0 Gardados para despois

As universidades galegas esixen orellas "despexadas" na selectividade para evitar fraudes

Redacción | @prazapublica

Nin cabelo sobre as orellas, nin panos, bufandas, capuchas ou calquera outro elemento que as tape. A Comisión Interuniversitaria de Galicia, o órgano formado polas tres universidades encargado de organizar a selectividade, ten xa en marcha o calendario para a realización destas probas entre os días 12 e 14 do vindeiro mes de xuño, cuxo proceso de matrícula para a convocatoria ordinaria desenvolve durante o mes de maio. Os exames agora denominados ABAU -antes, PAAU- réxense por normas comúns que o presidente da CIUG, Antón Fernández, vén de remitir ás direccións dos institutos de Secundaria e FP de toda Galicia e que desta volta inclúen unha cautela adicional fronte a posibles fraudes.

As probas de acceso á universidade celébranse entre o 12 e o 14 de xuño

Ás habituais alertas sobre chuletas ocultas en dicionarios ou calculadoras fóronse engadindo nos últimos anos advertencias sobre dispositivos tecnolóxicos diversos que agora se estenden abertamente ao emprego de auriculares para recibir respostas a distancia por vía telefónica ou grazas a internet. "Todos os alumnos e alumnas deberán manter os pavillóns auditivos despexados para a verificación de que non se usan dispositivos auditivos non permitidos", isto é, ningún que non sexa un elemento ortopédico para garantir a audición normal.

Referencia aos "pavillóns auditivos" na circular a CIUG

Xunto á nova advertencia o escrito inclúe outras máis habituais. Nos exames de Latín e Grego pódense empregar dicionarios, pero os seus apéndices gramaticais serán revisados "para comprobar que nos mesmos non hai anotacións". "De detectarse anotacións nos mesmos consideraranse como chuletas", o estudante será expulsado da aula e no seu exame figurará un cero. No que atinxe ás materias que implican o uso de calculadora quedan vetadas as programables, as que "dispoñan de pantalla gráfica ou permitan a resolución de ecuacións ou operacións con matrices, cálculo de determinantes, derivadas ou integrais". Igualmente, as fundas poden ser revisadas.

Advertencias sobre os reloxos na carta remitida aos institutos galegos

Estes son, en calquera caso, os únicos elementos permitidos. Teléfonos móbiles e reloxos intelixentes "non están permitidos", como tampouo o está "calquera outro dispositivo tecnolóxico" aínda que estea apagado. O profesorado que vixía os exames "terán especial coidado en que no posto de exame o alumnado non teña consigo o teléfono móbil nin ningún smartwatch ou calquera outro aparello electrónico" que non sexa a calculadora onde corresponda. "Todos estes obxectos serán considerados como chuletas" e, daquela, o seu achado será sinónimo de expulsión e suspenso cun cero no exame do que se trate, o mesmo que no caso de estudantes que sexan sorprendidos copiando.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.