A divulgadora científica coruñesa Deborah García Bello vén de presentar o seu novo libro, Que se le van las vitaminas!, no que desmonta algúns mitos e ideas falsas sobre fenómenos que nos rodean. O seu blog Dimetilsulfuro converteuse nos últimos anos nun dos espazos de divulgación científica máis populares de España, o mesmo que os seus vídeos. Licenciada en Química, impartiu materias de ciencias no ensino medio durante 8 anos e na actualidade dedícase por enteiro á divulgación, dirixindo as xornadas Arte & Ciencia en TopArte do Museo Guggenheim de Bilbao e a Cátedra de Cultura Científica da UPV/EHU. Está, ademais, realizando o doutoramento en Química na UDC sobre Divulgación científica a través da relación entre a ciencia e a arte contemporánea. Falamos con ela sobre a fenda de xénero na ciencia, o momento que vive nestes momentos a divulgación ou a acción dos grupos antivacinas e outros colectivos que se benefician do fomento das pseudociencias.
Non che vou preguntar cando se iniciou a túa vocación pola ciencia ou pola química, pois seguramente sería ir moi atrás. Pero cando comezaches a interesarte pola divulgación? Por que decidiches abrir o blog?
Eu era mestra. E o blog naceu como proxecto nunha materia que tiñamos -Ciencias para o Mundo Contemporáneo-, que é para todos os alumnos de Bacharelato, na que os animaba a elaborar contidos de divulgación a partir dos temas que tratabamos. E eu tamén comecei a facer algún artigo ou vídeo sobre os temas que saían na clase. De feito, algunhas das primeiras entradas do blog, en 2012, están feitas por alumnos que hoxe xa están rematando a carreira. Vin que me gustaba e despois, ademais, algunha das entradas tivo certa repercusión.
O nome do blog -Dimetilsulfuro- non é en absoluto casual e ten moita relación con Galicia e, sobre todo, coa Coruña, non si?
Si, nese momento decidín ampliar o blog, pensando no curso seguinte, no que volvía impartir esa materia. Foi un verán que pasei enteiro en Madrid e alí, unhas das cousas que máis botaba de menos era o mar e o olor a mar. E foi por ese romanticismo que escollín o nome de Dimetilsulfuro, porque é a principal substancia responsable do olor a mar.
"Cociñando, motívanos saber como se está producindo un proceso. Lembro que a miña avoa lle botaba mel á salsa boloñesa. E isto facíao porque os azucres reaccionan cos aminoácidos da carne, no que se coñece como Reacción de Maillard"
Moitos dos e das divulgadoras apostan por afondar en aspectos da vida cotiá, amosando como a ciencia axuda a explicar fenómenos que nos rodean e vemos todos os días. Máis aínda no caso do teu último libro. É unha forma de que a xente se interese por estes temas?
Fágoche unha matización: sempre dicimos iso de que 'a ciencia explica as cousas'. E non, a ciencia non explica nada, a ciencia descríbeas, ás veces de forma moi elegante, mesmo poética, pero non é máis que unha forma de describir como suceden as cousas. Como, non por que. E si, gústanos entender o que está pasando ao noso redor. E, por exemplo cociñando, motívanos máis saber como se está producindo un proceso. A min chámame a atención lembrar que a miña avoa lle botaba mel á salsa boloñesa. E isto facíao porque os azucres reaccionan cos aminoácidos da carne, no que se coñece como Reacción de Maillard, que consegue que a carne tome un ton máis marrón e un sabor característico, como a barbacoa. Claro, a miña avoa facíao por intuición ou por tradición. Pero cando ti descubres a forma en que ten lugar isto, é moi emocionante, enriquece a experiencia. E, ademais, podes aplicalo a outras cousas.
