0 Gardados para despois

Adeus a Stephen Hawking, o astrofísico que nolo explicou todo

Redacción | @prazapublica

O 8 de xaneiro de 1942, 300 anos despois da morte de Galileo Galilei, nacía en Oxford o que sería o profesor Stephen William Hawking. O astrofísico falecido este 14 de marzo aos 76 anos de idade desenvolveu unha intensísima actividade investigadora pero tamén de divulgación que o levou a encher auditorios por todo o mundo, tamén en Galicia, para explicar as súas teorías e pescudas sobre temas tan complexos como o xeito en que se produciu Big Bang, os buracos negros ou o desenvolvemento da teoría da relatividade de Einstein. Un aquel de brillante científico pop para explicalo todo.

A comezos dos anos 50 o seu pai desexaba que estudase Medicina e el inclinábase polas Matemáticas. Pero esta titulación non existía en Oxford e inclinouse pola Física, eido no que comezou a destacar pouco despois. En 1962 Hawking chegou ao Departamento de Matemáticas Aplicadas e Física Teóricad a Universidade de Cambridge para investigar no ámbito da cosmoloxía. En 1965 culminou o seu doutoramento cunha tese na que estudaba a expansión do universo. Dous anos antes fora diagnosticado de Esclerose Lateral Amiotrófica, unha doenza que o obrigou a empregar unha cadeira de rodas pouco despois e que foi paralizando o seu corpo progresivamente.

A enfermidade non impediu, así e todo, a súa prolífica traxectoria científica e divulgadora. A cerna do seu traballo conxistiu en debullar as leis que gobernan o universo. Demostrou que a teoría xeral da relatividade implicaba que todo comezara no Big Bang e todo rematará nos buracos negros, que non son completamente negros, senón que emiten unha radiación, a radiación de Hawking. Os seus traballos tamén tenderon a explicar que o comezo do universo estaba xa determinado polas leis da ciencia. De aí as súas afirmacións a respecto da inexistencia dun deus creador.

Hawking, falecido este 14 de marzo aos 76 anos, desenvolveu unha intensísima actividade investigadora pero tamén divulgadora sobre conceptos tan complexos como o Big Bang ou os buracos negros

A Breve historia do tempoa Teoría do todo ou O Grande deseño son só tres exemplos dunha obra case tan ampla como os recoñecementos recibidos durante a súa vida. Un deles chegoulle dende Galicia en 2008, cando recibiu o primeiro premio Fonseca da Universidade de Santiago "pola súa excepcional mestría na popularización de conceptos complexos da Física no borde último da nosa comprensión do Universo, combinada coa máis alta excelencia científica, e por tornar nunha referencia pública da ciencia no mundo". Alén dos seus eloxios á paisaxe e á gastronomía galegas, para a historia daquela viaxe quedou a súa conferencia sobre os buracos negros, impartida nun Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia que ficou pequeno para a ocasión.

Aquela visita a Galicia deu lugar á curiosidade académica e cidadá pola figura de Hawking e o seu enorme coñecemento, pero tamén polo xeito en que a súa enfermidade o obrigaba a vivir, desprazarse e comunicarse. O científico foi transparente neste sentido e na súa propia web ofrecía detalles sobre a cadeira de rodas e os programas informáticos que empregaba. Dende 1997 expresábase grazas a un sistema de comunicación fornecido por Intel. Hawking seleccionaba os caracteres para construír palabras e frases a movendo a súa fazula. Ese movemento era detectado por un sistema de infravermellos montado nos seus lentes. O dispositivo completábase cun software de escritura preditiva e coordenado cun sintetizador de voz. "Dáme un acento que foi descrito como escandinavo, americano ou escocés", ironizaba.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.