Reválida, recentralización e cartos para os centros segregadores: O ensino dá pasos atrás

Soraya Sáenz de Santamaría e o ministro Wert, tras o Consello de Ministros © Goberno de España

Reválidas, recentralización, sectarismo, elitismo... Son algunhas das palabras coas que o sector educativo define o anteproxecto de lei da reforma educativa aprobada este venres polo Consello de Ministros. Cumpríronse os peores temores, eses que a través de pequenas pingas foron caendo sobre o ensino, ben fose a través da prensa ou de declaracións de membros do Goberno. E foi como se pensaba ou peor.

Así, o Goberno deu o visto e prace á que será unha nova lei educativa -a sétima da democracia- que implantará avaliacións unificadas a nivel estatal ao final de cada etapa educativa (Primaria, ESO e Bacharelato), que reforzará as materias básicas, que reduce as optativas e as vías formativas e que aumenta a porcentaxe de contidos mínimos que fixa o Estado nos currículos esculares. No caso de Galicia, esa porcentaxe determinada desde Madrid pasará do 55% ao 65% (nos territorios sen lingua propia, do 65% ao 75%).

A nova lei implanta as reválidas, reforza as materias básicas, blinda a subvención aos colexios que segregan e aumenta os contidos impostos polo Estado

A Lomce, que así se chama a nova lei (Lei de Mellora da Calidade Educativa), promete crear máis conflitividade aínda no sector educativo. Segundo o Goberno, pretende reducir a taxa de abandono escolar, que dobra a media europea, e mellorar o resultado nas avaliacións internacionais. "Trátase dunha das principais reformas estruturais do Executivo para fortalecer a formación integral dos cidadáns", asegurou a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría.

En canto ás reválidas, haberá unha avaliación a nivel estatal a final de Primaria, ESO e Bacharelato, ademais dunha proba en 3º de Primaria para a detección precoz de problemas de aprendizaxe. As probas de Secundaria e Bacharelato serán necesarias para obter o título, á vez que desaparece a Selectividade.

Os sindicatos ven a reforma un "desatino" polo seu carácter "recentralizador, sectario e elitista"

Para a CIG, tal e como xa manifestara a Praza, a reforma supón “un desatino tanto desde o punto de vista social, como pedagóxico e para a defensa do ensino público”. As reválidas supoñen, para a central nacioanlista, "unha visión totalmente clasista e elitista da educación que afonda na exclusión dos sectores sociais máis desfavorecidos", ademais de poñer "en tela de xuízo" o traballo do docente, xa que se elimina o concepto de "avaliación continua". UGT, pola súa banda, xa advertira sun método "sectario porque se intenta clasificar o alumnado".

En canto á recentralización, o ministro de Cultura e Educación, Ignacio Wert, asegura que "se trata de reducir unha dispersión dos contidos educativos que xa era inmanexable e que explica por que tanto incremento de educación xerou resultados tan modestos". No entanto, negou que fose "unha recentralización" das competencias autonómicas, que disque permanece "intactas", e prefiriuno chamar "clarificación competencial".

O ministro Wert non fala de recentralización, senón de "clarificación competencial"

CCOO-Galicia xa asegurara que esta intención recentralizadora, agora confirmada, era "un erro", xa que "a marxe de manobra das comunidades autónomas é fundamental". CIG-Ensino, pola súa banda, cualifica a medida como "usurpadora das competencias dos gobernos autonómicos" e advirte do ataque que sufrirán as especifidades dun país como Galicia, "tanto a nivel educativo como cultural ou lingüístico".

Ademais, o anteproxecto blinda as subvencións aos colexios que segregan os rapaces por cuestión de sexo, xa que abre a porta a que as comunidades autónomas outorquen concertos aos centros con educación diferenciada por sexos, así como maior autonomía para que estas escolas implanten os seus métodos pedagóxicos.

 Do mesmo xeito, aumenta a carga lectiva nas materias instrumentais, é dicir, Matemáticas, Lingua e Inglés, mentres que en Primaria desaparecen Coñecemento do Medio e Educación para a Cidadanía. Ademais, o Goberno adianta xa a 3º da ESO os itinerarios cara á FP e ao Bacharelato, a través de manterias optativas, dúas vías que estarán xa completamente diferenciadas no curso seguinte. Así, créase unha FP Básica, de dous anos de duración, que será obrigatoria e substituirá os Programas de Cualificación Profesional Inicial.

Para a CIG, a "segregación" temperá incrementará o fracaso escolar, expulsará do sistema educativo a parte do alumnado e desterra a igualdade de  oportunidades”

Nun comunicado, a CIG aclara que esta "segregación", que se inicia desde 2º da ESO con estes programas de Formación Profesional Básica, "incrementará o fracaso escolar, expulsará do sistema educativo a parte do alumnado e desterra a igualdade de  oportunidades”, tal e como aclara o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, que lembra tamén que ao final de 3º da ESO o estudante terá que decidir se orienta os seus estudos á FP ou ao Bacharelato. “Promóvese a segregación a través da elección de itinerarios de maneira temperán, e sen posible retorno, co obxectivo de reducir ao máximo o alumnado que cursa estudos Bacharelato e reforzar o ensino privado concertado. Crearanse centros de  elite mediante a especialización curricular e seguramente se amplíen os concertos ao Bacharelato ”, sinala.

Ademais, a CIG recorda que baixo a denominación de “autonomía dos centros” preténdese "facer un ranking de centros educativos en función dos resultados do alumnado sen considerar o contexto socioeconómico e as súas carencias". "Os resultados serán tidos en consideración para a dotación de recursos e poden chegar a terse en conta incluso para fixar as retribucións do profesorado", advirte. As palabras do ministro Wert non parecen confirmar os temores: “Queremos reducir a endogamia, que haxa competencia pola dirección dos centros, que teña más poder efectivo o equipo de dirección, así como retribuír os bos rendementos”.

Soraya Sáenz de Santamaría e o ministro Wert, tras o Consello de Ministros © Goberno de España

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.