"En Galicia temos canteira tecnolóxica, pero fai falla máis financiamento"

Entrada ao recinto do congreso © Mobile World Congress

Estes días estase a celebrar en Barcelona o Mobile World Congress, o evento máis importante do sector, que reúne durante unha semana a preto de 100 mil persoas, entre xornalistas especializados e representantes de empresas tecnolóxicas de todo o mundo. Falamos con Iago Varela (Mallando no Android), sobre as novidades que se están a presentar no evento, as principais tendencias no sector e a presenza galega na feira

"Entre o máis destacado estiveron os novos Huawei, o P10 e o P10 plus; é importante porque se trata dunha compañía que creceu moito nos últimos anos e no Estado español xa compite con Samsung por ser o máis vendido"

Cales son as grandes novidades que se están podendo ver no congreso e que veremos nos vindeiros meses na rúa?

Entre o máis destacado do que se presentou este ano estiveron os novos Huawei, o P10 e o P10 plus; é importante porque se trata dunha compañía que creceu moito nos últimos anos e no Estado español xa compite con Samsung por ser o máis vendido. LG tamén presentou o seu buque insignia, o G6. E había dúbidas por se Samsung presentaría o en Barcelona o seu S8, cousa que ao final non se produciu, pero si anunciaron aquí a data de presentación definitiva, que será o 29 de marzo. Finalmente, tamén se presentaron os novos produtos de Nokia, que era un evento moi agardado, porque ser o regreso de Nokia aos móbiles. Hai que dicir que son uns trebellos bastante interesantes, de gama media e prezo moderado, e que fixeron unha chiscadela ao pasado: unha versión do mítico 3310, actualizado e con pantalla a cor. Aínda que non é un smartphone, senón un destes dumbphones, con menos prestacións.

E tamén o 5G...

Si, xa o pasado ano falárase un pouco disto, pero este ano xa é algo real e puideron verse aquí as primeiras probas. O 5G tráenos velocidades moito máis altas de descarga para os móbiles, que é cara a onde estamos camiñando. E está ademais chamado a conectar case todo a Internet, tanto as persoas coma os obxectos. A idea dos fabricantes é que conectemos dende os electrodomésticos ata cousas máis complexas, coma a colocación de sensores en todas as prazas de aparcamento para saber onde hai sitios libres, buscando facilitarlle a vida aos usuarios e usuarias.

"A idea dos fabricantes é que conectemos dende os electrodomésticos ata cousas máis complexas, coma a colocación de sensores en todas as prazas de aparcamento para saber onde hai sitios libres, buscando facilitarlle a vida aos usuarios e usuarias"

O presente e o futuro pasa por este internet das cousas, pola conexión de practicamente todo?

Aquí na feira estanse presentando moitos dispositivos para o conectar elementos no interior das vivendas, tamén dispositivos para conectar vehículo. Os coches conectados van gañando cada vez máis peso no congreso; hai moitos vehículos que xa falan entre si, de xeito que se un ten un accidente avisa os que ten preto. E, de igual xeito, preséntanse varios coches autónomos, os coches que circulan sen condutor. De todas maneiras en España este tema aínda non está regulado, polo que  de momento non poden circular.

Presentouse mesmo, polo que vin que comentabas en twitter, un trebello para colocar nas vacas e que avisa de cando se poñen de parto. As aplicacións son enormes en todos os sectores, tamén para as explotacións gandeiras...

Este dispositivo, que é un proxecto de Moocall, estaba no stand de Vodafone. A min chamoume a atención polas aplicacións que pode ter nun país gandeiro, como Galicia. É importante porque o momento do parto é o momento máis perigoso tanto para a nai coma para a cría; colócase no rabo, e cando se producen contraccións, avisa por rede móbil ao gandeiro.

Falamos moito das presentacións que no congreso se fan de trebellos e dos novos smartphones que lanzan as grandes compañías. Pero supoño que na feira hai moito máis, non si? 

O congreso ten dúas partes. Unha primeira, que é a máis comercial e a que adoita xerar máis novas, que é a parte dos smartphones e outros dispositivos finais. Mais tamén hai unha segunda parte, centrada nas redes e nas comunicacións móbiles, que é menos rechamante para o gran público, pero que é fundamental, porque todos os aparellos que se presentan necesitan unha infraestrutura para funcionar. E aquí están dende empresas de antenas, operadores de telefonía e internet, fabricantes de procesadores, de cámaras, de memorias... O ecosistema é moi grande, pero ao final o que transcende e o que lle interesa á maior parte da xente son os móbiles e os dispositivos que se presentan.

Ti levas uns cantos anos indo ao Congreso. Notas moitos cambios, tanto na organización coma no perfil da xente que vai?

Cambiou, primeiro, o escenario. Os primeiros anos celebrábase na Fira de Barcelona, en Montjuic, pero o congreso medrou tanto que xa hai un tempo que tiveron que comezar empregar un recinto feiral moito máis grande en Hospitalet e á vez, seguir utilizando o primeiro espazo. É tan grande que aínda que esteas aquí todos os días é imposible velo todo. Os perfís non mudaron demasiado nestes anos: está por unha banda un perfil moi profesional, de xente que vén facer negocios, ou xente que vén coñecer produtos, outras empresas. E a outra metade da xente provén de prensa e de medios especializados en tecnoloxía.

"Necesítase máis investimento público en I+D, nas universidades e para o desenvolvemento de start-ups. E estas empresas necesitan facilidades para conseguir empréstitos de xeito que poidan facer avanzar os seus produtos"

E en canto ás empresas galegas, que presenza teñen no congreso?. Que papel xoga Galicia na produción e desenvolvemento tecnolóxico e de que xeito podería ter un lugar máis protagonista?

O certo é que temos unha industria tecnolóxica bastante importante. Hai algunha empresa que ten presenza aquí no Congreso, como Quobis, unha empresa do Porriño que ofrece solucións de VoIP para operadores de cable. Tamén está aquí Televés. E hai unha chea de pequenas empresas galegas que achegan solucións sobre o terreo e que neste tipo de feiras amosan os seus produtos. Temos canteira tecnolóxica, temos xente que está facendo cousas e o que faría falla é máis financiamento. Necesítase máis investimento público en I+D, nas universidades e para o desenvolvemento de start-ups. E estas empresas necesitan facilidades para conseguir empréstitos de xeito que poidan facer avanzar os seus produtos. Así poderíamos ser máis punteiros.

 

Entrada ao recinto do congreso © Mobile World Congress
Interior do recinto © Mobile World Congress
Dispositivo que se lles coloca ás vacas © Iago Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.