As axudas á edición de libros escolares en galego desplomáronse un 80% con Feijóo

Feijóo e Vázquez presentan o decreto, o 30 de decembro de 2009 Dominio Público Xoán Crespo

Entre os múltiples tópicos que rodean a actividade administrativa e política están os que sitúan as subvencións e axudas públicas como unha achega froito da vontade de quen goberna, unha caste de xesto gracioso do Executivo de quenda cara a un sector económico ou social. No caso do eido da cultura e da lingua galega, non faltan os disparos por elevación neste sentido. Ese tipo de discursos -que alimentaron, por exemplo, as protestas contra as políticas de normalización lingüística durante a lexislatura do bipartito- adoitan obviar que boa parte destas axudas teñen un sustento en leis e en amplos acordos parlamentarios. Isto é o que acontece, por exemplo, coas axudas á edición de libros de texto e outros materiais escolares en lingua galega. As mesmas que, dende o retorno do PP a San Caetano, sufriron un desplome do 76,2%, obviamente moi por riba da caída global dos Orzamentos Xerais da Xunta.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a convocatoria destas subvencións para o ano 2013. Os 250.000 euros cos que está dotada supón unha tesoirada de 50.000 euros a respecto da última edición, que tivo ademais a particularidade de ser a correspondente a dous anos e non a un. Isto sucedeu porque, o 1 de marzo de 2011, a Secretaría Xeral de Política Lingüística -aínda dirixida por Anxo Lorenzo- convocaba as axudas "por unha contía máxima total de 400.000 euros". A resolución da convocatoria foise dilatando ao longo do ano ata que, en setembro, Política Lingüística deixaba "sen efecto" as axudas argumentando razóns de "política orzamentaria", nomeadamente, o "necesario equilibrio entre ingresos e gastos".

Poucos días antes do remate de 2011, o 26 de decembro, a orde de axudas regresaba ás páxinas do DOG pero con tesoirada incorporada, deixando 100.000 euros polo camiño ata quedar en só 300.000. Como era de agardar, a caída xerou un importante malestar no sector editorial galego, na comunidade educativa e nos colectivos de defensa do idioma, que non só reprocharon a política orzamentaria do Goberno galego, senón tamén o feito de que, ao seu xuízo, a Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística están a obviar os seus deberes legais.

Na orde de 2013 as axudas sofren unha tesoirada de 50.000 euros e fican en 250.000, unha caída moi superior á do global do orzamento

Pero, cales son eses deberes? En termos xerais, os marcados polo Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística, que estipulan que a Xunta debe potenciar o galego no ensino e facelo ademais de maneira progresiva. A esta lexislación básica uniuse en 2006 a Lei do Libro e da Lectura, que lle deu rango de obriga legal ao precepto instaurado dous anos antes polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento durante o último Goberno de Manuel Fraga. Naquel documento instábase a "garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade" en galego e a lei de 2006 estableceu que a Xunta "potenciará a produción editorial en galego mediante unha liña de axudas que asegure a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos naquelas áreas en que a lexislación educativa determine que a lingua galega sexa a vehicular da súa aprendizaxe".

Neste contexto, e malia á redución de espazos para o galego no ensino motivada polo denominado decreto do plurilingüismo, cabe a pregunta de se esa "oferta suficiente" está "asegurada", como marca a lei, unha orde de axudas que pasou de 1,05 millóns de euros en 2008 e 2009 a 501.617 en 2010, xusto antes de quedar nos devanditos 300.000 e 250.000 dos anos 2012 e 2013. Ademais, a orde publicada este venres no DOG tampouco convida á tranquildade. Non en van, advirte de que a dotación orzamentaria foi fixada "sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias", que poden ser á alza, pero tamén á baixa.

Manual escolar en galego © CEIP López Ferreiro (Santiago)
Fonte: Xunta (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.