Xa está aquí o 'Apalabrados' en galego

Captura de pantalla de 'Apalabrados' © PCActual

Etermax, a empresa responsable de Apalabrados entre outras populares aplicacións para dispositivos móbiles, vén de anunciar que nos vindeiros días estará dispoñible a versión en lingua galega deste popular xogo, con orixe no scrabble. Até o de agora era posible formar palabras en inglés, francés, español, portugués, alemán, holandés, catalán ou éuscaro.

A galeguización foi desenvolvida por Cilenis, a start-up tecnolóxica nacida no seo dun grupo de investigación da Universidade de Santiago, e dedicada ao desenvolvemento de produtos e solucións nos campos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñería lingüística. Chegar á versión en galego do xogo non tiña unha gran complexidade técnica pois só era preciso contar cunha base de datos de termos a partir dun diccionario, algo que xa existía, con algunha particularidade, coma o feito de incoporar femininos e plurais e as formas conxugadas dos verbos. Cilenis púxose en contacto con Etermax hai meses para facerlle a proposta de desenvolver a versión en galego do xogo. E finalmente a versión está lista.

A versión en galego do xogo era algo que viña sendo reclamado por moito usuarios. Pouco antes do pasado verán mesmo se creara un grupo en Facebook con esta demanda, xusto despois de que Apalabrados confirmase o nacemento da súa versión en catalán. Apalabrados estase a converter nun fenómeno global. É moi semellante ao clásico Scrabble (trátase de formar, sobre un taboleiro, palabras cunhas determinadas letras, e obtendo puntos extra en determinadas casillas) coa novidade de que permite o xogo multixogador online, podendo xogar cun amigo, a través do facebook ou escollendo un opoñente ao chou en calquera lugar do mundo.

Captura de pantalla de 'Apalabrados' © PCActual
Xuntanza entre os membros de Cilenis e Marc Vidal © Nocomun

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.