30 das 53 comarcas galegas presentan concentracións de radon superiores aos 300 Bq/m3 (becquerelios por metro cúbico de aire no interior). Así o revela o estudo que este venres presentaron en Compostela os profesores de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Alberto Ruano Raviña e Juan Miguel Barros Dios, este último director do Laboratorio de Radon de Galicia e responsable do proxecto. O equipo elaborou un detallado mapa das concentracións de radon residencial na nosa comunidade, a partir de 3.400 medicións, que inclúe unha descrición da súa situación nos distintos concellos, e as medias en cada localidade e comarca.
A exposición ao gas radon é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco do cancro de pulmón e o primeiro en persoas que nunca fumaron
A exposición ao gas radon é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco do cancro de pulmón e o primeiro en persoas que nunca fumaron. Dadas as características xeolóxicas do seu solo (por exemplo a alta presenza de granito), Galicia é unha zona de elevada de exhalación de radon, que se fai máis manifesta nas provincias de Ourense e Pontevedra. O mapa, en constante crecemento e actualización, pretende cumprir unha función de servizo público, servindo de indicador para as distintas administracións na súa tarefa de limitar a posibilidade de exposición a este axente canceríxeno, algo recomendado pola OMS.
Pero que é o radon? En que medida é perigoso nos niveis no que se detecta nalgunhas zonas de Galicia? e en que medida debe estar preocupada a sociadade ante a súa presenza? O radon é un elemento radiactivo natural que procede da codia terrestre, produto da descomposición do uranio. É un gas, que nese proceso de descomposición, emerxe cara á superficie. "O que sucede é que cando atopa unha construción, tende a acumularse no seu interior, porque non pode saír cara a fóra, por un efecto de campá ou burbulla. Esa é a razón de que nas vivendas ou nos lugares de traballo adoita haber máis radon que ao aire libre", explica Alberto Ruano Raviña (USC). A presenza de radon varía dunhas zonas a noutras en función da composición do terreo. Galicia é unha das zonas do Estado con maior concentración de radon, xunto co oeste de Asturias e Castela-León, norte de Estremadura e algunhas zonas de Andalucía.
Os estudos clínicos realizados en Galicia polo grupo de investigación ao que pertence Ruano proban a maior incidencia deste cancro nas persoas non fumadoras que viven en espazos con alta concentración de radon
O radon produce cancro de pulmón ao ser inhalado, todas as axencias internacionais así o certifican. Os estudos clínicos realizados en Galicia polo grupo de investigación ao que pertence Ruano proban a maior incidencia deste cancro nas persoas non fumadoras que viven en espazos con alta concentración de radon. Parte da investigación desenvolveuse nunha estadía de investigación cunha prestixiosa bolsa Fulbright do Departamento de Estado dos Estados Unidos en colaboración co Ministerio de Educación.
A partir de que nivel isto é perigoso? Depende da administración: a Axencia de Protección Ambiental norteamericana considera 148 Bq/m3 como nivel de referencia; pola contra, na UE entrará en vigor en 2018 unha nova directiva europea que elevará este límite ata os 300 Bq/m3 (na actualidade é de 200). Para Ruano, este é un umbral “bastante alto para marcar o punto a partir do cal hai que actuar para reducir a concentración deste gas". "Para que a xente teña unha referencia, estar exposto durante todo o un ano a eses 148 bequerelios equivale a recibir nun ano 200 placas de tórax", explica.
Ruano propón que o radon se inclúa no Código Técnico de Edificación, unha guía que teñen que seguir todos os arquitectos cando constrúen unha vivenda
Que poden facer as administracións para reducir estes niveis de concentración de radon? "As administracións poden coordinarse e establecer unha política cuxo obxectivo sexa reducir a concentración de radon, tanto nas vivendas coma nos centros de traballo", di Alberto Ruano. Entre outras medidas propón que o radon se inclúa no Código Técnico de Edificación, unha guía que teñen que seguir todos os arquitectos cando constrúen unha vivenda. No caso das vivendas xa construídas, propón identificar coa maior exactitude posible as concentracións de radon. E, ademais, levar a cabo plans pra reducir as concentracións de radon nos centros de traballo. E, finalmente, establecer políticas de saúde pública, proporcionando máis información á poboación "sen caer en alarmismos" e facilitando as medicións de radon á poboación, e regulando a calidade das medicións que na actualidade están ofrecendo varias empresas, e tamén institucións públicas, coma o propio Laboratorio de Radon de Galicia.
Ourense é a provincia española con maior incidencia do cancro de pulmón entre as mulleres, sobre todo en idades avanzadas
Ruano explica finalmente que, en todo caso, é o tabaco -con gran diferenza- o principal factor de risco á hora de ter cancro de pulmón. Pero subliña que as altas concentracións de radon elevan moito o risco que as persoas fumadoras teñen que sufrir esta enfermidade. E salienta que Ourense é a provincia española con maior incidencia do cancro de pulmón entre as mulleres, sobre todo en idades avanzadas.
Un total de 20 concellos de Galicia presentan unha media superior a 300 bq/m3 nas medicións realizadas polo Laboratorio. Noutros 41 concellos a media sitúase entre 200 e 300
Un total de 20 concellos de Galicia presentan unha media superior a 300 bq/m3 nas medicións realizadas polo Laboratorio. Trátase de Mondariz, Carballeda de Avia, A Lama, Rábade, Oímbra, Fornelos de Montes, O Bolo, Padrenda, Esgos, A Mezquita, Petín, Ribadumia, Covelo, Ribas de Sil, Malpica de Bergantiños, A Pobra de Trives, As Neves, Lobeira, Cenlle e O Saviñao. Ademais, en 12 deles o 100% das medicións superaron eses 300 bequerelios, e noutros 26 máis da metades das medicións excederon ese nivel, o que amosa a extensión desas altas concentracións por toda a superficie municipal. Noutros 41 concellos a media sitúase entre 200 e 300.