0 Gardados para despois

"A declaración do Courel como parque natural traerá riqueza, postos de traballo e fixación da poboación"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A Escola Politécnica Superior de Lugo elaborou, a través do catedrático de Produción Vexetal Antonio Rigueiro e do profesor Manuel Antonio Rodríguez Guitián, as directrices estratéxicas de actuación para a Serra do Courel, de cara á súa próxima declaración como parque natural. O traballo foi encargado pola Consellería de Medio Ambiente e xa foi entregado á Xunta. As liñas prioritarias de actuación, para Antonio Rigueiro, pasan por "xerarquizar os investimentos nesta área de cara á conservación dos valores naturais e o patrimonio cultural, ao tempo que se crea emprego, se frea o despoboamento e se incrementan as rendas e o nivel de vida dos habitantes”.

"Se as cousas se fan ben, a declaración como parque natural traerá maior riqueza para todos os veciños, e tamén traerá a creación de postos de traballo, e iso contribuirá á fixación de poboación", asegura Rigueiro, que pon como exemplo positivo o cercano parque asturiano de Somiedo. Segundo Rigueiro, “estanse dando ou tense previsto dar pasos, prudentes e atinados ao noso entender, como a elaboración destas liñas prioritarias de actuación, medidas encamiñadas á concienciación e sensibilización dos veciños, o Plan Director da Rede Natura, a elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da serra ou a análise da posible localización do centro de recepción de visitantes e interpretación”.

Rigueiro salientou que a provincia de Lugo é a única en Galicia que non conta con espazos declarados como parque natural, "e a Serra do Courel, o mesmo que a Serra dos Ancares, merecen esta declaración. Merécena os espazos, e merécena os lucenses", dixo.

 

Beneficios para o hábitat e para os veciños

A declaración de parque natural será positiva para a conservación dos valores naturais, culturais e paisaxísticos da Serra do Courel, e tamén contribuirá a crear emprego na zona, fixar poboación e mellorar o nivel de vida dos habitantes

A declaración de parque natural será positiva para a conservación dos valores naturais, culturais e paisaxísticos da Serra do Courel, e tamén contribuirá a crear emprego na zona, fixar poboación e mellorar o nivel de vida dos habitantes. Antonio Rigueiro salienta que coa transformación da serra en Parque Natural “haberá algunhas limitacións, pero tamén compensacións: maior número de visitantes e máis demanda para os establecementos de turismo rural, máis investimentos e polo tanto máis emprego, posibles subvencións directas polas limitacións, lucro cesante polo impedimento de cambio de uso de terreos...". Rigueiro engade que "os veciños deben entender que a súa galiña dos ovos de ouro son os valores naturais, paisaxísticos e culturais da serra, e deben ser os primeiros interesados en conservalos”.

"Os veciños deben entender que a súa galiña dos ovos de ouro son os valores naturais, paisaxísticos e culturais da serra, e deben ser os primeiros interesados en conservalos”

Neste momento a zona está ameazada por distintos males, e un dos principais é se cadra a evolución demográfica, o despoboamento e envellecemento da poboación que supón a desagrarización e o abandono das prácticas agrogandeiras, o que pon en perigo ecosistemas, paisaxes e especies asociados á actividade humana. Iso, por non falar dos vertedoiros incontrolados, os incendios forestais, as canteiras e o excesivo número de visitantes a algunhas paraxes.

 

Actuacións concretas

Proponse a erradicación de plantas invasoras, a prohibición de poñer en marcha novas canteiras ou parques eólicos, así como actuacións encamiñadas á conservación e mellora da paisaxe

O documento entregado á Xunta de Galicia polo equipo de traballo dirixido por Antonio Rigueiro e Manuel Antonio Rodríguez Guitián inclúe unha serie de actuacións concretas, entre as que destaca a creación dun centro de interpretación e recepción de visitantes do futuro parque e centros de información. Segundo Rigueiro, “a nosa proposta é que, se é posible, o centro de interpretación se localice na Estación Científica do Courel da USC, para optimizar recursos e aproveitar as sinerxías entre o centro de interpretación e a estación”.

Tamén se propón a erradicación de plantas invasoras (como a mimosa), a prohibición de poñer en marcha novas canteiras ou parques eólicos, así como actuacións encamiñadas á conservación e mellora da paisaxe (eliminación de vertedoiros, recuperación de canteiras inactivas, escombreiras e minas abandonadas, reconversión dos piñeirais en masas mixtas con coníferas e frondosas...), especialmente na contorna do tramo do Camiño de Santiago que atravesa a serra.

Antonio Rigueiro, catedrático de Produción Vexetal da Escola Politécnica Superior de Lugo: "A Serra do Courel, igual que a Serra dos Ancares, merece ser declarado Parque Natural"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.