"Cada vez hai máis interese pola Internet das Cousas. Isto fai que as novidades resoen fóra do MWC"

Barcelona converteuse un ano máis nunha das capitais mundiais da tecnoloxía © MWC18

Este xoves remata a edición 2018 do Mobile World Congress, que comezou o luns. Un ano máis, e por riba de polémicas políticas interesadas, Barcelona volver ser a capital mundial das tecnoloxías móbiles, centro das olladas de todas as empresas e medios especializados do sector. O congreso volveu combinar os encontros profesionais coas presentacións públicas de novidades no campo das redes, infraestruturas e dispositivos de todo tipo. Casas e coches conectados, intelixencia artificial e a implantación de redes 5G foron protagonistas, desprazando un chisco ás aparicións de novos modelos de smartphones, nos que destacaron as apostas de Samsung, LG, Asus.

Tamén un ano máis estivo por Barcelona Iago Varela, responsable de Mallando no Android, medio especializado en aplicacións, teléfonos e outros trebellos, que estes días foi difundindo algunhas das novidades máis rechamantes presentadas no MWC18. Falamos con el.

O MWC segue a ser un escenario destacado para a presentación de novos modelos de smartphones, pero dá a impresión que cada vez máis ten que ceder parte de protagonismo a outros elementos, propio da Internet das Cousas, que gañan peso. Este ano consolidouse esta tendencia?

O congreso sempre está centrado na tecnoloxía móbil, tanto ten que sexan teléfonos, outros dispositivos ou as redes de conexión. Pero nos últimos anos o que máis transcende cara a fóra foron as presentacións dos novos modelos de móbiles e non tanto o groso do Congreso, que é a parte de infraestruturas, que ten moitísimo peso sobre todo a nivel de profesionais e empresas, pero que se cadra é menos visible para a sociedade. O que pasa é que cada vez hai máis interese por esa Internet das Cousas e por iso cada vez resoan e transcenden máis cara a fóra do congreso as últimas novidades que se presentan neste campo. Sobre todo no relacionado cos coches conectados.

"A través dunha única plataforma e con linguaxe natural, sen necesitar usar comandos preestablecidos, podemos gobernar toda a casa"

Ou das casas conectadas, non si? Que novidades chamaron máis a atención?

No relacionado coas casas conectadas, este ano falouse moito do Google Assistant, que é o asistente de voz de Google, que ata agora estaba moi focalizado no seu uso nos smartphones. Hai moitos produtos ligados a Google Assistant, xa que é unha plataforma aberta. E o que se viu moito no congreso é que en moitos stands, independentemente de quen foran ou no que traballasen, a súa aplicación funcionaba a través de Google Assistant. No stand de LG había unha casa conectada, co seu frigorífico, co seu lavalouzas e a súa lavadora, que se podían controlar a través do móbil. E tamén se poden controlar os vehículos e os seus elementos. Que vantaxe achega isto sobre o que había ata agora, que eran ecosistemas separados? Que a través dunha única plataforma e con linguaxe natural, sen necesitar usar comandos preestablecidos, podemos gobernar toda a casa. Poderemos preguntarlle á neveira que temos gardado, e mandaríache unha fotografía, para que poida ver e comprar en función diso.

"A comezos do ano que vén haberá probas de 5G noutras cidades, posiblemente A Coruña. Aí poderemos comezar a ver o que pode dar de si"

Foi tamén o ano do 5G, do que se falará moito nos vindeiros meses. Que podemos ver este ano a nivel de rúa?

Xa o pasado ano comezárase a falar do tema e nesta edición do congreso fixéronse os primeiros anuncios en firme. A finais deste ano teremos as primeiras probas no Estado español, a través das tres grandes operadoras (Movistar, Orange e Vodafone) e terán moita importante en Barcelona, especialmente, consolidada a cidade como capital mundial do móbil. Haberá tamén probas noutros puntos do Estado, en principio Madrid, Sevilla e Valencia. E seguramente a comezos do ano que vén haberá probas noutras cidades, posiblemente A Coruña. Aí poderemos comezar a ver o que pode dar de si o 5G, que aínda non terá unha funcionalidade completa, senón que será algo intermedio entre o 4G e o 5G, e non tan centrado nas grandes velocidades de conexión que se prometen, senón na posibilidade de interconectar unha gran serie de elementos á rede.

