O maior incendio no que vai de verán arrasa 500 hectáreas en Quiroga e Larouco

Incendio entre Larouco e Quiroga moi próximo ás casas © Cristian López Vázquez

A Consellería do Medio Rural e do Mar informaba pasadas ás 13.00 horas de hoxe que a situación do incendio forestal rexistrado na parroquia de Vilanuíde, no concello lugués de Quiroga e na parroquia de Seadur, no concello ourensán Larouco "era sen chama e estabilizada" pero a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, advertiu que "non se pode dar por extinguido, posto que existen algúns focos activos"Até o de agora afectou unha superficie estimada de 500 hectáreas. O lume comezou onte ás 17:20 horas e a Consellería do Medio Rural e do Mar declarouno Nivel 1, que implica a activación de medidas de protección das persoas e bens non forestais, como medida preventiva pola súa proximidade aos núcleos de poboación, polo que algúns veciños da zona tiveron que abandoar as súas casas. O nivel 1 quedou desactivado ás 13:03 horas de hoxe dado que o lume xa non ameaza a núcleos habitados. Meteogalicia xa avisara o domingo das altas temperaturas aumentando o nivel de risco a laranxa  no interior de Ourense e o Miño de Pontevedra.

Os veciños denuncian que este ano non hai helicóptero na base de Valdeorras, que foi retirado despois do incendio no Barco o ano pasado "Quitáronnos o helicóptero e agora pasa o que pasa", sinala un veciño da zona para Praza Pública. Este feito xa foi denunciado polo BNG e o PSdeG cunha moción no pleno do Barco debido a que o PP apoiaba os recortes da Xunta na prevención de lumes nunha área de alto risco como é Valdeorras. "Pola decisión política e incompetente da Consellaría de Medio Rural e do Mar e da Xunta de Galiza, quedará agora sen unha base permanente de helicópteros, o que retrasará os tempos de reacción até como mínimo 30 ou 40 minutos, deixando Valdeorras á vontade do lume" afirma o BNG. 

Os veciños denuncian que este ano quitaron o helicóptero da base de Valdeorras, unha área de alto risco

A Consellería informou tamén do lume no concello ourensán de Oímbra, que quedou extinguido onte ás 23:20. A superficie afectada neste caso foi de 21,3 hectáreas, 1,3 máis do mínimo que estipula a Xunta para informar dos incendios para "evitar unha alarma social" e impedir "que se traduzcan como incendios os que non son".  

O persoal, contrario á ocultación dos datos

Sebastián Hernández, secretario de Asociación Profesional dos Traballadores do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios (Apropiga), denuncia en declaracións a Praza Pública que a falta de información por parte da Xunta é contraproducente "hai que crear un sistema de información competente, ao igual que non se esconden as cifras de accidentes na carretera non se debería esconder o número real de incendios". Ademais, afirma que a propia Xunta se contradi a si mesma "no Plan Pladiga afirma que un incendio forestal é aquel que queima máis de unha hectárea de superficie rasa ou ben máis de media hectárea de superficie arbolada, sendo así por que a Consellería só informa dos que queiman máis de 20 hectáreas? A consellería é o único organismo que se nega a publicalo e por non publicalo non van desaparecer os incendios. O único que consiguen é ocultar a labor que estamos facendo". Hernández defende que unha importante tarefa informativa sempre axuda na labor contra os incendios "a cidadanía ten dereito a estar informada, a solución non é ocultar datos", afirma, "falar de boa información non implica falar de espectáculo mediático como se fixo en moitos casos, a Xunta ten o deber de informar e os medios de axustarse á realidade".

"Estamos a case 15 de agosto e aínda hai prazas sen cubrir, moitas das brigadas aínda están incompletas e algunhas constituíronse neste mes de agosto"  

O secretario de Apropiga denuncia tamén a "improvisación" que está habendo no labor de extinción. "Estamos a case 15 de agosto e aínda hai prazas sen cubrir, moitas das brigadas aínda están incompletas e algunhas constituíronse neste mes de agosto, están actuando con total improvisación segundo vaia o verán". Ademais, cuestionou a profesionalidade das brigadas municipais e denunciou a falta dun mando único "os criterios de selección son do máis variados, non son uniformes, cada brigada é un mundo por así decilo. En moitos concellos non se valora nin a experiencia nin a formación para a contratación, collen ao persoal que máis lles interesa e que acaban acadando ordes do alcalde", denuncia, "moitos están limpando rotondas ou áreas recreativas, eso non é prevención e sin embargo si contan como unha brigada máis". "Esta improvisación ven dada pola falta tempo, a prevención e concienciación faise todo o ano, non a partir do 1 de xullo cando xa temos o verán enriba". 

Incendio entre Larouco e Quiroga © Cristian López Vázquez
O lume, próximo ás casas © Brif de Laza, Ministerio de Agricultura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.