0 Gardados para despois

Houston, tivemos un problema... E solucionámolo

Redacción | @prazapublica

O pasado luns 7 de maio lanzouse dende Ordes a terceira sonda da Axencia Escolar Espacial Galega, a MarumaSAT3, que buscaba repetir o éxito acadado nos dous últimos anos. De novo, o alumnado de tres institutos públicos (o IES Maruxa Mallo de Ordes, o IES Miraflores de Oleiros e o IES Marco de Camballón de Vila de Cruces) traballara conxuntamente durante meses para facelo posible.

O lanzamento foi ben, e a sonda acadou -pendurada dun globo de helio- os 33.223 metros de altura (roldando o record acadado o pasado ano), penetrando na estratosfera, unha capa da atmosfera de límites difusos, que vai dos 10 aos 50 quilómetros sobre a terra. Alí, como explican en Ceos Galegos, "a densidade é tan pequena que ese globo vai aumentar o seu tamaño ata ocupar tanto coma un camión. A cantidade do gas interior é o mesmo, pero ao diminuír a densidade exterior o globo incha. No momento no que chega ao seu límite de elasticidade estoupa e a sonda inicia unha caída libre".

Daquela, nun momento da súa caída, o equipo perdeu o seu sinal, o que dificultou moito as tarefas de recuperación do aparello. A procura estendeuse durante varios días, supoñíase que a sonda podía estar preto de Serra de Outes ou Negreira, aínda que a falta de noticias obrigou a estendela a concellos próximos, como Muros ou Carnota. A Axencia Escolar Espacial Galega chegou a solicitar apoio a través das redes sociais para conseguir recuperar o aparello. Finalmente, o sábado pola tarde a sonda apareceu en Negreira, moi preto do lugar previsto para a súa aterraxe. Rafa, alumno de 3° ESO do Maruxa Mallo de Ordes, foi quen a atopou. Houston, tivemos un problema... E solucionámolo.

Ademais do propio lanzamento da sonda, os e as integrantes do equipo buscaban realizar varios experimentos, incluíndo a comprobación dos efectos que a viaxe á estratosfera tivera para unhas fabas, que foron plantadas días despois. Nestes momentos, o alumnado dos tres institutos analiza tamén os vídeos gravados e os demais datos rexistrados polos distintos sensores e aparellos que transportaba a sonda. 

 

Tres anos de lanzamentos

O primeiro lanzamento foi realizado en 2016 por alumnos e alumnas de 3º de ESO do ordense IES Maruxa Mallo. A iniciativa fora impulsada por tres mestres do centro: Raquel Rendo (profesora de Tecnoloxía), Xosé Díaz (de Matemáticas) e Xosé Manuel Fernández (de Lingua Galega). No curso seguinte Raquel Rendo pasou a dar clases en Oleiros e Xosé Díaz en Vila de Cruces. Isto, lonxe de impedir a continuidade do proxecto, fixo que se ampliase, implicando tamén a estes dous centros e permitindo o traballo conxunto entre o alumnado dos tres institutos, que conformaron a Axencia Espacial Escolar.

Manteñen unha comunicación permanente a través de Internet e tamén realizan encontros presenciais, coa participación dos case 200 alumnos e alumnas que participan no proxecto. Organízanse, ademais, en distintos grupos de traballo, algúns máis relacionados coa construción física da sonda, outros ligados á realización dos cálculos para o seu correcto voo e aterraxe, outros vinculados ás medicións que a cápsula deberá facer, outros que deben atopar recursos económicos para financiar a iniciativa

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.