Unha quincena de emprendedores e activistas xuntáronse esta fin de semana no espazo de coworking Sende (Lobeira, Ourense), para participar nunha acción de innovación tecnolóxica para deseñar solucións creativas para aplicar de forma inmediata e paliar a actual crise humanitaria, creando ferramentas de apoio para facilitar o traballo das ONGs e a autonomía diaria dos refuxiados e refuxiadas. Durante dous días, tras sesións de debate sobre as necesidades destas persoas e das entidades sociais que traballan sobre o terreo, creáronse e presentáronse tres proxectos. A iniciativa súmase ao movemento Techfugees, que tivo réplicas en Berlín, Nova York, Helsinki, Turín, París, Londres, Sydney ou Tel Aviv.
En concreto, os e as participantes no encontro traballaron en tres proxectos:
- Game for change: Unha plataforma web para conectar a persoas refuxiados con voluntarios e voluntarias mediante xogos colaborativos en liña e chats con tradución simultánea.
- Refu.gal: Un GPS para barcos a partir dun desenvolvemento tecnolóxico con xeolocalización para permitir que a través de dispositivos móbiles as organizacións sociais podan monitorizar o seguimento dos barcos nos que chegan os afectados polas guerras.
- Red Alert Refugees: Deseño de prototipo para web e campaña crowdfunding para visibilizar a actividade desta organización galega que coordina unha rede de voluntarios e voluntarias por toda Europa.
“Estamos convencidos de que mediante as novas tecnoloxías e, sobre todo, o poder da xente pódese xerar unha intelixencia colectiva que axude a solucionar problemas e situacións coas que moitos cidadáns non estamos de acordo”, destacou África Rodríguez, xestora e fundador de Espacio Arroelo, facendo unha valoración xeral do encontro. Os e as organizadoras tamén fan referencia á cita de Eduardo Galeano (“Moita xente pequena, facendo cousas pequenas en lugares pequenos poden cambiar o mundo”) como unha boa definición da "experiencia social vivida esta fin de semana" nesta aldea de Senderiz, en Lobeira. Os e as participantes detacaron tamén as vantaxes de organizar un encontro deste tipo nunha contorna rural, cun "ritmo diferente" ao das cidades, que lles achegou "enerxía" para o desenvolvemento dos proxectos.
O Hackathon for Refugees (Galicia) foi organizado en colaboración con empresas e asociacións locais como Espacio Arroelo, Impact Hub Ría de Vigo ou o propio espazo Sende. O evento contou, ademais, co patrocinio de SolidQ e Dinahosting, con quen se poñerán en común as conclusións para seguir traballando o desenvolvemento destas primeiras ideas e prototipos conseguidos, segundo destacan os e as impulsoras desta iniciativa. "O que queríamos era crear proxectos e aplicacións que puidesen producir un impacto real", salientan. "O que queremos agora é desenvolver estes modelos, traballándoo a curto e medio prazo con apoio doutras organizacións e outras persoas. Isto non queda nunha fin de semana", conclúen.