En 2002 botaba a andar en Compostela Dinahosting, empresa dedicada ao rexistro de dominios, hosting, VPS e servidores dedicados, sendo aínda hoxe a única compañía galega autorizada pola ICANN e ESNIC para o rexistro de dominios (en toda España só hai unha ducia de empresas habilitadas). Naceu como unha empresa pequena, froito do impulso das súas seis persoas fundadoras e hoxe, 15 anos despois, conta xa con 92 traballadores e traballadoras, 139 mil clientes e clientas en todo o mundo e unha facturación anual de 13 millóns de euros.
Un crecemento sostido que, ademais, se fixo en galego, ou cando menos empregando a lingua galega con total normalidade e sen complexos tanto no interior da empresa coma cara ao exterior, tanto nas súas comunicacións públicas e publicidade coma na súa relación cos seus usuarios e usuarias. "En Dinahosting o debate sobre o idioma realmente non apareceu en ningún momento: é a lingua do país e dunha parte importante do cadro de persoal e a nivel interno sempre se viviu como algo completamente natural e sen imposturas estrañas", destaca Antía Paz, responsable de comunicación. "Na empresa fálase galego habitualmente. Aínda que tamén hai compañeiros que falan en castelán, en catalán ou en euskera", comenta.
"O uso do galego non era unha cuestión de militancia, senón de normalidade. As persoas que fundaron a empresa eran galegofalantes e entendían que tratar o cliente no seu idioma de referencia era algo positivo, algo que os usuarios agradecían, e algo ademais que eles non experimentaran como clientes doutras empresas", di.
"É difícil ser atractivo e próximo vendendo hostings. O uso do galego achega proximidade, envía unha mensaxe de que nós che podemos ofrecer tan bo servizo como o mellor, pero ademais estamos aí ao teu carón"
Cero obstáculos e, en cambio, moitas vantaxes, comezando por esa conexión e proximidade cos usuarios e usuarias e seguindo por un valor de diferenciación, de identidade con respecto aos moitos competidores no mercado global. "É difícil ser atractivo e próximo vendendo hostings. O uso do galego achega proximidade, envía unha mensaxe de que nós che podemos ofrecer tan bo servizo como o mellor, pero ademais estamos aí ao teu carón", subliña Antía Paz. "Para nós, a lingua é un elemento diferenciador moi importante. Ningunha outra empresa de hosting o está facendo coma nós. O uso do galego dános proximidade e permítenos diferenciarnos", explica. Unha idea na que incidía hai tres anos, no nacemento do dominio galego .gal, Edita de Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (ETSE) na Universidade de Vigo: "No mundo de Internet, se tes algo que te diferencia é máis doado que te atopen".
"Igual que unha gran superficie compite baixando prezos, porque pode, hai grandes empresas que poden ofrecer prezos máis baixos ca nós. Nós non podemos competir en prezo coas multinacionais. Só apostando por algo distinto vas conseguir desmarcarte e ter éxito. Nós diferenciámonos co trato próximo, apostando por estratexias que lle facilitan a vida á xente. E o idioma é unha delas", engade Antía Paz. "Apostamos polo noso. As nosas solucións están feitas na casa, pola nosa xente, con base nos teus intereses reais, á túa medida", destácase na portada da súa web, como mostra desta filosofía.
Dinahosting ten usuarios e usuarias en case todos os países dos cinco continentes, sobre todo neste momento no que a compañía se atopa nun proceso de expansión, á procura de clientes a nivel internacional. Porén, ata agora a base do seu negocio está en Galicia e, despois en Cataluña e Euskadi, unha fortaleza na que o uso das distintas linguas tivo moito que ver. "A política lingüística de Dinahosting vai en consonancia coa política de atención á clientela: se queremos dar unha atención de verdadeira calidade, temos que expresarnos na lingua da nosa xente, desde unha relación de proximidade. Sempre nos diriximos a eles e elas na lingua na que eles o elas o fan". di. "A nosa aposta de coidar o idioma deu os seus froitos", conclúe.
"Non pode darse unha problematización sobre a rendibilidade da lingua para a empresa, xa que fai parte do modelo da mesma dende a súa fundación, hai xa 16 anos"
"Non pode darse unha problematización sobre a rendibilidade da lingua para a empresa, xa que fai parte do modelo da mesma dende a súa fundación, hai xa 16 anos", di Antía Paz, que destaca igualmente que nunca recibiron queixa ningunha nin crítica de ningún usuario ou usuaria. "Temos 140 mil clientes, e case todos os días tuiteamos en galego e tamén o facemos ás veces en catalán ou euskera. Ninguén xamais fixo un comentario negativo. A xente entende que esta é a nosa política", explica. O mesmo sucede con outros posicionamentos públicos realizados pola compañía a través das redes sociais, di: "Dinahosting ten tamén un sentido de responsabilidade social e nalgunhas ocasións manifestámonos sobre un tema de actualidade, por exemplo nos 25 de Xullo, no Día do Orgullo LGTB ou, o outro día, cando chegou a Santiago o autobús de HazteOír. E nunca ninguén nos dixo nada", explica.