O programa de ciencia da Radio Galega Efervesciencia celebrou hai uns meses o seu décimo aniversario. Non é habitual, nestes tempos de rápidos cambios, que un espazo comunicativo supere os dez anos, e o mérito é aínda maior tendo en conta o importante labor de divulgación que leva a cabo esta iniciativa producida pola USC e financiada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade. Supera a decena en plena forma, ademais, superando as 50.000 descargas online ao longo de 2017 e convertido nun dos máis veteranos espazo de ciencia da grella das radios en España.
Á súa fronte está dende o ano 2006 Manuel Vicente, que celebra que "dez anos son un éxito", destacando que "este é un proxecto persoal no que levo investidos moitos esforzos". "Moitas veces dise aquilo de que 'o que resiste, gaña' e neste caso debe ser así. Sobre todo nos medios de comunicación, nos que ás veces é complexo estar tanto tempo. Aínda que se cadra é algo máis doado na radio, e esta é unha das vantaxes deste soporte", comenta.
Naquela celebración do décimo aniversario, celebrada nun Teatro Principal de Compostela ateigado participaron algúns colaboradores do espazo, como Ángel Carracedo, José Edelstein, Minia Manteiga, Ana Ulla ou Fernando Aguado. Apenas unha pequena representación dos máis de mil investigadores e investigadoras que nestes anos pasaron polos seus micrófonos. Outros momentos a destacar de 2017 foron a gala Stat Wars: O espertar dos datos na que participaron 400 nenos e nenas de toda Galicia nun evento de divulgación da estatística organizado polo grupo interdisciplinar de Bioestatística da USC con financiamento da FECYT ou a Noite Efervescente de observación inclusiva do ceo no Náutico de Castrelo. Falamos con Manuel Vicente.
Cal é o perfil dos e das oíntes de Efervesciencia? Investigadores, docentes, afeccionados á ciencia...?
É difícil coñecer ao detalle quen te escoita, quen é o teu público. Pero por exemplo no momento en que se emite o programa, temos un pequeno grupo de oíntes, moi activos en twitter, que actúan un pouco como os nosos community managers, expandindo os contidos do programa. Hai ademais moitos profesores de ciencia, que escoitan sempre o programa, que traballan con el na aula e que o difunden entre os seus alumnos
Os contidos do programa son moi variados, buscando diversas fórmulas para interesar o público, como por exemplo as dramatización de episodios da historia da ciencia. Dádeslles moitas voltas ás formulas para chegar aos e ás oíntes?
Intentamos explotar as diversas posibilidades que ofrece o soporte radio, aproveitando os distintos xéneros. Aínda que fundamentalmente facemos entrevistas, sempre buscamos algunha forma de rompelas un pouco, de buscar a sorpresa. Nós pensamos sempre nun público adulto, por riba de 14 anos cando menos. Moitas veces parece que a divulgación da ciencia está pensada para a rapazada, pero neste caso non é o noso obxectivo.
"O meu obxectivo é, sobre todo, que cando unha persoa escoita un tema no programa pense 'que interesante é isto' ou 'non sabía que en Galicia había alguén que traballaba estas cousas'"
Dende fóra pode parecer doado, pero non sempre é fácil explicar de forma sinxela temas complexos. É esa a clave da divulgación científica?
Hai temas nos que é máis fácil captar a atención que noutros; que sei eu, é máis doado interesar falando de dinosauros que de cosmoloxía. Pero o meu obxectivo é, sobre todo, que cando unha persoa escoita un tema no programa pense 'que interesante é isto' ou 'non sabía que en Galicia había alguén que traballaba estas cousas'. O noso obxectivo principal non é 'ensinar cousas' ou darlle moitísimos coñecementos á xente, quen queira ter coñecementos sobre ese tema xa ten moitos lugares nos que informarse. Pero nós buscamos ese outro obxectivo, que pode parecer pouco ambicioso pero para nada o é. Isto da divulgación non se pode conseguir nunha tarde. Explicar o que hai detrás da ciencia, máis alá de novas concretas, é algo que se fai programa a programa, que leva tempo. Pouco a pouco imos dando idea de como son as cousas no mundo da ciencia.
Falando de divulgación, como son eses obradoiros de comunicación para investigadores que organizades?
Imos xa pola sétima edición. Búscase que os investigadores e investigadoras sexan conscientes de cales son os intereses que temos os xornalistas cando eles veñen a un medio de comunicación: que sexan capaces de cambiar o chip e saiban que os seus intereses non son exactamente os nosos intereses. Buscamos que reflexionen sobre algunhas cousas que se cadra para nós son obvias, pero non para eles: que ti non podes contar absolutamente todos os detalles da túa investigación, que hai cousas máis interesantes e outras menos interesantes, que teñen que saber contextualizar a súa investigación, e que deben saber comunicar os resultados da súa investigación.
