0 Gardados para despois

10 anos difundindo o software libre "en mancomún"

Redacción | @prazapublica

O 10 de maio do ano 2006 nacía Mancomún, a web de referencia do software libre en Galicia. Naceu como unha iniciativa da Consellería de Innovación e Industria "coa intención de ser un punto de encontro dos diferentes proxectos e actividades sobre Software Libre que se están a desenvolver na nosa comunidade", buscando converterse, ademais nun "espazo de traballo conxunto que integre e dinamice aos diferentes axentes que están a traballar neste eido en Galiza: empresas, universidades e centros de ensino, concellos, asociacións, etc".

A iniciativa botou a andar o 10 de maio de 2006 "coa intención de ser un punto de encontro dos diferentes proxectos e actividades sobre Software Libre que se están a desenvolver na nosa comunidade"

Na presentación incidiuse na definición de mancomún ("unión de persoas, esforzos, intereses, institucións ou cousas para acadar un determinado fin común, ou atender servizos e problemas comúns...") como eixo e termo que se axustaba á perfección á filosofía do software libre. E, ademais, a Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Elena Veiguela Martínez, presentou os principais datos do "Estudo sobre a implantación do Software Libre en Galiza”, no que se destacaba un "desenvolvemento desigual", cunha penetración do 58% no sector das empresas TIC, do 32% nos concellos, un 20% nos centros de ensino e un 10% nas pemes.

Acolle entre outras iniciativas o Repositorio de Software Libre de Galicia, no que hai rexistrados un total de 310 proxectos

Dez anos son un tempo longo no sector das novas tecnoloxías. Hoxe o portal Mancomún, dependente da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acolle entre outras iniciativas o Repositorio de Software Libre de Galicia no que hai rexistrados un total de 310 proxectos, dos cales 18 son proxectos liberados pola Xunta, e o Repositorio Documental de Software Libre, no que se publicaron máis de 160 materiais formativos e divulgativos con licenza libre e en formatos abertos. Nos seus dez anos de actividade, o portal fíxose eco dunhas 4.650 novas relacionadas co software libre; ademais publicáronse 40 entrevistas a empresas, persoas ou axentes de relevancia no eido do software libre. Durante o ano 2015, o portal tivo unha media de 21.700 visitas mensuais.

Coincidindo con este décimo aniversario, no último trimestre deste ano está previsto publicar unha nova versión do portal, que renovará contidos e estruturas e adecuarase ao seu uso nos dispositivos móbiles. Ademais, vén de estrear o seu dominio .gal. Nestes dez anos Mancomún "serviu de canle de comunicación pública na que informar das distintas iniciativas neste eido, non só da Administración Autonómica, senón tamén do resto de axentes promotores do software libre en Galicia; e proporcionar un conxunto integrado de servizos dirixidos a promover a súa difusión, formación e desenvolvemento", destacan os seus responsables.

 

Uso do Software Libre en Galicia

Máis da metade das pequenas empresas galegas empregan Software Libre, un 51,2%, unha porcentaxe que crece ata o 85% no caso das compañías cun cadro de persoal superior aos dez empregados/as

Máis da metade das microempresas galegas (as que contan con menos de 10 traballadores/as) empregan Software Libre, un 51,2%, unha porcentaxe que crece ata o 85% no caso das compañías cun cadro de persoal superior aos dez empregados/as. Estas cifras sitúan a Galicia na media española (85,6% nas empresas de 10 ou máis traballadores/as) e amosan un evidente crecemento dende o ano 2006 (a proporción era do 10,1% daquela). Mellores son os datos nas empresas TIC: Un 84,7% das empresas informáticas galegas empregan Software Libre (en 2014). En canto aos concellos, en 2013 oito de cada dez (o 79,5%) dispuñan de software libre nalgún equipo informático.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.