España en llamas é unha aplicación web gratuíta que ofrece datos completos sobre os incendios da última década en toda España e permite visualizar e moverse por datos inéditos de todos os lumes forestais de máis de 100 hectáreas dende 2001. Está desenvolvida pola Fundación Ciudadana Civio, unha organización sen ánimo de lucro que realiza aplicacións informáticas para facilitar o acceso a información pública e contou co traballo destacado do programador galego Juan Elosua.
O máis novidoso proxecto radica precisamente aí, no tipo de datos que manexa, información pública inédita á que todos os cidadáns teñen dereito de coñecer, acceder e manexar. Neste caso trátase dos datos primarios ofrecidos polas brigadas de extinción xusto despois de cada incendio e que conforman a Base de Datos Nacional de Incendios Forestales (EGIF) do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, que até agora non vira a luz.
Foi o propio Juan Elosua, quen despois de meses de peticións e reclamacións conseguiu acceder a esa información pública
Foi o propio Juan Elosua, quen despois de meses de peticións e reclamacións conseguiu acceder a esa información pública. "España é o único gran país de Europa sen lei de transparencia, pero si existe unha lei que garante o acceso á información relacionada co medio ambiente", indican dende a Fundación. En novembro Juan Elosua enviu dúas solicitudes, unha ao ministerio e outra á Comisión Europea e por fin en febreiro conseguiu que lle proporcionasen o acceso á información. “Estes datos só se podían ver agregados en informes en PDF na web do ministerio. Púxenos nun mapa para que se entendese mellor e a información estivese ao alcance de todos”, explica Elosua.
A Fundación Ciudadana Civio ten en marcha unha campaña de financiamento en Goteo.org co obxectivo de facer crecer o proxecto e investigar o problema coa axuda de cidadáns e organizacións interesadas na protección do medio ambiente ou a transparencia informativa.