A vaga de lume que acadou toda a súa crueza este domingo está avivada polos restos do furacán Ophelia, que tras cruzar o océano Atlántico se achega a Galicia xa sen ser un furacán en sentido estrito, pero si provocando condicións meteorolóxicas que fan aínda máis difícil a loita contra os incendios e facilitan o seu espallamento. Tal e como avanzou http://4gotas.com, os modelos meteorolóxicos indican que na noite deste domingo os ventos superarán os 100 quilómetros por hora e a chuvia, aínda que chegará, será escasa.
Os ventos do sur impulsados ata Galicia por este fenómeno meteorolóxico subiron as temperaturas este 15 de outubro en todo o país ata valores propios de pleno verán. A práctica totalidade do territorio galego superou os 30 graos de temperatura e no Baixo Miño os termómetros subiron ata preto dos 35 graos, segundo os datos fornecidos por Meteogalicia. Mentres, en áreas do interior de Ourense e Pontevedra a humidade relativa da xornada non foi moi alén do 30%. No resto de Galicia a humidade foi maior, precisamente, polos efectos de Ophelia.
Os ventos do sur dos restos do furacán provocaron que practicamente toda Galicia superase os 30 graos este 15 de outubro
Á combinación de alta temperatura e baixa humidade uniuse este domingo o forte vento. Como detallan dende 4gotas.com, os refachos de Ophelia en Galicia son os "propios dun furacán de categoría 2", isto é, con máis de 120 quilómetros por hora "na Costa da Morte e zonas altas do oeste e do norte", e na contorna dos 100 quilómetros por hora no resto do litoral.
Os modelos de predición de Meteogalicia indican que as chuvias chegarán entre as dúas e as catro da madrugada do domingo ao luns á metade oeste do país, polo que poden contribuír a apagar o lume malia a súa escasa cantidade. Non sucederá o mesmo no interior de Ourense, onde a predición non contempla precipitacións.