"O sector agrogandeiro demanda innovación tecnolóxica para maximizar marxes"

O AirCheck 5SW serve para medir os niveis de amoníaco nos espazos de cría © Sinergia G6

Cada vez son máis as empresas galegas que ofrecen solucións tecnolóxicas pensadas especificamente para o sector agrogandeiro. Unha delas é Sinergia G6, unha compañía nacida en 2015 e instalada no Polígono da Granxa (no Porriño) e que centra a súa actividade en ofrecer melloras en tempo real para granxas. Sinergia G6 está especializada no sector avícola e ten entre os seus puntos fortes a medición e rexistro dos niveis de amoníaco nos espazos de cría "co conseguinte impacto en termos produtivos, económicos, ambientais e de benestar animal", destacan.

Manuel Portela González, director técnico de Sinergia G6, destaca que “os nosos produtos permiten aos produtores avícolas acceder, por fin, á gandaría de precisión”. Pola súa banda, Roberto Goñi Petit, director xeral da compañía, salienta que “o sector agrogandeiro demanda innovación tecnolóxica para maximizar marxes e potenciar a competitividade” e explica que “os directivos e responsables de integradoras e incubadoras necesitan datos en tempo real para a toma eficiente de decisión produtivas e para a mellora do benestar animal”.

Sinergia G6 acudirá á Feira de Produción Animal de Zaragoza (FIGAN), do 28 ao 31 de marzo, onde entre outras propostas presentará AirCheck 5SW. Dende a compañía destacan que se trata do "primeiro dispositivo a nivel mundial que lles permite ás granxas cumprir as Directivas 96/61/CE e 2007/43/CE", que establecen as disposicións mínimas para a protección dos animais destinados á produción de carne. Tamén ofrece un sistema de seguimento en tempo real das variables medioambientais da explotación; a evolución do peso dos animais; o contido dos silos de alimento, e das condicións óptimas no transporte das aves dun día da incubadora á granxa. Todos estes sistemas contrólanse de xeito centralizado en tempo real dende un portal web denominado FarmsCloud.

Nos últimos anos a empresa porriñesa recibiu varios recoñecementos. Por exemplo, foi galardoada do Premio Galicia Emprende 2015 na categoría industrial e tamén foi finalista nos Premios Clúster TIC Galicia 2015.

 

O AirCheck 5SW serve para medir os niveis de amoníaco nos espazos de cría © Sinergia G6
A empresa, con sede no Porriño, ofrece solucións tecnolóxicas para explotacións agroganadeiras Dominio Público Sinergia G6

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.