0 Gardados para despois

Google xa prepara a versión en galego do Android

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Google xa prepara a versión do Android en galego. Iso foi o que a multinacional lle manifestou a Mallando no Android, colectivo (e blog) do que partiu a iniciativa que busca que se inclúa neste sistema operativo -que domina o mercado dos dispositivos móbiles (smartphones e tabletas) cun 90% do total en Galicia- a lingua propia.

"A impresión da xuntanza é boa; Google manifestou o seu compromiso de ofrecer o Android en galego e incluso aclarou que ofertar o noso idioma é unha das súas prioridades", asegura Iago Varela, editor de Mallando que acudiu á reunión e un dos impulsores dunha iniciativa que leva xa tempo dirixíndose á multinacional, responsable deste sistema operativo, e que se basea na web Android en Galego e nunha petición online en change.org que acumula case 3.300 sinaturas.

Google confirma que o galego xa é unha das 60 linguas ás que se traducen todos os seus novos produtos e que se irá incluíndo tamén nos antigos

Segundo explica Varela, Google aclaroulle que o galego xa é unha das 60 linguas ás que se traducen todos os seus novos produtos, un éxito que este impulsor da campaña a prol do idioma propio atribúe ao traballo e reivindicación da sociedade. Xa que logo, a empresa confirma que todos os produtos novos que está lanzando terán xa a súa versión en galego e aclara que os antigos (como Gmail) iranse traducindo nun segundo proceso que tardará algo máis, pero que tamén está previsto. En canto ao Android, a lingua galega será incluída nunha das súas próximas versións, aínda que Google non lle asegurou a Mallando que fose xa na seguinte, ao estar pendente da resposta á petición formal que a delegación española da multinacional vén de realizar á súa matriz nos Estados Unidos.

"O que fixemos foi presentarlles a nosa campaña e explicarlles todo o que fixemos, facendo fincapé nos datos na Red da comunidade lingüística galega ou no feito de que a sociedade galega fose pioneira no impulso á súa lingua en Internet; saín moi contento e esperanzado", engade Iago Varela. De feito, Google puido comprobar de novo o éxito de campañas que reclamaron -e acadaron- unha versión de twitter en galego, a importancia da demanda social do punto gal para a definitiva concesión do dominio galego ou doutras iniciativas, coma a que lle reclama a Apple versións dos seus produtos e sistemas operativos na nosa lingua.

O éxito desta campaña únese á que conseguiu twitter en galegou ou a que acadou o dominio galego na Rede

Tamén lle recordou Varela a Google os datos que se inclúen  no manifesto de Android en galego e que salientan que, "malia a súa complicada situación sociolingüística", o galego é "unha lingua especialmente viva no campo das novas tecnoloxías", tanto pola súa "importante presenza como lingua de uso nas redes sociais (20ª lingua de uso en Twitter no ano 2009, moi por enriba do seu peso poboacional e amosando un amplo grao de adopción temperá)", senón tamén "pola existencia de potentes grupos de tradutores de software (especialmente software libre) e de moi activos desenvolvedores de aplicacións do máis diversas". "O noso idioma está entre os trinta máis empregados na Rede", lembra o editor de Mallando, que insiste en que Galicia "vai un paso por diante no proceso tecnolóxico" e que o "entusiasmo" da sociedade galega pola defensa da súa lingua en Internet é difícil de atopar noutras áreas xeográficas. Iso, como recorda, foi máis que un punto a favor para convencer a Google.

"Unha comunidade lingüística da importancia da galega, cun número importante de usuarios, alta penetración de Android e presenza de variados grupos de desenvolvedores, merece que a súa lingua conte xa cun paquete predefinido de idioma", lembra a iniciativa, que busca incluír o galego neste popular sistema operativo. Na actualidade, só certos terminais illados de fabricantes como LG, Samsung ou Sony dan ao usuario á opción de escoller este idioma.

Google colaborará cos impulsores de Android en Galego durante o proceso de inclusión da lingua propia no sistema operativo

Por todo isto, Google comprometeuse a manter o contacto cos impulsores de Android en Galego, que colaborará coa compañía no proceso de inclusión do galego e que advirte de que "seguirá traballando ata conseguir o obxectivo".

O blog Mallando no Android, que foi quen arrincou a campaña, conta co apoio do operador de telecomunicacións galego R Cable, e diversas empresas adicadas ao desenvolvemento de aplicacións móbiles en Galicia, como Smart GalApps, Zadia Software, RedInPut, Mobialia, NeoBitStudio e distribuidores como HardGalicia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.