Un terremoto de 4 graos sacode Taboada e séntese en localidades de tres provincias

Lugar exacto do epicentro do terremoto, en Monterroso © Google Maps

O Instituto Xeográfico Nacional detectou un sismo de 4 graos de intensidade na escala de Richter e que se produciu ás 02:28 horas da madrugada deste martes ao sueste da localidade de Taboada, na provincia de Lugo, sen que polo momento se reportase dano ningún. O terremoto, con epicentro a 12 quilómetros de profundidade, sentiuse en varias poboacións da zona. Nunha escala de 1 a 10, percibiuse cun nivel catro no propio concello do epicentro, no lugar de Quintá, na parroquia de Piñeira.

Do mesmo xeito, aínda que con menor intensidade, o sismo notouse en Arzúa, Cacheiras, Chantada, Lugo, Santiago de Compostela, Sarria, Tui e Vilalba, segundo a información recompilada polo Instituto Xeográfico Nacional, que está a revisar os datos e que aínda podería modificar á baixa a magnitude do sismo estimada inicialmente.

Segundo testemuñas de varios veciños e polas chamadas efectuadas ao 112, o sismo tamén foi sentido por persoas en Cospeito, A Estrada, Lalín, Monforte, Guntín ou Oroso. Moitas das afectadas aseguraban ter sido espertados polo movemento do chan dou da cama, aínda que non hai constancia ningunha de que houbese danos materiais ou persoais. 

Desde o 21 de agosto de 2017, hai un ano, rexistráronse un total de 23 terremotos nesta mesma zona, aínda que só tres deles foron percibidos pola poboación e tiveron lugar, precisamente, nos últimos días: o 2 de agosto, o 10 de agosto e mais que se produciu nesta madrugada do martes.

 

Os maiores terremotos galegos dos últimos anos

Na memoria recente están os terremotos que tiveron lugar nos últimos anos do século XX entres Sarria, Becerreá e Triacastela, no denominado triángulo sísmico da montaña lucense. O 21 de maio de 1997 ás 23.50 horas Triacastela sufriu un tremor de 5.1 graos, o maior dos rexistrados en Galicia dende que hai medicións precisas. Nos dous días seguintes houbo numerosas réplicas e seis delas superaron os 4 graos de intensidade. Entre 1995 e 1996 houbera varios terremotos semellantes na zona. En xaneiro do ano 2000 Triacastela volveu sufrir un tremor por riba dos 4 graos, derradeiro rexistrado en Galicia con esta intensidade

Data Epicentro Magnitude
15/02/1979 Sarria 4,6
18/12/1979 Becerreá 4,2
15/04/1994 Burela 4,1
29/11/1995 Triacastela 4,6
24/12/1995 Baralla 4,6
24/12/1995 Baralla 4
29/10/1996 Becerreá 4,1
21/05/1997 Triacastela 4,1
21/05/1997 Triacastela 5,1
22/05/1997 Samos 4,3
22/05/1997 Baralla 4,9
22/05/1997 O Corgo 4,1
22/05/1997 Triacastela 4,3
23/05/1997 Triacastela 4,4
30/01/2000 Triacastela 4,1

 

© IGN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.