O melanoma cutáneo é un dos cancros máis agresivos. É un tumor da pel no que a detección precoz resulta esencial, porque cando mide pouco máis dun milímetro xa pode comezar a diseminarse e a "colonizar" outros órganos. Isto é, a desenvolver a metástase que complica moi notablemente o prognóstico dos paciente. Ata agora as investigacións oncolóxicas puideron paliar este proceso, pero de agora en diante teñen xa algunhas respostas para "unha das grandes preguntas; como se produce a diseminación tan rápida dos melanomas". Esa resposta vén de se publicar na prestixiosa revista Nature e é o resultado do traballo dun equipo de investigación internacional liderado pola investigadora galega Marisol Soengas.
Soengas, bióloga experta en microbioloxía, dirixe dende hai case unha década o Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas e vén de presentar un traballo que, explican dende o CNIO, ten unha "dobre relevancia". "Puidemos descubrir mecanismos descoñecidos do desenvolvemento do melanoma -subliña Soengas- e identificar novos marcadores de metástase", novos sinais de que o tumor ataca outros órganos que "poden abrir novas vías para tratamentos farmacolóxicos".
Boa parte da base desta investigación é o proxecto MetAlert, un traballo con ratos "nos que se pode ver, sen operación cirúrxica nin intervencións adicionais, como o melanoma actúa en todo o organismo desde antes que suceda a metástase". Para facelo contan coas modificacións xenéticas doutro grupo do CNIO, o liderado pola investigadora Sagrario Ortega, cuxo traballo "logrou que os ratos emitan luz" cando os seus vasos linfáticos son atinxidos pola enfermidade. "Estes ratos son idóneos para investigar o melanoma, porque a xeración de vasos linfáticos é un dos pasos iniciais do espallamento deste cancro".
O estudo liderado por Marisol Soengas descubre novos "mecanismos" na metástase do melanoma e permite anticiparse á "colonización" doutros órganos
Este avance abre a porta, daquela, a que a oncoloxía 'corra máis' que o melanoma e que ademais o faga con técnicas de seguimento moito máis "sensibles" que as actuais. "Os investigadores -sinala o CNIO- detectaron os mecanismos que os melanomas activan" nun momento "moi temperán" para "crearen as súas propias autovías de diseminación" polo corpo. "Sospeitábase -ilustran- que os melanomas, antes de se espallar, preparan o terreo dos órganos que van colonizar" e agora o grupo liderado por Soengas "descubriu o porqué". "Cando estes tumores son agresivos -sinala a científica galega- actúan a distancia moito antes do que se cría e fano sen necesidade de recorrer ás proteínas que se consideraban esenciais para activar a creación de vasos linfáticos no tumor". Trátase de todo "un cambio de paradigma no estudo da metástase do melanoma".
Un rato MetAlert con melanoma agresivo antes da metástase (esquerda) e un rato con melanoma non agresivo (dereita), sen alerta luminiscente / CNIO
Unha proteína clave no espallamento do cancro
O traballo "pode adaptarse a distintos tipos de cancro, non só ao melanoma"
Co estudo deste mecanismo sobre a mesa o grupo de investigación foi quen de trazar "un mapa completo de todas as proteínas" que interveñen nesta metástase e atoparon "moitas" ligadas a melanomas que "actúan a distancia". Unha delas é a MIDKINE, na que se centrou o traballo "pola súa novidade e potencial como diana terapéutica". A activación desta proteína en concreto é clave na "capacidade do tumor para espallarse polo organismo", como demostrou a parte do traballo realizado en colaboración con especialistas en dermatoloxía e patoloxía do Hospital Clinic de Barcelona e do 12 de Octubre de Madrid.
"Con MIDKINE -conclúe Marisol SOengas- atopamos unha posible estratexia contra a que desenvolver fármacos". Esta non é a "única diana, por suposto", pero "como o melanoma é o cancro con maior número de mutacións descritas, atopar unha proteína que poida servir para bloquear a metástase é un paso importante". Este achado, asegura este equipo, é "só o principio", porque os seus descubrimentos "teñen unha enorme utilidade", toda vez que "poden adaptarse a distintos tipos de cancro, non só ao melanoma".
Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por