Pseudociencia a catro euros a entrada

Cartel da charla prevista na Coruña Dominio Público Praza Pública

"Ninguén demostrou xamais que o VIH sexa a causa da SIDA, nin que o virus se transmita pola vía sexual. É máis, nin sequera se demostrou que o VIH existe". "Hai moitas plantas medicinais con propiedades antitumorais". "Alarmante crecemento do Autismo a causa da vacina triple vírica". O naturópata Josep Pàmies sitúase permanentemente no centro da polémica con estas e outras afirmacións (como que o ébola se pode curar con cloro e plantas) que difunde a través da súa web Doce Revolución, na que rexeita moitos dos avances da ciencia médica e distribúe os seus produtos naturais, ingresando cada ano entre 1 e 2 millóns e medio de euros (datos de 2014). Hai uns días un polémico congreso no que participou en Barcelona, titulado "Un mundo sen cancro. O que o teu médico non che está contando” e que promocionou terapias alternativas contra o cancro, foi multado pola Generalitat.

O vindeiro 8 de marzo estaba programada no Hotel Attica 21 da Coruña unha charla de Pàmies, baixo o título “Alimentación: Verdades ocultas: soberanía alimentaria e sanitaria", organizada pola Asociación Hortas do Val de Feáns, cun prezo da entrada fixado en 4 euros. Xa o pasado ano este establecemento hoteleiro acollera unha charla no naturópata catalán, despois de que tanto o Concello da Coruña coma a Universidade da Coruña lle negasen as súas instalacións. Ao igual que sucedeu noutras ocasións, iniciouse unha campaña para pedir a anulación da conferencia de Pàmies, que nos últimos anos foi investigado xudicialmente pola comisión de delitos contra a saúde pública, o que levou ao hotel a, finalmente, suspender a actividade. Unha charla semellante, prevista en Vigo para o 9 de marzo, xa fora anulada polo Colegio Hogar (xestionado por Afundación) ante a presión social.

O Colegio Hogar de Vigo (xestionado por Afundación) e o Hotel Attica 21 da Coruña denegaron a Pàmies o uso das súas instalacións ante a presión social

Manuel F. Herrador, profesor da ETSI de Camiños, Canais e Portos da UDC, remitíralle unha carta ao Hotel Attica 21, contando co apoio do Círculo Escéptico ou do Grupo Español de Pacientes con Cancro, alertando á empresa do "alto grao de perigosidade para a saúde pública que conlevan os actos desenvolvidos por esta persoa" así como "das posibles infraccións coas que podería colaborar a súa empresa ao acoller a devandita charla". Herrador alerta ao hotel que "este tipo de comerciantes (posto que no fondo a súa actividade só pretende colocar os seus produtos) aprovéitanse da confianza e boa vontade de entidades como a súa, así como da falta de filtros sobre permisos para este tipo de actividades (a pesar de que o artigo 54 da Lei de ordenación farmacéutica de Galicia esixe que conten coa previa autorización da Conselleria de Sanidade)". Ademais, chama a atención sobre a achega de 4 euros suxerida polos organizadores da charla, un cobro de entrada que -lembra- debería estar suxeito ao pagamento de impostos.

O pasado ano Concello da Coruña e UDC negáronse tamén a acoller as actividades do naturópata

Josep Pàmies tiña previsto ofecer ao día seguinte, 9 de marzo, outra charla en Vigo, titulada "As verdades ocultas na alimentación", organizada no Colegio Hogar pola denominada Escuela Internacional de Desarrollo Humano. Nesta conferencia, Pàmies ía falar de "alimentos que matan" e de "medicamentos que non curan". Neste caso, o prezo da entrada (ou aportación) era de 5 euros.

 

Cartel da charla prevista na Coruña Dominio Público Praza Pública
O hotel coruñés anunciou este xoves que a charla non se celebraría nas súas instalacións Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.