O Sergas dá por rematada a onda de gripe tras 223 mortes, un 64% máis que o ano pasado

Campaña a prol da vacinación contra a gripe © Sergas

Os falecementos por gripe na onda deste inverno que o Sergas vén de dar agora por rematada a data do pasado domingo día 18 de marzo ascenden a 223. Supoñen un 64% máis que os 136 falecidos o ano pasado e acrecentan a tendencia ascendente dos últimos anos.

As cifras acrecentan a tendencia ascendente dos últimos anos, desde os só 9 falecementos rexistrados na tempada 2011-12

Segundo o último informe de seguimento agora feito público pola Xunta, correspondente á semana 11 da onda, que rematou o pasado domingo, dos 223 mortos este ano, 222 tiñan indicada a vacina, ben por idade ou ben por outros factores de risco, pero 102 deles non estaban vacinados.

“Dada a situación actual da actividade gripal, este será o último informe desta tempada”, di o Sergas

Dende o inicio da tempada declaráronse 3.540 casos confirmados de gripe, dos que o 59% foron por gripe do tipo B, 39% por gripe A e un 2% polas dúas. Segundo o Sergas, “o 90% do total dos pacientes ingresados durante esta tempada tiñan indicada a vacina antigripal e deles o 49% non a tiñan posta”.

Os datos desa última semana analizada sitúanse, di o Sergas, “por debaixo do limiar establecido para determinar o momento do inicio e fin da onda” de gripe, polo que, engade, “dada a situación actual da actividade gripal, este será o último informe desta tempada”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.