0 Gardados para despois

Unha enquisa en seis hospitais galegos busca mellorar a atención ao ictus

Redacción | @prazapublica

O 22 de xullo celébrase o Día Mundial do Cerebro, que este ano está dedicado ao ictus, co lema Unha de cada seis persoas no mundo ten un ictus unha vez na vida. A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) puxo en marcha en 2016 un proxecto para estudar os recursos de atención ao ictus co apoio da Fundación Barrié e a Fundación Roviralta e a colaboración da Sociedade Galega de Neuroloxía (SGN). A finalidade desta investigación é dobre: Por un lado, incrementar a información da que se dispón sobre o estado real dos servizos e produtos de atención ao ictus nos sistemas públicos de saúde e de protección social. Con esta información poderase facer unha planificación realista sobre a calidade e cantidade de atención, para así poder mellorala e satisfacer as necesidades efectivas das persoas con DCA.

Por outra banda, quere servir como base para a elaboración dun estudo epidemiolóxico sobre o dano cerebral, xa que na actualidade só se conta con datos estimados de incidencia desta discapacidade. Ademais, a análise dos datos recompilados vai ser útil para medir o retorno social do investimento (SROI) na atención ao dano cerebral adquirido, é dicir, para calcular os beneficios –sociais e económicos- de mellorar a prestación de servizos ás persoas con DCA.

A recollida de datos realízase a través dunha enquisa que as persoas dadas de alta por un ictus que queiran colaborar co estudo deben cubrir no momento da saída do hospital e unha vez pasados tres meses da mesma. As enquisas distribúense grazas á colaboración dos e das profesionais da SGN nos seis principais hospitais de Galicia. Unha vez recollidos, procesados e analizados estatisticamente os datos realizarase unha xornada de presentación pública e un plan de reinvestimento do traballo realizado.

"Preténdese xerar información útil para que outras persoas na súa mesma situación reciban a mellor atención posible, chegando a unha aproximación ao número de persoas afectadas por ictus en Galicia, para a partir de aí podermos realizar un estudo epidemiolóxico exhaustivo", destacan dende a Federación Galega de Dano Cerebral. "Os datos de primeira man son fundamentais para crearmos un coñecemento de grande utilidade social. A participación das persoas afectadas resulta moi valiosa porque contribúe a xerar solucións que axudan a reducir as secuelas do ictus e que mesmo poden salvar vidas", engaden.

Ademais, ao longo do ano a Federación Galega de Dano Cerebral realiza diferentes accións e campañas destinadas a sensibilizar á poboación sobre a prevención das principais causas do dano cerebral, que son o ictus e os accidentes de tráfico. O pasado ano, así mesmo, a través da Deputación da Coruña Fegadace levou a cabo o proxecto Que sabemos do ictus?, consistente na realización dunha serie de obradoiros para rapaces e rapazas de 1º e 2º de ESO (asistiron un total de 400 en cinco IES da Coruña e Santiago) e baseados nunha banda deseñada elaborada por Miguel Gallardo.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.