0 Gardados para despois

A casa 2.0 das palabras

Redacción | @prazapublica

Vén de presentarse o Portal das Palabras, un novo espazo de difusión do léxico e a lexicografía, que contén curiosidades, información sobre termos, unha nova versión do dicionario en liña da RAG (que inclúe busca avanzada e unha utilidade de sinónimos e antónimos), así como vídeos explicativos e soportes didácticos. Tamén incorpora unha app que permitirá consultar o dicionario electrónico en dispositivos móbiles, que utilicen tanto Android coma iOS.

Na propia páxina lémbrase que na presentación da primeira versión electrónica do dicionario da RAG, o agora ex-presidente Xosé Luís Méndez Ferrín, explicara que a etimoloxía do termo "tesauro" provén do latín thesaurus, que significa "tesouro". E destácase que "máis alá do propio país, as palabras que conforman a nosa lingua representan o maior ben colectivo co que contamos. Modernizar a investigación do léxico, e axudar a que se coñeza e se use, é o obxectivo da posta en marcha deste Portal".

O Seminario de Lexicografía da RAG é o responsable dos contidos achegados. O aproveitamento educativo dos mesmos e mais o criterio pedagóxico dos niveis, xogabilidade, adecuación etc., é labor de educaBarrié

O Seminario de Lexicografía da RAG é o responsable dos contidos achegados. O aproveitamento educativo dos mesmos e mais o criterio pedagóxico dos niveis, xogabilidade, adecuación etc., é labor de educaBarrié. Os presidentes da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, e da Real Academia, Xesús Alonso Montero, foron os encargados de presentar o portal este xoves na Coruña. Alonso Montero salientou que o portal permite dar un "salto de xigante na prestacion de servizos a prol da lingua galega ao conxunto da sociedade –en particular no ámbito educativo–, e aos sectores mais novos e dinámicos, que son os usuarios principais das novas tecnoloxías”.

O profesor González apunta que se fixo “o dicionario que o país precisa neste momento, cun idioma en conflito, e coa necesidade de restituír boa parte do noso léxico ocupado por palabras foráneas"

Manuel González e Antón Santamarina son os responsables do Portal. Antón Santamarina destaca que “non se tratou de facer un dicionario dun autor, ou dunha editorial, senón que é un dicionario que presenta os termos máis necesarios para comunicármonos, partindo dos usos reais, recollidos de corpus literarios, xornalísticos e orais, e escollendo as palabras propostas entre as variantes dialectais máis estendidas. Neste tipo de dicionarios non pode estar toda unha lingua”. En opinión de Santamarina, non ten unha vontade apenas recolectora, senón que “pretende unha modernización da lingua”.

O profesor González apunta que se fixo “o dicionario que o país precisa neste momento, cun idioma en conflito, e coa necesidade de restituír boa parte do noso léxico ocupado por palabras foráneas. Por iso se fai un dicionario normativo”. Segundo Manuel González a historia de sometemento do noso idioma tamén provocou que, en determinados momentos, “se recorrese á adopción de termos de linguas de fóra e, especialmente na época da intelectualización da lingua, é dicir, cando se pasou –na fin do XIX e no XX– dunha lingua oral a unha lingua de escritura, á invención de palabras, con rebuscadas adaptacións, normalmente a partir do castelán, e que se foron incorporando aos dicionarios, feito que posteriormente houbo que corrixir”.

González remata lembrando que o DRAG "ten na actualidade algo máis de 50.000 entradas. Un dicionario normativo ten entre ese número e 80.000, e coido que é conveniente crecer aínda un pouco máis na incorporación cuantitativa de voces". Pero pon o énfase en que o que se precisa agora é "colligit, expurgat, innovat, como di a lenda do selo da Academia. O que toca é colleitar, expurgar e innovar, porque o galego corre perigo de sufrir unha deturpación que poña en serio risco a preservación da identidade da lingua”.

Tamén se incorpora a posibilidade de realizar consultas aos académicos, para preguntarlles por exemplo "Por que algunhas palabras que coñecemos non están no Dicionario?"

Ademais do renovado dicionario, outros contidos son: Palabra do día, para coñecer o significado, etimoloxía e exemplos de uso dunha palabra que se presenta cada xornada; Mira que din, un observatorio de tendencias; Setestrelo, que agrupa as sete palabras máis destacadas dunha temática explicando o seu significado e a historia de cada palabra; e Palabras asinadas, onde un académico ou académica escolle e comenta un termo da súa preferencia. Tamén se incorpora a posibilidade de realizar consultas aos académicos, para preguntarlles por exemplo "Por que algunhas palabras que coñecemos non están no Dicionario?". A primeira das consultas publicadas ten que ver coa palabra requincho. O termo preferente, moi de actualidade por desgraza, é outra das palabras destacadas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.