O abandono escolar temperán, comunmente coñecido como "fracaso escolar", é un dos principais indicadores que as diversas institucións públicas adoitan abordar como mostra da marcha do sistema educativo en xeral. No caso de Galicia, a Xunta vén destacando o descenso deste indicador ano tras ano e o seu mellor comportamento con relación ao resto do Estado. No entanto, durante os anos da crise económica aumentou a fenda entre o abandono escolar en Galicia a respecto da media da Unión Europea, considerada referencia neste eido. Ese alargamento da diferenza comezou a reducirse nos últimos anos mentres, non obstante, a vantaxe a respecto da media estatal cada vez é menor.
Segundo o anuario estatístico acabado de publicar por Eurostat, a oficina estatística da Comisión Europea, no ano 2015 o 17% da poboación galega de entre 18 e 24 anos abandonara os estudos antes de finalizar a educación secundaria obrigatoria e non seguiu, posteriormente, outros itinerarios formativos regulados. É un punto e medio menos que en 2014 e case seis puntos menos que a mediados da década anterior. Nese mesmo ano o abandono escolar temperán afectaba na media do Estado a un de cada cinco estudantes, mentres que no conxunto da UE descendía ata o 11%.
Nos anos da 'bonanza económica', con boas ratios de emprego xuvenil, o abandono escolar temperán achegouse ao 26% en Galicia
Esta evolución supón rebaixar de xeito sostido a diferenza coa Unión Europea tras dous períodos de mal comportamento deste indicador. Durante os anos considerados de bonanza económica, no que as ratios de emprego xuvenil en Galicia eran notablemente mellores que na actualidade, a porcentaxe de persoas de 18 a 24 anos que deixaran os estudos achegouse no país ao 26%, chegando a diferenza coa UE a máis de 11,5 puntos no ano 2009. A fenda diminuiu nos dous anos seguintes pero volveu aumentar de 2011 a 2012, cando acadou 10 puntos. Dende ese ano está a descender, ata chegar aos 6 puntos de 2015.
Mentres, o abandono escolar galego segue a ser inferior ao español, aínda que a marxe é cada vez máis estreita. Ao inicio desta serie, en 2005, a taxa española situábase no 30%, case 8 puntos máis que en Galicia. No entanto, no ano 2008 a diferenza entre o comportamento do estudantado galego e a media estatal reduciuse a dous puntos e no ano 2015 ficou en tres.
A redución da marxe neste indicador entre Galicia e España débese, entre outros factores, a que a redución do abandono escolar en Galicia é constante, pero o seu ritmo é inferior ao doutros territorios da contorna. Unha das mellores mostras desta circunstancia é Portugal, que hai apenas dez anos rexistraba un fracaso escolar de case o 40%, uns 15 puntos por riba de Galicia. Unha década despois o abandono escolar temperán portugués é, malia os recortes derivados do rescate europeo, algo inferior ao 14%, o que deixa a escola do país veciño cun comportamento 3,3 puntos mellor neste eido que a escola galega.