0 Gardados para despois

Galicia xa ten o .gal

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Nuns tempos nos que non abundan as boas novas temos convocámosvos para dar conta do anuncio feito onte pola ICANN de que o dominio .gal superou positivamente o proceso de avaliación". Deste xeito comezou Manuel González, presidente da asociación puntoGAL, a intervención que serviu para anunciar que o .gal, o dominio galego, xa é (case) unha realidade. Despois da aprobación este venres pola ICANN e dun periodo transitorio de entre 6 e 9 meses, o dominio estará operativo no inicio de 2014.

Como lembrou o propio González, este logro é a conclusión dun traballo de máis de sete anos, dende o 10 de xuño de 2006 no que as entidades fundadoras da asociación puxeron en marcha a candidatura. "É unha conquista de toda a sociedade e un exemplo de que todos xuntos podemos. Hai máis xente comprometida co país da que parece", salientou González, que tamén pediu que "ninguén trate de apropiarse del". 110 entidades, máis de 12 mil apoios cidadáns, o consenso de todos os partidos e dos gobernos de todas as cores. González agradeceu o apoio de todo para a consecucion deste obxectivo que permitirá unha meirande visibilidade de Galicia e da lingua e cultura galegas en todo o planeta: "As letras .gal vanlle estar recordando ao mundo cada día que existe unha comunidade que se chama Galicia e unha cultura e unha lingua que se chama galego. Vaille dar visibilidade universal á nosa personalidade particular. Hoxe é un día feliz para Galicia e para a nosa lingua", salientou Gonzalez .

"É unha conquista de toda a sociedade e un exemplo de que todos xuntos podemos. Hai máis xente comprometida co país da que parece", salientou González

Unha importancia económica, tamén. "Cando hoxe alguén rexistra un dominio xenérico a maior parte dos beneficios da operación marchan fóra de Galicia. Polo contrario cando rexistren un .gal a situación será a inversa: a maior parte da repercusión económica directa quedará en Galicia". O contarmos cun dominio propio redundará especialmente en beneficio das empresas e iniciativas tecnolóxicas e vencellandas coa rede e tamén servirá para impulsar o uso do galego nestes eidos. Ademais, a Asociación utilizará todos os beneficios xerados para potenciar o emprego da lingua galega nas TIC. O dominio .gal tamén permitira que Galicia sente directamente "nas mesas nas que se toman as decisións sobre a gobernanza de internet", destacou Manuel González.

A Asociación Puntogal destaca tamén que "contar cun dominio propio situará o galego no máximo nivel entre as linguas no DNS, o que repercutirá no seu prestixio internacional. Para os efectos prácticos, atopar e ordenar información en galego resultará moito máis doado, por exemplo para os grandes buscadores". En 2011 rexistráronse máis de 9.400 novos dominios .es en Galicia, un crecemento do 10%, malia que ese ano o PIB da autonomía só medrou o 0,5%. A finais do ano pasado había en Galicia máis de 47.000 dominios rexistrados, cunha taxa de novas altas que oscila en torno a 10.000 novos dominios .es anuais, nun contexto de estancamento ou recesión económica.

 

Cando poderei ter o meu punto gal?

Os responsables da asociación calculan que ao longo de 2014 se rexistrarán cando menos entre oito e nove mil dominios

Cales son os pasos seguintes? Cando poderemos comezar a empregar dominios .gal? A aprobación do dominio por parte da Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN) é o paso máis importante dun proceso que agora debe pasar por distintas fases e que culminará a comezos de 2014. En primeiro lugar, a ICANN debe asinar coa asociación puntoGAL o contrato de delegación do servizo, polo cal a puntoGAL pasará a ser a responsable da concesión e xestión deste dominio.

Para calquera empresa o dispoñer dun dominio .gal significará "un valor engadido, unha meirande identificación coa sociedade á que se dirixen e un elemento de confianza"

Haberá tamén un periodo transitorio de entre 6 e 9 meses que servirá para fixar o prezo definitivo dos dominios e para establecer as reservas de nomes. Certas institucións públicas e entidades culturais terán dereito neste tempo a reservar o seu dominio antes de que calquera outro poida adquirilo e o mesmo pasará con determinadas marcas comerciais e empresas con marca rexistrada. Unha vez que se supere esta fase, ao redor de marzo, a convocatoria abrirase a todos e todas e calquera persoas poderá rexistrar o seu dominio punto gal. Os responsables da asociación calculan que ao longo de 2014 se rexistrarán cando menos entre oito e nove mil dominios. Nos seus primeiros cinco anos de existencia, o dominio .cat superou as 50 mil páxinas e converteuse nunha marca de país para todas as iniciativas, entidades e corporacións catalás.

Nos vindeiros meses a asociación puntoGAL comezará unha campaña de difusión da importancia e das vantaxes do dominio, dirixida ao mundo da cultura ou ao mundo do ensino, pero de forma moi especial ao mundo da empresa. Destacan que para calquera empresa o dispoñer dun dominio .gal significará "un valor engadido, unha meirande identificación coa sociedade á que se dirixen e un elemento de confianza". 

