1984-2016: As mudanzas da paisaxe galega, vistas dende o ceo

Vistas da Coruña en 1984 e 2016 CC-BY-SA Praza Pública

Obras, fenómenos naturais, movementos de poboación... Son moitos os factores que deixan mudanzas na paisaxe ao longo da historia. Así se pode comprobar, por exemplo, coa ferramenta que permite comparar imaxes aéreas da Galicia actual coas tomadas nos anos 50 do século pasado por un voo do servizo cartográfico do Exército dos Estados Unidos. Non entanto, non cómpre ir tan atrás no tempo para observar transformacións moi notables no territorio. É o caso das que dende finais de novembro é posible consultar a través dunha nova ferramenta xurdida no proxecto Google Earth Engine, no que a multinacional tecnolóxica desenvolve proxectos ligados á cartografía e que agora amosa nuns poucos segundos as mudanzas do territorio dende 1984.

Unha nova ferramenta de Google permite observar nuns poucos segundos a evolución territorial de calquera punto do planeta dende 1984

Google combinou máis de 5 millóns de imaxes tomadas por cinco satélites, a maioría procedentes do Landsat estadounidense, pero tamén, no caso das máis recentes, do satélite europeo Sentinel-2A, integrado no programa Copernicus da Axencia Espacial Europea. Estas imaxes, combinadas cos paquetes de datos de Google Earth Engine e a tecnoloxía de vídeo desenvolvida na universidade americana de Carnegie Mellon dan como resultado un vídeo interactivo de alcance global para observar a evolución do territorio de todo o mundo nos últimos trinta e dous anos, centrarse en imaxes concretas e mesmo deseñar percorridos personalizados. Un voo virtual por Galicia amosa imaxes coma estas tiradas por Praza.gal, nalgunhas das cales as mudanzas territoriais foron máis intensas nuns poucos anos, os da maior expansión inmobiliaria, que nas dúas décadas anteriores.

A Coruña

Na contorna da Coruña unha das mudanzas máis evidentes entre a imaxe aérea de 1984 e 2016 é a aparición do porto exterior de punta Langosteira. Así e todo, e malia non contar cunha gran resolución, as imaxes amosadas por Google permiten tamén distinguir novas construcións no porto interior, a construción de barrios enteiros e zonas industriais e comerciais, así como vías de comunicación, e desenvolvementos urbanos en vilas da área metropolitana.

Santiago

A fisonomía da cidade que en 1984 levaba dous anos sendo capital de Galicia pouco se parece á de 2016, agás na zona histórica. A comparación amosa as infraestruturas desenvolvidas co gallo do Xacobeo 93, caso do estadio de San Lázaro ou o Multiusos Fontes do Sar e obras de gran impacto como a Cidade da Cultura, o periférico ou o treito urbano da AP-9. Ambas imaxes amosan tamén o crecemento do polígono industrial do Tambre e a súa expansión cara a área industrial da Sionlla, a ampliación do aeroporto da Lavacolla e a construción da autovía que comunica o aeródromo coa cidade

Vigo

A maior aglomeración urbana do país é, atendendo ao amosado nestas imaxes, a que nos anos 80 tiña unha estrutura máis semellante á da cidade actual. No entanto, é evidente a expansión urbanística en varios barrios, a ampliación de infraestruturas industriais e portuarias e, alén da propia cidade, a gran expansión urbanística de concellos do Morrazo, ademais do crecemento da área construída no aeroporto de Peinador ou a aparición de novas infraestruturas viarias que agora articulan a comarca.

Lugo

Como en Santiago, a única área practicamente inmutable en Lugo é a zona histórica e, máis concretamente, a área interior da Muralla. Malia á escasa resolución das imaxes de 1984 a comparación con 2016 amosa evidentes cambios nunha capital lucense que a mediados dos 80 remataba na metade da avenida da Coruña e polo sur, pouco máis alá da avenida de Madrid. O polígono industrial do Ceao dos anos 80 semella minúsculo ao carón da súa extensión de 2016 e a súa expansión ao das Gándaras. O barrio da Acea de Olga e a súa contorna, o novo hospital ou a autovía A-6 son outras das mudanzas máis visibles dende o ceo nestas tres décadas.

As Pontes

Fóra das cidades tamén houbo cambios ben relevantes na paisaxe galega. Un dos máis evidentes é, posiblemente, o sufrido polas Pontes de García Rodríguez, cuxa extensión semellaba en 1984 case insignificante ao carón do gran buraco da mina a ceo aberto da que se extraía o lignito para a central térmica. A ferramenta de Google permite observar como en poucos anos parte da mina pasou a ser unha zona verde e, sobre todo, como o enorme espazo baleiro tornou na actual lagoa de case 9 hectáreas de extensión.

Barreiros

Un chisco máis ao norleste das Pontes está unha das áreas do país que, dentro do período amosado pola ferramenta de Google, permaneceu practicamente inmutable ata o seu treito final. Durante os anos 80 e principios dos 90 no concello mariñao de Barreiros e a súa contorna as únicas variacións eran unhas cantas edificacións. No entanto, a enorme -e, en boa medida, ilegal- expansión urbanística de mediados da década pasada espallou irregularmente zonas urbanizadas por unha costa que agora tamén ve discorrer por ela a autovía A-8.

Todas estas mudanzas e moitas outras poden ser observadas, editadas e presentadas tamén en forma de vídeo. O resultado pode ser semellante a este tour espazo-temporal pola Galicia dos últimos trinta e dous anos:

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.