder a unha cátedra

Ninguén pon en cuestión que estas persoas teñen o dereito a acceder a estas prazas, unha caste de promoción interna na universidade (que en realidade non ten ese mecanismo, que sen dúbida facilitaría o proceso). Ao cabo, como explica o equipo reitoral da USC, é unha cuestión de cartos, de limitacións orzamentarias e de prioridades. Ao abeiro do Plan de Equilibrio Económico-Financeiro, todos os colectivos da Universidade están a sufrir recortes en persoal: nos PAS non se van repoñer prazas ata o 2020 (é dicir, non se vai cubrir ningunha das xubilacións que se produzan) e no PDI a taxa de reposición seguirá a ser do 10%, xa non porque o esixa a lei, senón polo acordo ao que se chegou coa Xunta. O reitor Juan Viaño lembrou nas últimas semanas que a política decidida pola USC pasa por priorizar a estabilización do profesorado, para despois ir sacando prazas de promoción de titulares e de catedráticos.

Viaño lembrou nas últimas semanas que a política decidida pola USC pasa por priorizar a estabilización do profesorado, para despois ir sacando prazas de promoción de titulares e de catedráticos

Así mesmo, explicou que para crear cada praza de catedrático e catedrática se debe facer unha reserva nos orzamentos de máis de 60 mil euros. Isto é así porque cando se crea unha praza deste tipo, a convocatoria é aberta, polo que non existe a seguridade de que vaia ser ocupada por algún dos profesores titulares da USC. En consecuencia, o resultado podería ser a contratación dun novo docente (mantendo por suposto o contrato do profesor ou profesora da Universidade de Santiago), coa conseguinte duplicación do gasto. Na gran maioría dos casos isto non sucede, de xeito que o docente da USC acada a praza de catedrático/a, polo que o seu custe para a institución non variaría demasiado. Porén, o mesmo acordo ao chegaron Xunta e universidade, obriga a institución a non tomar risco ningún nos seus orzamentos, estando obrigada a prever esta dotación ante calquera eventualidade.

"A Xunta debe observar o que se está a facer no resto de administracións públicas. E o Reitorado debe defender ante a Xunta esta posición"

Rosa Mosquera, profesora da Escola Politécnica Superior e unha das voceiras deste colectivo, non lle ve o sentido a esta dotación orzamentaria dobre e pídelle ao Goberno galego unha renegociación das condicións impostas á USC no capítulo de gasto de persoal. "A Xunta debe observar o que se está a facer no resto de administracións públicas. E o Reitorado debe defender ante a Xunta esta posición", destaca. "Noutras universidades de toda España esta situación si que se foi resolvendo, creando cátedras, en maior ou menor número, a pesar dos recortes", sinala.

Este colectivo de acreditados e acreditadas (máis de 150, sobre un total de 1.000 profesores e profesoras titulares na USC) levou hai un mes a súa protesta á xuntanza do Consello de Goberno da USC e dende entón está deixando notar as súas reivindicacións. Reclaman unha inmediata convocatoria de prazas (ao redor de 50), para solucionar a situación das persoas que levan máis anos agardando para acceder a esa categoría. E que, a partir de aí, se fixe un calendario para, de forma progresiva, ir creando as prazas restantes. "O importante é que teñamos expectativas, porque ata o de agora a previsión é que se creen cero prazas. Ten que haber unha luz, unha perspectiva de que isto se pode lograr", destaca Rosa Mosquera. Sinalan igualmente que o colectivo foi "solidario nos últimos anos" e "non fixo causa da promoción mentres a crise foi máis dura".

"O importante é que teñamos expectativas, porque ata o de agora a previsión é que se creen cero prazas. Ten que haber unha luz, unha perspectiva de que isto se pode lograr"

Ese medio cento de contratos responden ao número de catedráticos e catedráticas da USC que se xubilaron nos últimos anos. "E moitos máis van ir xubilándose a partir de agora. Isto vai supor unha gran descapitaliación da USC, unha perda de importante capital humano. Os catedráticos e catedráticas acadan esa categoría pola súa capacidade de investigación e experiencia docente", denuncia Mosquera. De igual xeito, o profesor Arturo Casas sinalaba hai unhas semanas en Praza as "graves consecuencias" deste bloqueo, que "traerá nefastos efectos para a universidade, que asiste xa agora, e seguirá asistindo se non se remedia, á descapitalización dunha serie de parámetros que non será doado revitalizar pasado o curto prazo". Denuncian, así mesmo, que se estaría a producir "unha fuga de cerebros", a través da marcha de docentes a outros centros, na procura de mellores perspectivas de acceso á cátedra.

"Isto vai supor unha gran descapitaliación da USC, unha perda de importante capital humano. Os catedráticos e catedráticas acadan esa categoría pola súa capacidade de investigación e experiencia docente"

"A universidade está formada por moitos colectivos, todas as súas reivindicacións son xustas e hai que atopar un equilibrio. A política de persoal debe garantir as estabilizacións, as consolidacións, as promocións, o mantemento dun persoal suficiente para a prestación do servizo", di Mosquera. "Quen forma e formará a esas persoas que hai que estabilizar?", pregúntase, e apunta á realidade que sofren numerosas facultades, sobre todo as máis novas, que contan con moi poucos catedráticos e catedráticas ou que mesmo carecen desta figura. Hai que sinalar, igualmente, que a limitación establecida na creación de cátedras está ralentizando o acceso das mulleres a esa categoría. Entre o 2008 e o 2013 a súa proporción nas tres universidades galegas pasou do 18% ao 22%. Dende entón esta porcentaxe apenas variou. 

A solución pasa, ou ben por unha reformulación das prioridades da USC ou por unha renegociación coa Xunta das condicións impostas no referente ao gasto en persoal

A solución pasa, ou ben por unha reformulación das prioridades da USC (o que prexudicaría a outros colectivos) ou por unha renegociación coa Xunta das condicións impostas á universidade (ou autoimpostas por parte da institución), no referente ao gasto en persoal. Máis ou menos no mesmo sentido das críticas que A Trabe, a Liga Estudantil Galega e algún outro colectivo realizaron hai dous anos no momento en que o claustro aprobou o seu plan económico plurianual. Nese momento alertouse de que "sen un novo plan de financiamento a actual situación de recortes en persoal e de limitación de recursos manterase nos vindeiros anos" e apostouse por "buscar alternativas", máis financiamento público e unha distinta fórmula para renegociar a débeda da universidade.

 

Manifestación contra os recortes na Universidade CC-BY A Trabe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.