Ourense non pega ollo co lume á porta das casas

Vista do incendio en Velle © @Xmriel

Máis de 30 graos de temperatura, menos do 30% de humidade e o vento por riba dos 30 quilómetros por hora. Na tarde do mércores dábase en Ourense o cóctel que converte case calquera monte nun polvorín se alguén quere que así sexa. E así foi. Como acontecera no entorno de Compostela no durísimo verán do 2006, a capital ourensá viuse, de súpeto, envolta nunha nube de fume provocada por dous incendios que, en pouco tempo, acadaban o nivel 1. O lume ardía nas parroquias de Cudeiro e Velle e nos dous casos as lapas ameazaban seriamente as casas.

Só houbo un minuto de diferenza entre os inicios de ambos lumes

Segundo a información oficial só houbo un minuto entre os inicios de ambos incendios: ás 15:33 en Velle e ás 15:34 en Cudeiro, o que alimenta a tese do lume provocado. A proximidade a zonas habitadas pero, sobre todo, o feito de que os incendios superaron as 20 hectáreas fixo que Medio Rural difundise os datos concretos de ambos sucesos. A primeira hora do xoves o lume de Cudeiro xa arrasara 40 hectáreas e n Velle, unhas 100. En total, os dous incendios suman un dispositivo de 6 axentes, 26 brigadas, 10 motobombas, dúas palas, 14 helicópteros e 16 avións, entre efectivos autonómicos e estatais, aos que tamén se sumou a veciñanza cos seus propios medios.

Máis incendios na mesma provincia

Os lumes da cidade non foron, nin moito menos, os únicos da provincia ourensá nas últimas horas. Só atendendo á información oficial sábese tamén que na Veiga arderon xa 90 hectáreas e en Montederramo, unhas 25. Ademais, entre a tarde e a noite do mércores ficaron extinguidos incendios en Chandrexa de Queixa, tras levar por diante 100 hectáreas e en Padrenda, onde arderon 8,5, segundo a Xunta. Como en cada comunicado ao respecto, a Xunta destaca que todos os medios das diversas administracións actúan baixo o seu "mando único".

Rosa Quintana acudiu a Ourense e Feijóo viaxou a Italia

Neste contexto, a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, aseguraba ao pé do lume en Ourense "non entender o que pasa" xa que "cando un foco parece estar controlado, aparecen outros novos", en alusión á intencionalidade dos mesmos, que provocaron que o lume se estendese ás dúas bandas do río Miño. Quintana seguiu o dispositivo ao vivo mentres a Xunta remitía á prensa a axenda do presidente para este xoves. Tras uns días sen actos públicos Alberto Núñez Feijóo retoma a súa actividade en Asís (Italia), onde será recibido polo alcalde e inaugurará unha exposición sobre o camiño de Santiago.

 

Un helicóptero, traballando en Ourense © @pgsarria
A cidade amenceu cuberta de fume © @ourensetuits

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.