0 Gardados para despois

Non chove en Santiago: a capital galega viviu o setembro máis seco dende que hai rexistros

Redacción | @prazapublica

Galicia viviu o pasado ano un outono excepcionalmente seco. Tanto que a comezos de decembro todo o país estaba xa en alerta pola seca. No entanto, o primeiro trimestre de 2018 sucedeu todo o contrario, especialmente tras o marzo máis chuvioso no que vai de século, o segundo marzo con máis precipitacións dende 1962 con localidades como Pontevedra ou Santiago nas que chovera dous de cada tres días nos primeiros tres meses do ano. A dinámica de valores históricos de precipitacións, por escasas ou por abondosas, reproduciuse no final do verán, como amosan as medicións do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago.

Atendendo aos datos recompilados por esta institución académica o pasado setembro foi "histórico" pola "ausencia de precipitacións en Compostela nun mes de setembro". Non en van, explica o director do Observatorio, José Ángel Docobo, o pasado setembro foi en Santiago o máis seco dende o inicio dos rexistros meteorolóxicos na entidade, que comezan en 1948. "Nunca antes tivera lugar unha situación semellante, aínda que xa houbera meses de setembro moi secos na área de Compostela".

Nomeadamente, durante o mes de setembro só se rexistraron tres días con chuvia, nos tres casos moi escasa: na noite do 2 ao 3 caeron 0,4 litros por metro cadrado, do 17 ao 18 rexistráronse 0,9 litros e o día 21, "unha precipitación inapreciable" durante a mañá, de menos de 0,1 litros por metro cadrado. Estes valores están moi por baixo dos que ata agora foran os setembros máis secos na cidade: o de 1989, con 7,1 litros, o de 1999, con 10,1 ou o de 1985, con 11,4.

Durante o pasado mes de setembro só choveu tres días en Compostela, os tres con precipitacións moi escasas: "Nunca antes tivera lugar unha situación semellante", din no Observatorio da USC

Son, agrega Docobo, a cara oposta de meses de setembro nos que chegaron a a medirse ata 301 litros por metro cadrado (1999) ou 220 en 1998. Neste ano, pola contra, dende o 8 de agosto e ata finais de setembro a chuvia rexistrada en Compostela apenas pasa dos 4 litros.

No que atinxe ás temperaturas do pasado mes de setembro, o Observatorio da USC constata que "foron altas, cunha máxima de 34,3 graos o día 1, xunto cunha media das máximas de 26,8 graos". Así e todo, "non se chegaron a superar as marcas" de anos como o 2006, cando o termómetro subiu por riba dos 38 graos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.