En en canto aos smartphones, que novos modelos se presentaron? Que destacarías?

O modelo que acaparou un maior protagonismo foi o Samsung Galaxy S9 e a versión plus, o S9+. É un teléfono que avanza sobre todo na fotografía e na intelixencia artificial e non tanto en cuestións de deseño, o que confirma o ciclo de dous anos para as grandes actualizacións de funcionalidades. Houbo tamén moitos anuncios de móbiles secundarios; a outra gran presentación foi a de Asus, co seu Zenphone 5, no que destaca a cella que tamén ten o iPhone X, que foi algo que tamén copiaron outros fabricantes chineses de modelos low cost. E, despois, no caso de LG chamou a atención un cambio de estratexia; agora din que non hai que cambiar o teléfono porque si e que é mellor darlles máis vida aos teléfonos e darlles máis funcións a través de software. Neste senso presentaron unha versión renovada do V30, que engade novas funcionalidades relacionadas coa intelixencia artificial.

"A intelixencia artificial é outra das grandes apostas que vimos en todos os fabricantes de móbiles, dando o paso dos smartphones intelixentes aos smartphones que aprenden"

A intelixencia artificial foi outra das protagonistas. Que lles pode achegar aos usuarios e usuarias?

A intelixencia artificial é outra das grandes apostas que vimos en todos os fabricantes de móbiles, dando o paso dos smartphones intelixentes aos smartphones que aprenden. A idea é que os teléfonos van aprendendo do uso que facemos para así facilitarnos as cousas. Hai moitas funcións que xa se aplican nas cámaras, que distinguen se o que teñen diante é unha persoa, unha mascota ou comida e en función diso adaptan o seu modo para obter así mellores imaxes. Tamén se emprega xa para mellorar o uso do dispositivo: aprenden como nos gusta ter o volume cando estamos na casa, que elementos temos activados e que temos desactivados para así facelo de forma automática.

O congreso quixo este ano darlle máis visibilidade ao papel que xogan as mulleres nas novas tecnoloxías. Como se concretou esta aposta?  

Nas edicións anteriores a muller estaba moi relegada a un segundo plano. Isto é unha feira de tecnoloxía á que asisten moitos directivos de empresas e xornalistas de prensa especializada e a presenza da muller era moi secundaria. Nos últimos tempos, pouco a pouco, máis mulleres van accedendo a cargos de responsabilidade nas empresas que participan no congreso, e é algo que se quixo poñer en valor. Por desgraza, seguen sendo porcentaxes moi baixas. En canto á parte xornalística, seguimos vendo que son moi poucas as mulleres que acoden ao MWC, non sei se porque son poucas as que se dedican ao xornalismo tecnolóxico ou porque as que o fan non veñen cubrir o evento. O congreso está facendo un esforzo para que visibilice máis o papel da muller. Pero queda moito por facer.

"Nos últimos tempos, pouco a pouco, máis mulleres van accedendo a cargos de responsabilidade nas empresas que participan no congreso, e é algo que se quixo poñer en valor. Por desgraza, seguen sendo porcentaxes moi baixas"

Algunha cousa máis que te chamase a atención?

Unha cousa que chamou moito a atención foi un anuncio por parte de Vodafone, que dixo que o ano que vén vai implantar unha rede 4G na Lúa para facilitar actividades de desenvolvemento científico. Viron que tiñan a tecnoloxía para facelo e, ademais da operación de marketing que obviamente significa, isto facilitará moito a transmisión de datos dende a Lúa e suporá o emprego de tecnoloxía móbil fóra da Terra.

Así que vai haber mellor conexión na Lúa que nalgúns lugares de Galicia...

Iso mesmo pensei eu (ri).

 

O congreso remata este xoves © MWC18
Iago Varela acudiu ao MWC18 para difundir as últimas novidades a través de Mallando no Android Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.