"Non estou moi de acordo en como se dá a ciencia no sistema educativo; impártense unha serie de coñecementos, a xente fártase de facer integrais, pero despois non se ensina en que consiste o sistema científico e todo o proceso de validación dunha hipótese"
Imos para adiante ou para atrás? En teoría, a sociedade debería estar mellor formada que hai unhas décadas, pero dá a impresións de que casa vez circulan con máis facilidade todo tipo de discursos acientíficos...
Si, aí inflúe o rápido que se difunde todo tipo de información. E tamén o feito de que é moi difícil filtrar. Antes accedíamos á información sempre a través de mediadores. Isto non quere dicir que fose unha garantía absoluta de veracidade, pero había máis controis. Agora dámoslle a mesma fiabilidade a un blog escrito por calquera e a un artigo que aparece nun xornal que ten unha certa traxectoria. E despois, a nivel de formación non estou segura de que agora saibamos máis cousas que antes. Por exemplo, eu non estou moi de acordo en como se dá a ciencia no sistema educativo; impártense unha serie de coñecementos, a xente fártase de facer integrais, pero despois non se ensina en que consiste o sistema científico e todo o proceso de validación dunha hipótese. E isto sería moi importante para que a xente soubese diferenciar as investigacións serias doutras cousas.
"Cando se anuncia un taller de cosmética ecolóxica, que propón empregar elementos que temos nas nosas cociñas. É isto máis ecolóxico que un produto industrial? Non necesariamente. Xera moito máis impacto medioambiental, gastas moitos máis recursos..."
Ti incides moito na falacia naturalista, ese interese en identificar os produtos producidos industrialmente como máis negativos que aqueles cualificados de naturais. Por que ten tanto éxito este discurso?
Aí tamén entra en xogo o factor de que en moitas persoas a opinión sobre un tema está mediada por unha determinada ideoloxía política. Despois, o propio funcionamento dos medios está determinado polo feito de que os seus lectores esixen un determinado tipo de información. Nese senso, eu creo que hai xente que está moi concienciada co ecoloxismo, pero nalgunhas cuestións de forma moi errada, empregando moi á lixeira este concepto. Por exemplo, cando se anuncia un taller de cosmética ecolóxica, que propón empregar elementos que temos nas nosas cociñas. É isto máis ecolóxico que un produto industrial? Non necesariamente. Xera moito máis impacto medioambiental, gastas moitos máis recursos... A postverdade é un tema que me preocupa, porque vexo que a práctica está moi estendida, son moitos os que utilizan determinadas prácticas demagóxicas para levar a xente ao seu terreo.
No teu caso, ademais, como química tes que loitar contra esa mala prensa do químico, que en certas ocasións se opón ao natural, coma se na natureza non houbese química...
Si, en xeral asóciase a química como algo non natural, algo que non está na natureza. Hai moita ignorancia sobre ese tema. Unha das cousas que se ensinan no colexio é a táboa periódica e os elementos químicos, que son cousas que están na natureza. Pero a mensaxe que se lanza moitas veces é outra. Ten que ver tamén coa imaxe á que está ligada a propia palabra química, que foi pervertida nas últimas décadas, relacionada sempre con intoxicacións, desastres, vertidos, cousas tóxicas...
"As administracións públicas deben pecharlles as portas ás pseudociencias, mesmo arriscándose a ser acusados de censores. Teñen que recoñecer que se trata dun problema"
Nas últimas semanas asistimos en Galicia a varios intentos de grupos defensores das pseudociencias, que se lucran con elas (como Pàmies) ou que promoven políticas moi perigosas (coma os antivacinas) por difundir as súas mensaxes na Coruña e Vigo. Como deben actuar as administracións públicas e a sociedade ante estas ameazas?
