A innovación no rural e a loita contra o cambio climático centran os proxectos escolares de Galiciencia

50 proxectos de Secundaria e Bacharelato compiten polos premios, acompañados por outros 27 de Primaria fóra de concurso © Galiciencia

Ourense acolle ata este venres Galiciencia, a maior feira científica de Galicia, na que os 50 proxectos de Secundaria e Bacharelato compiten polo primeiro premio do certame, acompañados por outros 27 de Primaria fóra de concurso. Este ano a organización fixo un chamamento a que os e as participantes traballasen en proxectos ligados á loita contra o cambio climático. Hai tamén un gran número de proxectos orientados a mellorar a calidade de vida das persoas e o seu acceso ás tecnoloxías e tamén incidindo na innovación no rural e nas fontes de enerxía alternativas. A delegación máis numerosa na exposición de proxectos procede da provincia de Pontevedra, cun total de 32 equipos defendendo as súas investigacións e inventos. A eles súmanse 29 de Ourense, 9 da Coruña, 5 de Lugo e 2 de Barcelona.

É a primeira vez que Galiciencia se celebra na primavera e no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense) atraerá durante tres días a ao redor de dúas mil persoas, con entrada libre polas tardes. O certame chega este ano á súa décimo terceira edición, coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

Os proxectos

Os visitantes que queiran ver en directo como se produce o desxeo no Ártico e na Antártida teñen a ocasión de facelo a través das maquetas creadas polos alumnos do Colexio Marcote de Vigo para escenificar como o efecto invernadoiro provocado pola acción humana incide directamente no cambio climático. Desde o IES David Buján de Cambre, un alumno trae a súa app deseñada co fin de que calquera poida achegar datos para avaliar a influencia do cambio climático sobre a flora da Península Ibérica. E como cambiou o clima no norte de Lugo nos últimos 60 anos? Esa é a pregunta que  o equipo procedente do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo responde desde o seu stand.

A dinamización do rural a través da innovación centra proxectos coma o do alumno das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal de Ponteceso que lle busca novos usos aos hórreos, propoñendo a súa reconversión como aloxamentos para peregrinos e secadeiros de xabón. Mentres, un equipo do IES San Rosendo de Mondoñedo ideou un proxecto de ciencia cidadá que busca mellorar os ecosistemas rurais da súa comarca e provocar o diálogo interxeracional sobre a situación do agro.

As solucións que melloran a calidade de vida, mesmo en condicións extremas, tamén destacan no listado de proxextos. É o caso do sistema de esterilización mediante luz ultravioleta para quirófanos rudimentarios, pensado para usar en zonas remotas ou en guerra, que deseñaron dúas rapazas do IES Sánchez Cantón de Pontevedra. E tamén o do sistema de axuda na reciclaxe de lixo para invidentes, que incorpora unha alerta sonora que lles axuda a diferenciar cada colector, ideado por alumnos das Aulas Tecnópole.

Que calquera poida crear unha aplicación móbil, mesmo sen ningún tipo de coñecemento técnico, é o obxectivo dos alumnos do IES Rosalía de Castro de Santiago. Traballando en rede con outros seis estudantes de todo mundo lograron desenvolver Makeroid, que xa lle axudou a máis de 40.000 persoas a crear as súas propias apps sen saber programación. Doutra banda, para que os estudantes non se distraian en exceso coas tecnoloxías, un equipo do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova creou unha “caixa forte” para teléfonos móbiles durante as clases.

Os proxectos relacionados coa alimentación volven ser unha constante na Galiciencia. Nesta edición, os alumnos das Aulas Tecnópole presentan o seu calorímetro para medir as calorías de calquera alimento, mentres que os do Colexio Guillelme Brown de Ourense analizaron e confirmaron o poder das especias, e en especial da canela, para combater as bacterias. As enerxías alternativas son outra das fontes de proxectos este ano. O sistema para recargar as baterías dos móbiles con enerxía solar deseñado por alumnos do IES A Xunqueira de Pontevedra e o kart eléctrico do equipo do Colexio Divino Maestro de Ourense son só un exemplo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.