Queres ser unha Anita Borg? Ou un Richard Stallman?

Dominio Público http://rapacinas.gal/

A quen te pareces? A un Mark Zuckerberg? Ou a unha Mitchell Baker? A unha Radia Perlman? Ou a un Linus Torvalds? Ou se cadra á ferrolá Ángela Ruíz Robles ou a compostelá Ana María Prieto? O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de lanzar unha vistosa web, deseñada por A Navalla Suíza, para animar a rapaces e rapazas a escoller esta carreira profesional a través da presentación de pioneiros e pioneiras do desenvolvemento das TIC. 

"Hai en Galicia unha excelente oferta académica de estudos universitarios no campo da enxeñería ou nas especialidades informáticas da Formación Profesional que podes aproveitar"

"Queremos animarte para que te decidas a facer estudos de informática", destacan na presentación da páxina, que forma parte da iniciativa Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura, que botou a andar en 2015. "Hai boas razóns para formarse no campo da computación, a informática e as tecnoloxías da información: numerosos empregos e boas retribucións para persoal ben cualificado", sublíñase, ao tempo que se detallan Dez razóns para estudar informática e un bo número de Saídas profesionais. Finalmente, saliéntase que "hai en Galicia unha excelente oferta académica de estudos universitarios no campo da enxeñería ou nas especialidades informáticas da Formación Profesional que podes aproveitar", espazos que tamén se debullan na web.

A páxina inclúe un breve test no que a través de seis preguntas: "Cando estás coas túas amigas, como te definen?", "Que actividades son as que máis che gusta facer no teu tempo libre?", "Cando non tes claro como se fai algo en internet, a quen acudes?", "Cando usas o ordenador cales son os programas que máis che gustan?", "Cal é o teu programa favorito para navegar pola rede? e Cando pensas no futuro, que tipo de traballo che gustaría facer?" os mozos e mozas poden descubrir a figura dunha das persoas que nas últimas décadas mudaron a historia do mundo a través da informática.

9 homes e 9 mulleres que "fixeron achegas decisivas na creación de software, na ideación de Internet, na popularización das redes sociais, na creación de novas aplicacións, na procura de ferramentas dixitais máis libres e accesibles"

Son 18 personaxes: Ada Byron (a primeira programadora da historia), Richard Stallman (fundador do movemento polo software libre), Mitchell Baker (impulsora de Mozilla), Alan Turing (precursor da informática moderna), Margaret Hamilton (responsable do deseño e desenvolvemento do software das computadoras das misións do Proxecto Apolo), Charles Babbage (inventor da primeira computadora), Ángela Ruíz Robles (inventora dun precursor do ebook), Dennis Ritchie (creador da linguaxe de programación C e do sistema operativo UNIX), Radia Perlman (autora dun gran número de patentes fundamentais para a seguridade en Internet), Linus Torvalds (creador de Linux), Ana María Prieto (a primeira programadora galega), Tim Berners-Lee (creador do HTML e da WWW), Marissa Mayer (directora executiva de Yahoo), Bill Gates (fundador e propietario de Microsoft), Carol Shaw (primeira deseñadora de videoxogos), Larry Page (cofundador de Google), Anita Borg (pioneira do software libre e impulsora dunha maior presenza das mulleres nas TIC) e Mark Zuckerberg (creador de Facebook).

Todos e todas "referentes de talento, imaxinación, emprendemento e creatividade. Persoas que fixeron achegas decisivas na creación de software, na ideación de Internet, na popularización das redes sociais, na creación de novas aplicacións, na procura de ferramentas dixitais máis libres e accesibles". Nove homes e nove mulleres, porque un dos obxectivos desta iniciativa e suprimir a actual fenda de xénero que segue a existir nas carreiras informáticas e no sector das TIC: "O mundo precisa máis creadoras tecnolóxicas, enxeñeiras e mulleres de empresa", destácase, ao tempo que se subliña que "a presenza feminina nos estudos e profesións tecnolóxicas segue a ser minoritaria e, ás máis das veces, as súas achegas están invisibilizadas".

"As novas tecnoloxías definen en boa medida a arquitectura da nosa sociedade. Hai que garantir nelas condicións de igualdade e reducir a fenda que arreda as mulleres das carreiras universitarias tecnolóxicas e as novas profesións dixitais"

"Houbo e hai avances, pero segue a imporse unha teimuda realidade que sinala aos homes como creadores das innovacións dixitais e informáticas e as mulleres como usuarias", dise, para concluír que "as novas tecnoloxías definen en boa medida a arquitectura da nosa sociedade" e que "hai que garantir nelas condicións de igualdade e reducir a fenda que arreda as mulleres das carreiras universitarias tecnolóxicas e as novas profesións dixitais".

 

A iniciativa ofrece información sobre 18 pioneiros e pioneiras das novas tecnoloxías © http://rapacinas.gal/
A través dun breve test os alumnos e alumnas poden descubrir a quen se parecen máis © http://rapacinas.gal/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.