Os camiños son máis curtos co .gal: chega o acurtador galego de enderezos de internet

Páxina inicial de i.gal Dominio Público Asociación PuntoGal

Son moitos os trebellos para acurtar enderezos de internet para así facer máis doado compartilos ou copialos. De agora en diante hai un galego e co selo .gal. A Asociación PuntoGal vén de lanzar, xunto coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) e a tecnolóxica Dinahosting o acurtador i.gal, un sitio web sinxelo que está en marcha dende este 26 de xullo e que a entidade impulsora do dominio galego na rede enmarca nas súas promocións polo Día Nacional de Galicia.

A alianza entre as tres entidades, que xa viñan colaborando en diferentes ámbitos, enmárcase na súa aposta por "prestar servizos de valor engadido no ámbito da rede galega". Únese, lembra a asociación, á recente estrea de Velaqui.gal, o sitio que permite intercambiar arquivo de ata 2Gb de xeito gratuíto e libre. 

O lanzamento coincide no tempo coa promoción que permite rexistrar dominios .gal por un máximo de 25 euros

O novo servizo trae consigo prestacións adicionais xunto ao acurtamento de enderezos. Así, ofrece a opción de personalizar as palabras que conformen a url resultante e, igualmente, abre a posibilidade de se rexistrar para facer seguimento do número de clics acadados por cada enderezo acurtado. Adicionalmente, permite desactivar a ligazón compartida.

A Asociación Puntogal lembra que este lanzamento "coincide no tempo" coa promoción de rexistro de dominios .gal a prezo reducido, cun máximo de 25 euros por dominio máis IVE ata finais de xullo. Para acceder a esta promoción cómpre acudir a algúns dos rexistradores que colaboran nela: Arsys, CdMon, Dinahosting, Entorno Digital, Nominalia, Host Europe e OVH. Con esta acción téntase incrementar o número de webs con dominio .gal, que xa superou os 4.000 rexistros.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

A promoción do Día Nacional de Galicia acompáñase dunha homenaxe á Revista Nós © Asociación Puntogal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.