Manuel González anuncia a consecución do .gal: "Nuns tempos nos que non abundan as boas novas convocámosvos para dar conta do anuncio feito onte pola ICANN de que o dominio .gal superou positivamente o proceso de avaliación"

Manuel González: "É un triunfo de toda a sociedade e un exemplo de que todos xuntos podemos"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

7 anos de traballo

O 10 xuño de 2006 as entidades fundadoras da asociación puxeron en marcha a candidatura. Dende entón non se deixou de traballar nun proceso nada doado e que dependeu de que a propia ICANN abrise a convocatoria, algo que foi adiado en varias ocasións. En 2005 aprobara un grupo de novos dominios (eu, asia, travel, jobs, mobi e cat), e dende entón mantivo pechada a billa. Os procesos foron tamén custosos economicamente, pois só o prezo da matrícula para o exame é de 185 mil dólares, e os requisitos esixentes (a ICANN demanda un apoio unánime no caso dun dominio dunha comunidade, coma o .gal)

Camilo Regueiro, vicepresidente da Asociación Puntogal, destacaba hai un ano en Praza a actividade desenvolvida pola asociación: "Esforzámonos moito en facerlles ver a colectivos de todo tipo en Galicia que termos un dominio era moi importante para todos os sectores da sociedade galega, para a visibilidade de Galicia, para a lingua e a cultura, para as empresas, para o desenvolvemento das novas tecnoloxías. E era moi importante contar co apoio de toda a sociedade, que non houbese unha parte da sociedade que estivese en contra do proceso. A ICANN esixe que cando unha comunidade pide un dominio, esa petición teña o apoio completo desa comunidade. E iso conseguiuse: cóntase co apoio de todas as entidades do país, houbo un apoio total por parte do anterior goberno da Xunta e tamén do novo goberno da Xunta. A iniciativa conta tamén co apoio dos tres grupos políticos representados no parlamento".

Camilo Regueiro: "É fundamental que nós poidamos xestionar o noso propio dominio; cando ti adquires un .com ou un .org, parte dos cartos van para fóra; co .gal eses cartos quedarían aquí. Iso vai ser xestionado por unha entidade sen ánimo de lucro que vai ter como obxectivo reinvestir eses cartos no ámbito das novas tecnoloxías e no ámbito da cultura e da lingua galega"

O exemplo do 'puntcat'

Canda ao .gal a ICAAN aprobou este venres o .eus, o dominio que identificará a lingua e cultura vascas. Galegos e vascos seguiron o ronsel e o exemplo de Catalunya que o 16 de setembro de 2005 viu aprobado o dominio .cat. Era a primeira vez que unha comunidade cultural e lingüística acadaba esta posibilidade para rexistrar as súas páxinas web. Era a culminación de case unha década de traballo, que comezara en 1996 coa creación da Associació en Defensa del Domini .ct. Finalmente, optouse por outra estratexia, a do dominio para comunidades culturais ou lingüísticas. En 2001 creouse a Associació puntCAT, que iniciou unha campaña de recollida de apoios entre a sociedade catalá, e tres anos máis tarde presentouse na ICAAN a candidatura oficial, co aval de 68 mil persoas, empresas e entidades, algo que nunca fixera ningunha outra candidatura.

O dominio punt cat funciona, como demostran algunhas cifras, coma a taxa de renovación dos dominios (do 80%, fronte ao 70% dos .com) ou a taxa de densidade de información (o número de documentos indexados por Google en relación co número de páxinas)

En decembro de 2011, cinco anos despois da consecución do dominio, superáranse as 50 mil páxinas rexistradas co punt cat, o que garante que a Fundació punt CAT, que xestiona o dominio, é autosustentable e pode reinvestir os seus beneficios en iniciativa a prol da cultura catalá. Nestes anos o feito de ter un dominio propio contribuíu decisivamente a que a lingua catalá tivese un lugar en Internet e se fixese visible no mundo. O dominio punt cat funciona, como demostran algunhas cifras, coma a taxa de renovación dos dominios (do 80%, fronte ao 70% dos .com) ou a taxa de densidade de información (o número de documentos indexados por Google en relación co número de páxinas), que sitúa o .cat moi por riba de calquera outro dominio en canto á súa utilización real (só o .museum se achega un pouco)

"Ten bastantes vantaxes, en distintos ámbitos. A primeira é a visibilidade internacional: daste a coñecer simplemente polo uso do mail ou da existencia dunha web. E funciona nunha dobre dirección: daste a coñecer en todo o mundo e tamén todo o mundo se decata de que existe unha realidade que é Catalunya, que se expresa nunha lingua determinada e que ten uns intereses específicos, e así é como se dirixen a ti. Iso pasa mesmo con grandes multinacionais, que empregan o .cat para difundir os seus produtos aquí e dirixirse mellor aos seus clientes"