"Nalgúns ámbitos profesionais das TIC moi masculinizados as mulleres non son benvidas"

Milagros Sáinz, directora do Grupo de Investigación Xénero e TIC da Universitat Oberta de Catalunya © Uvigo

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolleu este martes a xornada A muller tecnóloga na Universidade, que buscaba analizar e sensibilizar sobre os obstáculos que aínda sofren as mulleres que estudan titulación técnicas ou que desenvolven unha carreira profesional nestes ámbitos. Nas conferencias e debates participaron Milagros Sáinz Ibáñez -investigadora e directora do Grupo de Investigación Xénero e TIC da Universitat Oberta de Catalunya- ou Carmen Iglesias Escudero -directora xeral do Centro Tecnolóxico EnergyLab-.

Ademais, outras mulleres tecnólogas presentaron os seus casos e experiencias, tanto no eido académico coma da empresa privada. Así, participaron Beatriz Novoa García -investigadora científica do Instituto de Investigacións Mariñas. CSIC-, Coral del Río Otero -catedrática do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo-, ou Ana Mª Ulla Miguel -profesora titular da Área de Astronomía e Astrofísica na Universidade de Vigo-.

Na xornada púxose de relevo a fenda existente dende a base, coa menor presenza de alumnas en moitas carreiras universitarias científico-técnicas, dando pé ao mantemento de estudos e profesións "masculinas"

Na xornada púxose de relevo a fenda existente dende a base, coa menor presenza de alumnas en moitas carreiras universitarias científico-técnicas, dando pé ao mantemento de estudos e profesións "masculinas" (dende a informática á física pasando por varias enxeñarías) nas que, ademais, as mulleres que si as cursan atopan dificultades para ser visibilizadas e respetadas. En concreto, a responsable da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Anabel G. Penín, subliñou que mentres a porcentaxe de alumnas na Universidade de Vigo é do 51%, no eido tecnolóxico redúcese ao 23% e, en concreto na enxeñaría informática limítase ao 17%.

Este foi tamén o aspecto no que tamén centrou a súa intervención Milagros Sáinz, directora do Grupo de Investigación Xénero e TIC da Universitat Oberta de Catalunya, que repasou os factores que frean a presenza feminina no eido tecnolóxico e incidiu especialmente na persistencia dun modelo de profesións femininas e masculinas. Sáinz lembrou que en Informática a porcentaxe de mulleres matriculadas non supera o 14%, unha cifra que mesmo descendeu nos últimos anos.

"É moi importante que as achegas das mulleres á ciencia e á técnica sexan visibles nos libros de texto, evitando a invisibilización de mulleres e das súas contribucións"

"Hai que traballar dende todos os axentes de socialización: escola primaria, secundaria, familia, medios de comunicación... Hai que normalizar a idea de que nin a ciencia, nin a informática nin a tecnoloxía son masculinas”, destaca. Sáinz tamén salienta a falta de referentes femininos entre o profesorado de secundaria, xa que os docentes das materias relacionadas coa tecnoloxía son maioritariamente homes (95%). "É moi importante que as achegas das mulleres á ciencia e á técnica sexan visibles nos libros de texto, evitando a invisibilización de mulleres e das súas contribucións, que podería servirlles ás alumnas como referentes para xerar vocacións profesionais", di e engade: "é fundamental tamén a implicación das familias; os pais e as nais son responsables directas das vocacións que desenvolven os seus fillos e fillas".

"Nalgúns ámbitos moi masculinizados, as mulleres non son benvidas, recoñecendo en ocasións os responsables desas empresas ou departamentos que non queren contratar traballadoras"

Porén, a investigadora subliña que as dificultades continúan para as mulleres que desenvolven as súas carreiras profesionais no ámbito TIC, e en calquera ámbito tecnolóxico e mesmo científico. "Nalgúns ámbitos profesionais das TIC moi masculinizados, as mulleres non son benvidas, recoñecendo en ocasións os responsables desas empresas ou departamentos que non queren contratar traballadoras, argumentando que os compañeiros poden namorar das mulleres, que poden xurdir relacións entre os compañeiros de traballo e, en definitiva, distraerse", alerta. "O problema de fondo é que hai unha falta de recoñecemento das mulleres nestes ámbitos. A consecuencia é que mesmo onde hai mulleres, e mesmo cando as mulleres levaron o peso dun proxecto, despois non o poden presentar publicamente elas, alegando unha perda de credibilidade. Sobre todo en espazos moi masculinizados, coma o Exército", explica.

A isto únense outras eivas comúns a todas as profesións e todos os ámbitos: a dificultade de conciliar vida laboral e vida familiar ou labores de coidados -realizados maioritariamente por mulleres-, o que leva en ocasións as mulleres a abandonar ou a dedicar menos tempo ás súas carreiras investigadores ou docentes, e sitúaas nunha posición de desvantaxe fronte aos varóns. "É imprescindible equiparar por lei as baixas para homes e para mulleres", demanda Sáinz neste senso.

 

Vencer obstáculos no eido rural e forestal

A isto únense outras eivas comúns a todas as profesións: a dificultade de conciliar vida laboral e vida familiar ou labores de coidados -realizados maioritariamente por mulleres-

A iniciativa foi organizada polo polo grupo de investigación AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal; as súas responsables lembraron as trabas que persisten para que as mulleres enxeñeiras que fagan un oco no eido rural e forestal: “o sector agrario e rural é tradicionalmente complicado para que as mulleres enxeñeiras e tecnólogas desenvolvan a súa carreira profesional”. Pola súa banda, a concelleira de Igualdade de Vigo, Uxía Blanco, subliñou a necesidade de traballar co estudantado de primaria e especialmente de secundaria, para o que xa existe unha colaboración do Concello e a Universidade, de xeito que a comunidade investigadora das escolas e facultades lles achega aos rapaces e rapazas a realidade das diferentes carreiras e as súas saídas profesionais.

 

Milagros Sáinz, directora do Grupo de Investigación Xénero e TIC da Universitat Oberta de Catalunya © Uvigo
A xornada 'A muller tecnóloga na universidade' celebrouse este martes na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.