O Día da Ciencia en Galego é a celebración que en Galicia se fai do Día Internacional da Ciencia. Ten como obxectivo principal salientar a difusión do coñecemento científico en lingua galega e destacar e reparar nas achegas dos galegos á ciencia universal. Naceu hai seis anos da man de asociacións de profesores e sindicatos de ensino medio e fíxoo como contestación ao polémico decreto do plurilingüismo (Decreto 79/2010 do 20 de maio) e contra a política lingüística do PP á fronte da Xunta. Foi unha contestación contra a decisión de vetar o galego nas aulas de ciencias, xa que a normativa -aínda vixente- prohibiu a lingua propia nas clases de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química.
O Día da Ciencia en Galego naceu hai seis anos nos centros de ensino medio en contestación ao decreto do plurilingüismo
Aquela orixe reivindicativa segue presente, pero o Día da Ciencia en Galego foi institucionalizado totalmente. Con todo, son moitas as críticas que desde as asociacións de profesorado se verten a unha divulgación da xornada que consideran escasa por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüistica. Nesta sétima edición, os protagonistas aos que se lles dedicou a xeira foron Gregor Mendel, como figura internacional, e aCruz Gallástegui no ámbito galego. A escolla tivo que ver coa decisión da ONU de celebrar o ano 2016 como ano internacional dos legumes.
A xornada foi a resposta ao veto á lingua galega nas ensinanzas científicas
Así, o Día da Ciencia en Galego celebrado este pasado venres recoñeceu a Cruz Ángel Gallástegui Unamuno pola súa faceta de investigador no campo da xenética vexetal pero tamén polo seu "profundo" compromiso cos problemas de Galicia na súa época. Ao tempo, recoñeceuse a Gregor Mendel, o pai da xenética e autor das leis que levan o seu nome.
O acto oficial tivo lugar no Pazo do Hórreo, que alberga o Parlamento de Galicia e que antes foi a sede dun cuartel militar e da escola de veterinaria. Durante a etapa en que o edificio se dedicou a fins educativos, parte do seu terreo utilizouse para a Misión Biolóxica de Galicia que lideraba o propio Cruz Gallástegui. "Aquí naceu o primeiro millo híbrido de Europa", destacou o vicepresidente da Cámara, Diego Calvo.
Cruz Gallástegui, introdutor da xenética vexetal e da Misión Biolóxica de Galicia, foi o homenaxeado este ano
O labor deste vasco nacido en Bergara (Gipuzkoa) en 1891 e que morreu en Pontevedra en 1960 foi glosado no acto pola secretaria de Igaciencia, Inés Ben, e o científico e estudoso Francisco Díaz-Fierros. Este último puxo en valor non só o tamaño das mazorcas logradas por Gallástegui, senón tamén o seu contacto cos agricultores, cos que colaboraba e aos que ensinaba técnicas de cultivo.
Tamén relatou como, tras o traslado da escola de veterinaria, a Misión Biolóxica atravesou uns "anos negros" ata que, en 1927, a Deputación de Pontevedra ofreceu un terreo e uns orzamentos adecuados para poder manter as investigacións. A súa importancia viña dada porque os traballos científicos deste tipo unicamente se facían, naquela época, nun centro de Italia, en tres de Canadá e en 23 espallados polos EUA.
Toda esta actividade converteu o investigador vasco "afín" ao Partido Galeguista, en palabras do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, nun dos "pais da modernización da agricultura galega", cuxo taballo de I+D+i permitiu producións de millo máis sas, máis seguras e de maior tamaño, e contribuíu a mellorar a calidade de vida dos galegos do ámbito rural".
"Foi unha personalidade irrepetible: un erudito, un científico, un investigador e un gran divulgador", salientou o dirixente político en presenza de estudantes do IES Rosalía de Castro de Santiago que asistiron ao acto e entre os que se atopaban dous dos seus bisnetos, tal e como apuntou o propio director do centro, Ubaldo Rueda.
"O galego está en todos os sectores sociais e xa non é percibida como un obstáculo para impartir coñecementos dende as universidades", di Román Rodríguez
Román Rodríguez tamén destacou a súa colaboración co Seminario de Estudos Galegos e coas Irmandades da Fala, institucións que aspiraban a "dignificar a lingua galega naqueles ámbitos nos que estaba relegada", como o académico.
"A Galicia de hoxe é moi distinta", asegurou, toda vez que "o galego está presente en todos os sectores sociais" e xa non é percibida como "un obstáculo" para impartir coñecementos dende as aulas das universidades. Precisamente, son moitas aínda as críticas que advirten de novos atrancos para a lingua galega no ensino, especialmente derivados da política lingüística levada a cabo pola Xunta e do decreto do plurilingüismo que veta o galego nas ensinanzas científicas.