Este xoves présentase LEGA (Lecer Galego), un portal que quere recompilar, crear e promover recursos lúdicos dixitais con licencias libres. É unha iniciativa de GalegoLab, a plataforma de crowdsourcing na que se desenvolveron algúns destes contidos. Entre eles están Galegogym -un CD de música para facer fitness en galego-, videoxogos en galego ou recursos relacionados coa astronomía. O proxecto presentarase ás 11.30 horas na Libraría Couceiro de Compostela, da man de Carlos Ares e Cani Martínez, membros da xunta directiva de GalegoLab, e Xabier Seixo -o encargado do desenvolvemento de LEGA-, con quen falamos.
"Hai varías vías para encher ese oco; por unha banda pódense ordenar cousas que xa existen; pódese facer produción propia, desenvolvendo novos proxectos; e tamén se poden traducir ou adaptar proxectos que existen a nivel internacional"
LEGA nacerá esta semana con poucos contidos aínda, pero co obxectivo de ir crecendo mes a mes, axudando a recompilar e difundir os contidos e recursos xa existentes, algúns xerados no propio espazo de GalegoLab, creando contidos propios, promovendo a adaptación de recursos existentes noutras linguas ou promocionando que calquera entidade ou empresa xeren novos elementos lúdicos, que a partir de agora gozarán de maior visibilidade. "O material dixital de lecer en galego é moi pouco", salienta Seixo, que engade: "E hai varías vías para encher ese oco; por unha banda pódense ordenar cousas que xa existen; pódese facer produción propia, desenvolvendo novos proxectos; e tamén se poden traducir ou adaptar proxectos que existen a nivel internacional".
Lecer Galego ofrecerá este xoves Galegogym, un CD de música, en Creative Commons, para facer fitness en galego, que contou coa colaboración de artistas como GalegoZ, Zimmer 103 e Projecto Mourente. Tamén se poderá utilizar Astronomía básica, un recurso de astronomía dirixido aos afeccionados e que consta de material dixital de astronomía, unha guía de astronomía básica e un DVD do sistema operativo Ubuntu en galego, totalmente funcional para usos xenéricos, e modificado de tal xeito que se engaden tanto programas de astronomía en galego de mapas e atlas celestes (Stellarium e Cellestia). Haberá tamén xogos para ordenador totalmente traducidos ó galego, coma Frozen Bubble e Childsplay, aos que nas vindeiras semanas se engadirán outros.
Xabier Seixo salienta que "aínda non podemos saír con máis material propio, pero a idea é ir in crescendo; preferimos nacer con poucas cousas, pero ir incorporando novidades continuamente". A idea, segundo Seixo, "é tender pontes con outras entidades e asociacións, para a difusión destes contidos e para a creacións doutros novos. Comezamos con poucos contidos, pero hai varios proxectos colaborativos na recámara".
"Hai moitos handicaps", e un ten que ver "coas reticencias que a xente demostra á hora de pagar por contidos dixitais"
Segundo Seixo, a presenza do galego nas novas tecnoloxías "está bastante ben ocupado, sobre todo no software libre, e practicamente todos os navegadores e sistemas operativos están en galego. Queda Mac, pero con Mac pasa o mesmo que cos videoxogos: teñen un mercado gañado e non amosan interese por estar en máis linguas". Pero a cousa cambia nos produtos de lecer. E é algo que non sucede só co galego, senón que pasa con todas as linguas minorizadas ou que non teñen moitos millóns de falantes.
"Sabemos que imos ir sempre a remolque, pero hai que ir dando pasos"
Non é doado, e Seixo lembra que "hai moitos handicaps", e un ten que ver "coas reticencias que a xente demostra á hora de pagar por contidos dixitais. Se xa non ten hábito, moito menos o vai ter cun produtos dixital en galego; o galego non é quen de competir no mercado aberto neste ámbito". Para Seixo, "o lecer xera moitísimos beneficios e as empresas do mundo do lecer dixital non se preocupan demasiado por facer produtos para estas linguas. E daquela temos que buscar solucións. Sabemos que imos ir sempre a remolque, pero hai que ir dando pasos. Algúns xa se deron, pero hai que traballar moito, sobre todo no lecer".