Se imos ao máis perigoso, atopamos terapias alternativas que prometen curar cancros con plantas ou con imposicións de mans. Tamén atopamos medos infundados a aditivos alimentarios ou empregados en cosmética. Ou xente que se lucra vendendo produtos supostamente milagreiros, que non teñen ningún efectos positivos. E, despois, están temas completamente sensibles, coma os movementos antivacinas, que xa se está cobrando a vida de moita xente noutros países. En España aínda non é un movemento demasiado importante, pero máis vale previr que curar. As administracións públicas deben estar moi vixilantes ante isto, para protexer os cidadáns. Ao igual que non se permitiría facer un acto que apoiase explicitamente o terrorismo ou a violencia de xénero, debería actuarse igual ante isto, porque as pseudociencias matan. Hai cousas que non están amparadas pola liberdade de expresión. As administracións públicas deben pecharlles as portas ás pseudociencias, mesmo arriscándose a ser acusados de censores. Teñen que recoñecer que se trata dun problema de verdade. E os espazos privados teñen que ser responsables, tamén, non escudarse en que eles ceden un local e ignoran o que alí sucede.
"Todos deberíamos preocuparnos por ter unha formación máis completa: tan inculta é unha persoa de ciencias que non ten nin idea de arte coma unha persoa de artes ou de letras que non ten unhas nocións básicas de ciencia e cultura científica"
Falabas antes de que non estabas moi de acordo coa forma en que se imparte a ciencia. Fóra diso, cres que é un erro a excesiva compartimentación de saberes, que o estudantado de ciencias sexa privado do acceso ás materias humanísticas ou que o de letras non teña que cursar máis materias científicas?
Está ben que haxa especialización, pero hai moitos coñecementos que están mesturados e que son transversais. Non ten sentido esa delimitación absoluta de coñecemento, é algo totalmente arbitrario. A consecuencia é que tendemos a ver todo en compartimentos estancos, o que nos leva a que teñamos comportamentos diferentes e formas distintas de acceder á información en función da nosa formación. Ou cremos que as nosas formas de traballar son moi distintas, cando non o son tanto. Todos deberíamos preocuparnos por ter unha formación máis completa: tan inculta é unha persoa de ciencias que non ten nin idea de arte coma unha persoa de artes ou de letras que non ten unhas nocións básicas de ciencia e cultura científica. Unha persoa culta é unha persoa que sabe de todos os campos.
En ocasións parece que se desculpa máis que unha persoa ignore certas cuestión de ciencia básica e en cambio unha persoa que non sabe nada de literatura, historia ou arte é automaticamente ridiculizada...
Si, iso é certo. Pero ao mesmo tempo, aínda que non sexan consideradas persoas cultas, as persoas que saben de ciencia son consideradas elites. Nos institutos anímanse aos mellores expedientes a ir por carreiras de ciencias. Paréceme un fenómeno moi curioso.
Como valoras as divulgación científica que se está a facer neste momento? Como están a contar a ciencia os medios de comunicación xeneralistas?
Faise máis que antes. E, por suposto, canto máis mellor. O problema coa divulgación científica é que está en terreo de ninguén: os xornalistas saben explicar os temas pero non teñen por que ter formación científica, e os científicos si a teñen pero non sempre saben como contar eses temas. Hai xente que di que os científicos teñen que ter entre as súas obrigas o saber divulgar, e eu non estou de acordo con iso. Se o saben facer, perfecto, pero non é o seu campo. E outra das ideas erróneas é que a divulgación é coma un hobby, algo que se fai por gusto, de balde. Supoño que é o que pasa co todas as profesións que son relativamente novas. Eu creo que a divulgación científica está nun bo momento e eu reivindícoa como unha profesión. Cada vez máis institucións e empresas están apostando por ela, de forma profesional, como unha forma de contar o que fan.
"Hai xente que di que os científicos teñen que ter entre as súas obrigas o saber divulgar, e eu non estou de acordo con iso. Se o saben facer, perfecto, pero non é o seu campo"
Estamos nun bo momento en Galicia?
