0 Gardados para despois

A caída sobre Galicia dunha estación espacial chinesa é practicamente imposible

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A Tiangong-1 foi a primeira estación espacial da China e o seu nome podería traducirse como Pazo Celestial. O aparello foi lanzado en setembro de 2011 e durante a súa vida útil desenvolveu dúas misións tripuladas e outra non tripulada. Esta estación espacial deixou nas últimas semanas de ser obxecto de interese só para publicacións científicas e transitou cara a algúns medios xeralistas, tamén galegos. A causa é que está a piques de regresar á Terra -estímase que o fará entre marzo e abril- e de facelo de maneira "incontrolada" porque deixou de funcionar hai un ano. Esta circunstancia deu lugar a especulacións sobre unha eventual caída sobre Galicia -e noutros puntos- que, tal e como explica a Axencia Espacial Europea (ESA, polas súas siglas en inglés), é practicamente imposible.

A perda de control sobre o regreso á atmosfera da Tiangong-1, que se producirá entre marzo e abril, desatou as especulacións sobre a súa 'caída'

Unha vez constatado que os equipos de terra "perderon o control" da Tiangong-1, que mide uns 10 metros e medio de longo e pesa unhas 8,5 toneladas, púxose en marcha o plan para o seu regreso. As autoridades chinesas notificaron a incidencia en maio de 2017 ao Comité de Usos Pacíficos do Espazo Exterior, nas Nacións Unidas, e foi activado o mecanismo polo que 13 axencias e organismos espaciais de todo o mundo -entre elas, a ESA, a NASA e a rusa Roscosmos- monitorizan conxuntamente a nave e comparten as súas predicións sobre o momento e o lugar no que a estación chinesa regresará á atmosfera.

Encabezamento do comunicado da China á ONU sobre a perda de control da estación espacial

Pero, de onde xorden as especulacións sobre esa suposta caída? A estación chinesa comezou o ano orbitando a uns 280 quilómetros de altura e a súa inclinación, duns 42 graos, supón que "o punto de impacto final" poida ser "calquera lugar na terra" situado nunha latitude entre os 42,8 graos norte e os 42,8 sur, en función da hora. O mapa elaborado pola ESA reflicte con claridade como se distribúen as posibilidades polo mundo: os puntos onde é máis probable que se produza o regreso da Tiangong-1 son os de máxima e mínima latitude dentro do devandito rango.

Área na que podería producirse a reentrada da Tiangong-1, probabilidades do impacto (dereita) e densidade de poboación (esquerda) / ESA CC BY-SA IGO 3.0

Un deses extremos sería no que se atopa Galicia, pero tamén estados dos EUA como Illinois, Nevada ou California, así como Italia, os Balcáns, o mar Negro, o mar Caspio ou a propia China. Ese rango de maior probabilidade de impacto non chega, segundo os cálculos da Axencia Espacial Europea, nin ao 4%, e tamén atinxiría polo sur a, por exemplo Arxentina ou Chile. Apenas un día antes de que se produza a reentrada as axencias internacionais poderán precisar un chisco máis "en que rexións da Terra" pode suceder e só arredor de sete horas antes terán capacidade para sinalar unha área de "milleiros de quilómetros".

Evolución da predición sobre a data de reentrada da Tiangong-1 na atmosfera / ESA

A Axencia Espacial Europea deixa claro que as probabilidades de que os cascallos da estación impacten sobre unha persoa son remotas

Pero, que é o que vai pasar exactamente? Vai caer un enorme aparello do que hai que escapar? En absoluto. A ESA evidencia que ao entrar en contacto coa atmosfera a Tiangong-1 vai escachar e as súas maiores consecuencias serán luminosas, simplemente. Só uns cantos anacos poderían chegar á superficie terrestre. A zona na que eses fragmentos poderían caer sería, en todo caso, de "miles de quilómetros de lonxitude e decenas de quilómetros de ancho", evidencia a Axencia, que insta a ter en conta ademais que "unha gran parte da Terra está cuberta de auga ou está deshabitada".

A ESA ilustra a escasísima probabilidade de que unha persoa poida verse afectada por un anaco da estación chinesa cunha elocuente comparación: "a probabilidade de ser golpeado polos cascasllos da Tiangong-1 é, en realidade, dez millóns de veces inferior que a probabilidade anual de ser alcanzado por un raio". E esa probabilidade de que unha persoa remate electrocutada en plena treboada é, segundo as fontes, de 1 entre 300.000 ou dunha entre varios millóns. En calquera caso, semella ser máis probable que a caída dunha estación espacial chinesa sobre Galicia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.