O alumnado do IES Maruxa Mallo de Ordes, o IES Miraflores de Oleiros e o IES Marco de Camballón de Vila de Cruces conformou hai uns meses a Nosa (Axencia Espacial Escolar Galega) co obxectivo de desenvolver un ambicioso proxecto conxunto entre os tres centros: o lanzamento á estratosfera dunha sonda cunha cámara, un GPS e instrumentos de medición de fenómenos atmosféricos. Será o vindeiro venres 5 de maio dende Ordes, coa previsión de superar os 30 quilómetros de altitude.
Xa o pasado ano os alumnos e alumnas de 3º de ESO do ordense IES Maruxa Mallo levaron a cabo -coa colaboración de Meteogalicia- un primeiro lanzamento do MarumaSat, acadando un grande éxito nos obxectivos propostos. A cápsula, elevada grazas a un globo de helio de 1.6 quilos, chegou aos 22 quilómetros, caendo nun punto do concello da Estrada, apenas a 8 quilómetros de distancia do lugar previsto polo propio alumnado tras calcular distintas variables. Ademais, o aparello conseguiu levar á estratosfera unha imaxe de Manuel María, como celebración do Día das Letras Galegas. O lanzamento da sonda e os primeiros minutos do seu ascenso foron rexistrados en vídeo.
A iniciativa fora impulsada por tres mestres do centro: Raquel Rendo (profesora de Tecnoloxía), Xosé Díaz (de Matemáticas) e Xosé Manuel Fernández (de Lingua Galega). Neste curso Raquel Rendo dá clases en Oleiros e Xosé Díaz en Vila de Cruces. Isto, lonxe de impedir a continuidade do proxecto, fixo que se ampliase, implicando tamén a estes dous centros e permitindo o traballo conxunto entre o alumnado dos tres institutos, que conformaron a Axencia Espacial Escolar. O nome de Nosa (cunha referencia á estadounidense NASA, mais tamén ao valor do propio) foi escollida nunha votación online a través do propio blog do proxecto.
Manteñen unha comunicación permanente a través de Internet e tamén realizan encontros presenciais, coa participación dos case 200 alumnos e alumnas que participan no proxecto. Organízanse, ademais, en distintos grupos de traballo, algúns máis relacionados coa construción física da sonda, outros ligados á realización dos cálculos para o seu correcto voo e aterraxe, outros vinculados ás medicións que a cápsula deberá facer, outros que deben atopar recursos económicos para financiar a iniciativa (varios comercios destas localidades achegaron unha pequena cantidade para facelo posible) e outros encargados de xestionar a difusión e comunicación pública do proxecto, que vai dando conta das súas novidades e avances nun blog.
Sara Castro, alumna do IES de Ordes, é unha das responsables precisamente dese grupo de Comunicación. Destaca que o lanzamento está practicamente listo e que nos últimos días alumnos e alumnas dos tres centros realizaron xa algunhas probas coa sonda. O obxectivo este ano, trala aprendizaxe da experiencia do 2016, é acadar "os 30 ou os 35 quilómetros, fronte aos 22 do pasado ano", di. E destaca o valor formativo desta actividade, non só pola aprendizaxe concreta na construción da sonda e o proceso que levará ao seu ascenso á estratosfera (na que as ciencias e as matemáticas son fundamentais), senón pola experiencia de traballo práctico e de traballo en equipo: "Estudar nun instituto non é só memorizar textos ou facer exames. Con este tipo de proxectos prácticos aprendemos moitas máis cousas. Son iniciativas que espertan a nosa creatividade e axudan a saber traballar en equipo. Axudan a xente, ademais, a descubrir o que lles gusta e a decidir que camiño queren seguir", destaca.