Eu creo que si, que estamos nun momento xenial, tanto en Galicia coma no resto de España. Na Coruña aínda botou a andar hai pouco a cátedra de divulgación científica da UDC, dirixida por Isabel Zendal. Onde mellor se fan as cousas é no País Vasco, onde levan uns anos traballando moi ben neste campo. Claro, despois compáraste cos Estados Unidos e parece que aquí aínda somos amateurs. Pero, ben, imos pouco a pouco.
Dende logo, parece que hai público para este tipo de contidos. Abonda con ver o interese que espera Naukas Coruña, por exemplo...
Si, en Naukas Coruña o Teatro Rosalía énchese completamente e as entradas esgótanse rapidisimamente, hai moito interese. E en Naukas Bilbao énchese o Euskalduna, que son preto de 2000 prazas, que é impresionante: dúas mil persoas que van escoitar falar de ciencia.
"Todo isto comeza moito antes, comeza por exemplo cos xoguetes que se lles regalan a nenos e a nenas, ou cos xogos aos que se animan a uns e a outras"
Por que é importante que haxa mulleres científicas? Que factores son máis importantes para que nos institutos os rapaces se encamiñen cara a carreiras científicas e técnicas e as rapazas non?
Porque nas carreiras científicas hai un estereotipo que hai que desterrar. Segue parecendo que hai unhas carreiras para as que os homes son máis aptos e non, mulleres e homes podemos facer de todo. O problema é que todo isto comeza moito antes, comeza por exemplo cos xoguetes que se lles regalan a nenos e a nenas, ou cos xogos aos que se animan a uns e a outras. E reciben tamén dende que son pequenos e pequenas unha serie de mensaxes, que por exemplo desaniman a un neno se quere ser enfermeiro ou a unha nena que quere estudar enxeñaría industrial.
Que se pode facer para mudar isto?
Hai que comezar dende que son moi pequenos, tendo moito coidado coa linguaxe que se emprega ou cos xoguetes que se lles regalan. Despois, cando xa son algo máis maiores ten moita importancia que teñan ou non referentes femininas ás que admirar no campo da ciencia. Sempre asociamos inconscientemente científico a home. E, claro, isto é un círculo vicioso, porque non pode haber referentes se as mulleres non chegan a eses postos de prestixio e visibilidade, se non aparecen nos libros de texto, se non gañan Premios Nobel. Entra en xogo tamén o síndrome do impostor, que sofren con moita máis frecuencia as mulleres: a pesar de que saben moito do seu campo, dálles a impresión de que non, de que van ser xulgadas, de que hai outras persoas máis válidas. Os homes case nunca teñen problemas por iso.
"Entra en xogo tamén o síndrome do impostor, que sofren con moita máis frecuencia as mulleres: a pesar de que saben moito do seu campo, dálles a impresión de que non, de que van ser xulgadas, de que hai outras persoas máis válidas"
Na túa tese de doutoramento, que estás a rematar, afondas na relación entre a arte contemporánea e a ciencia. En que aspectos te centras?
A miña tese que ver sobre todo cos materiais escollidos na arte contemporánea, e no seu significado. Hoxe, moitos artistas fan unha escolla dos materiais moi consciente, que para a formar parte do significado da obra. Tamén me centro en cuestións técnicas que fan posible a existencia de determinadas obras de arte. Por exemplo, o ano pasado dei unha charla TEDx sobre a Venus azul de Klein. Klein entrou en contacto con científicos porque quería ese azul determinado, e en cambio ao home das cavernas nin sequera se lle tería ocurrido empregar esa cor, primeiro porque seguramente nin sequera coñecía o azul, que non existía na Península Ibérica. Ou por exemplo, ocúpome do Vantablack, que é o negro máis negro que existe, tanto que se o enfocas cunha lanterna, non o ilumina, parece que traga a luz. Esta cor, que se emprega en aparellos de astronomía, veu cubrir unha demanda que existía. E nalgunhas técnicas que empregan os artistas necesitan da colaboración de científicos. Na tese escollo obras de arte contemporánea moi concretas e estudo a relación que teñen coa ciencia.