Un Jameson madurado en barrica de carballo galego certificado. É a carta de presentación cara á que avanza unha das referenciais mundiais na destilación de whisky, a irlandesa Irish Distillers, en colaboración co grupo de investigación GI-1720 Enerxía, Mecanización e Modelización Agroforestal da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo. Inserido no proxecto Campus Terra, estes investigadores da USC veñen de reforzar as súas ligazóns coa propietaria de marcas tan coñecidas como Jameson para explorar a posibilidade de que o carballo do país co que fabrica as súas barricas sexa madeira certificada.
Unha delegación de Irish Distiller vén de visitar o campus lucense e varios puntos da provincia para, detallan dende o proxecto, "supervisar sobre o terreo a evolución dos traballos" e, sobre todo, acordar "continuar a colaboración". Tras avanzar durante varios anos "na valoración das propiedades da madeira das diferentes especies de carballo galego como materia prima" para elaborar as barricas nas que é madurado o whisky, os "excelentes resultados acadados" permiten abordar unha nova fase: "Coñecer a valoración" que os clientes de Irish Distillers "fan da Certificación Forestal como garante da correcta xestión medioambiental".
Irish Distillers garante o apoio ao proxecto da USC durante tres anos máis
Esta fase da investigación, explican, tamén traerá consigo avances "na tramitación de acreditacións de madeira certificada para partidas de carballo galego". Este labor, advirten, "non está exento de complexidades, por mor das singularidades derivadas do pequeno tamaño das carballeiras. Segundo o coordinador da investigación, Pablo Vila Lameiro, "as vantaxes deste proxecto céntranse na incidencia e posta en valor da xestión forestal sustentable", un proceso que "actúa como garantía engadida e permite achegar un valor complementario a un recurso natural do monte galego" e, ao tempo, "constituír unha marca de sustentabilidade e apoio ao desenvolvemento rural".
A xestión forestal sustentable "achega valor complementario a un recurso do monte galego" e "apoia o desenvolvemento rural", di o coordinador do proxecto
A continuidade do acordo de financiamento coa compañía irlandesa, informa a USC, garante a continuidade destas investigacións durante, cando menos, tres anos máis. O equipo de investigadores do campus lugués, aclaran, "conta co recoñecemento, pero non con financiamento" da Xunta para un proxecto que, resalta Vila Lameiro, trae consigo unha obvia "repercusión económica", ademais de "xerar coñecemento científico" e divulgación do traballo realizado.
Xunto co profesor Vila Lameiro participan neste proxecto o profesor da Escola Politécnica Ignacio Díaz Maroto e mais a investigadora Adriana Conde, cuxa tese de doutoramento está vinculada a este proxecto. A iniciativa conta tamén coa implicación do serradoiro Maderbar, de Baralla, e dunha empresa produtora de bocois con sede na provincia de Cádiz.