A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de divulgar este domingo un informe sobre o uso do software libre nos concellos de Galicia. Como resumo dese documento o Goberno galego salienta que “oito de cada dez concellos empregan software libre” e que “a Amtega vén desenvolvendo desde 2010 estratexias anuais de impulso ao uso do software libre entre a cidadanía, as empresas e as administracións”. Porén, o software libre segue a remolque e a Xunta teima en privilexiar nos seus contratos públicos o software privativo, en boa parte das ocasións esixindo que os equipos que compra equipen o sistema operativo de Microsoft.
A Amtega salienta que “oito de cada dez concellos” o empregan, pero minimiza que os que só usan programas privativos multiplican por dez aos que só usan os libres
A análise do informe divulgado pola Amtega permite comprobar tamén os matices existentes máis alá dos titulares que salienta o goberno galego. O documento parte de 220 enquisas realizadas por internet no último trimestre de 2015 para comprobar a evolución do software libre en nos concellos de Galicia a respecto de dous anos antes. Segundo o informe, “o 82,6% dos concellos dispón de software libre nalgún equipo informático, sexan ordenadores de usuario ou servidores”. Porén, dese total só o 2,4% emprega exclusivamente o software libre nos ordenadores de usuario, mentres que a cifra dos que empregan só software privativo no mesmo tipo de equipo multiplícase por dez, ata o 22,9%. Nos servidores a situación non é mellor, cun 4,9% dos que só empregan software libre fronte a un 43,2% que só empregan o privativo. A enquisa nada di sobre o volume total de licencias de software privativo que se agochan tras esa inmensa maioría de concellos que o empregan aínda que sexa de xeito combinado co libre.
A enquisa non deita luz sobre o volume de licenzas privadas nos municipios que combinan ambos tipos de aplicacións
A enquisa da Amtega tamén revela que dentro dos concellos que empregan algún tipo de software libre, só o 39,4% o fai a través dalgún sistema operativo nos ordenadores de usuario, sendo a maioría dos usos nas aplicacións. Porén, nos servidores xa é maior o emprego do software libre nos sistemas operativos, cun 29,7%, fronte ás aplicacións, cun 28,9%.
Segundo a enquisa, mentres o 51,5% dos concellos recibiron no último ano algún tipo de acción comercial de software privativo, só o 24,5% a recibiron de software libre. Ademais, o 80% dos concellos galegos consideran que o software libre aumentará ou manterase nos próximos dous anos. E cando se lles pregunta polas barreiras para que non empreguen xa máis software libre, estes contestan salientando a falta de formación, o descoñecemento do software libre ou a falta de persoal ou cualificación para manexalo. Os propios concellos demandan fundamentalmente máis formación en software libre aos usuarios finais dos seus equipos.
O 51,5% dos concellos recibiron no último ano algún tipo de acción comercial de software privativo fronte a só o 24,5% que a recibiron de software libre
Malia estes resultados, o Goberno galego eloxia que “dende o 2010 a Amtega ven desenvolvendo estratexias anuais de impulso ao uso do software libre nas empresas, na administración e entre a cidadanía, nas que colaboran os axentes galegos tanto en accións de fomento e difusión como de formación”. “Entre outras actuacións, nos últimos anos comezou a implantarse o plan de migración do posto de traballo a software libre, e continuouse coa formación en materia de software libre ao empregado público (EGAP) e coas as actividades de asesoramento e difusión sobre ferramentas libres aos diferentes departamentos da Xunta”, di a Xunta.