"Hai unha frase que escoitei non hai moito, nun congreso en Portugal que dicía que 'o proceso da ciencia non está rematado ata que está comunicado'"
Hai unha frase que escoitei non hai moito, nun congreso en Portugal que dicía que 'o proceso da ciencia non está rematado ata que está comunicado'. Dado que a maior parte da investigación que se fai en España é investigación pública, é dicir, feita cos cartos de todos, os investigadores deben entender que comunicar o que están facendo forma tamén parte do seu traballo. Hai xente que o pode facer directamente, porque ten esa habilidade, e para o resto estamos os xornalistas e os investigadores deben ver que estamos aí.
Nos últimos anos multiplicáronse os espazos de divulgación científica -blogs, podcasts...- e grazas á rede pódese acceder aos contidos xerados en todo o planeta. Hai máis interese pola ciencia que hai dez anos?
Eu creo que si, aínda que estas cousas son complicadas de medir. Hai un público consumidor de ciencia que creo que cada día crece. Unha cousa boa é que se está comezando a normalizar algo no que nós insistimos moito, que é incluír a ciencia dentro da cultura, aquilo que nos axuda a entender o mundo no que vivimos.
De que podemos presumir en Galicia en materia de divulgación científica e, en cambio, que aspectos deben ser mellorados?
Galicia é un dos lugares máis activos en divulgación científica de toda España, tanto a través dos museos científicos, coma a través de iniciativas concretas de divulgación ou proxectos de difusión. Hai catro ou cinco nomes de divulgadores -Xurxo Mariño, Jorge Mira, Carracedo, Débora García Belllo...- que están entre o mellorciño de España. O problema que temos é o financiamento, que é o punto débil de todos os proxectos de divulgación e cultura científica. Falta que chegue o momento de que sobre todo a administración, pero tamén as entidades privadas, vexan que é rendible socialmente investir en comunicación da ciencia. Isto ten un efecto claro: como hai un bo número de que xente que é moi entusiasta, é relativamente fácil botar a andar proxectos, pero resulta complicado ter continuidade no tempo e que se poidan consolidar, porque iso depende de que teñan detrás un financiamento constante.
"Galicia é un dos lugares máis activos en divulgación científica de toda España. Hai catro ou cinco divulgadores -Xurxo Mariño, Jorge Mira, Carracedo, Débora García Belllo...- que están entre o mellorciño. O problema que temos é o financiamento"
Cales foron para ti as grandes novas da ciencia no ano 2017 que vén de rematar?
Unha sería a descuberta das ondas gravitacionais, e aí coincidimos co que di Science, xa levamos dous anos tratando o tema. E outra sería o CRISPR, a técnica de edición xenética que permite editar o xenoma letra a letra; e detrás está o Francis Mojica, que é candidato ao Premio Nobel. Nun dos últimos programas do ano tivemos un debate entre varios colaboradores sobre cal dos dous é o descubrimento máis importante dos últimos tempos.
A nivel galego, gustaríame resaltar a loita contra a contaminación luminosa, que é algo ao que lle damos moita cancha no programa. Creo que se pode dicir que no 2017 houbo grandes avances na concienciación sobre este problema, o que resultou unha demostración clara das cousas que se poden conseguir con divulgación científica. As agrupacións astronómicas (en especial Ío, da Coruña) levan anos traballando moito neste senso. E o feito de que consigan meter este tema no debate político é algo moi valioso, demostra que a divulgación científica vai máis aló do incremento do coñecemento.
"No 2017 houbo grandes avances na concienciación sobre a contaminación luminosa, o que resultou unha demostración clara das cousas que se poden conseguir con divulgación científica"
E cal será o tema a seguir neste 2018?
Un dos temas ao que haberá que estar atentos está relacionado precisamente co CRISPR, no que hai unha guerra de patentes detrás.
Haberá cambios en Efervesciencia neste ano que comeza?
Hai unha cousa que levamos facendo un tempo, pero que imos facer cada vez máis, que é entrevistar os investigadores e investigadoras no seu lugar de traballo, o que creo que lle dá máis frescura aos programas. Estamos tamén sempre tentando incrementar o noso equipo de colaboradores e neste senso imos iniciar colaboración con Joana Magalhães, unha investigadora que traballa moito en cuestión de mulleres e ciencia, e imos incluír unha sección con ela.