"Temos que ter inventarios moito máis completos e actualizados do estado e explotación dos nosos recursos naturais"

María Loureiro © Máster en Gestión del Desarrollo Sostenible

A sentenza do Prestige exculpou a todos os posibles responsables políticos da catástrofe, pero tamén deixou impagada a factura dos danos e prexuízos sufridos en Galicia a causa do vertido. Ao redor de 4.328 millóns de euros, unha cifra que xorde da peritaxe realizada pola profesora de área de Fundamentos de Análises Económicas da Universidade de Santiago, María Loureiro. Loureiro estudou os custes provocados directamente polo desastre, a curto prazo (os traballos de limpeza, a imposibilidade de pescar ou mariscar durante meses...), pero sobre todo a medio prazo, con variables que incluían o impacto sobre a cantidade de peixe desembarcado nos anos seguintes, e o seu prezo e demanda (algo no que a imaxe da súa calidade e salubridade era fundamental), e tamén sobre o turismo en Galicia. 

A propia sentenza certifica que o Prestige fíxolle gastar ao Estado 368 millóns de euros, 145 millóns á Xunta e 67 a Francia, ademais doutros "inxentes danos e prexuízos" a empresas e particulares. Porén, os únicos cartos que poden ser recuperados son os 22 millóns de euros que a aseguradora do petroleiro depositou en 2002 como fianza no xulgado de Corcubión. A cifra recollida na sentenza vai na liña das análises do Fondo de Indemnización de Daños por Hidrocarburos (Fidac), que só admite os danos objectivos totalmente documentados, e que chegou a cualificar de "inflada" a valoración de Loureiro. A profesora da USC evita valorar a sentenza, pero sinal que se fose condenatoria, sabemos que unha aseguradora podería pagar un máximo de 1.000 millóns. É o máximo que as entidades externas poderían pagar polo dano". E engade que "todos os sistemas de compensación que están vixentes hoxe en día menosprezan de forma moi considerable o dano económico total ocasionado. E isto é moi importante para o de hoxe e para o futuro".

Loureiro asegura que o seu é un cálculo "conservador, á baixa", que tivo que se deter en 2006 e que obviou, pola dificultade das medicións variables coma o impacto na saúde dos voluntarios e mariñeiros

Loureiro asegura que o seu é un cálculo "conservador, á baixa", que tivo que se deter en 2006 (aquel ano as cinzas dos lumes forestais provocaron un gran dano tamén nos banco marisqueiros) e que obviou, pola dificultade das medicións variables coma o impacto na saúde dos voluntarios e mariñeiros. Hai uns días explicou os detalles do seu labor nunhas xornadas sobre modelos matemáticos que se celebraron no Consello da Cultura Galega, A modelización da terra en Galicia. Nesta exposición salientou as posibilidades das análises estatísticas e do bigdata para mellor coñecérmonos o noso país e os seus sectores e procesos produtivos e laiouse da limitación dalgunhas bases de datos que rexistran magnitudes claves para sectores fundamentais en Galicia, como a pesca. "O límite póñeno os datos dispoñibles e a creatividade do investigador", destaca.

Que custes provocou o Prestige de forma directa?

O Prestige ocasionou unha factura as administracións públicas moi alta con respecto aos custos derivados da limpeza das zonas afectas e primeiras subvencións aos afectados. Por exemplo, os distintos Ministerios indicaron gastar 608,28 millóns de euros, que a prezos de 2011 equivalen a 748,18. Pero tamén gastaron as distintas CC.AA., os Concellos, etc. En total, a factura pública supera os 1200 millóns (a prezos de 2011). 

E, sobre todo, que custes provocou de xeito indirecto? Por que é tan difícil cuantificalo? Que variables e ámbitos consideraches?

Provocou tanto perdas comerciais directas, outras vencelladas aos sectores produtivos afectados, asi coma perdas ambientais ou de dano moral. En total, sumando todas estas perdas, xunto coa partida dos custos do Estado, CC.AA. e Concellos na limpeza, até o 2006 contabilízanse 4328 millóns de perdas sociais, que quedaban pendentes de pago. A estimación da perda económica total é complexa porque considera moitos sectores afectados e necesítase facer unha análise causal por sector, o cal inclúe unha serie moi ampla de variables. 

Algunhas especies tan coñecidas como a sardiña sufriron unha baixada de prezo moi considerable despois do impacto do Prestige (nalgunhas lonxas a caída en prezo foi superior ao 20%)

No estudo introduces mesmo algunhas consecuencias indirectas (sobre a imaxe dos produtos, sobre a imaxe do país), con impacto directo na compra ou prezo de produtos ou no turismo. Supoño que estes elementos foron os máis problemáticos.

Certo. Isto foi un factor importante, pois algunhas especies tan coñecidas como a sardiña sufriron unha baixada de prezo moi considerable despois do impacto do Prestige (nalgunhas lonxas a caída en prezo foi superior ao 20%, dándose a vez que as capturas tamén caían). Este fenómeno é un reflexo do estigma ambiental ou perda da reputación dos produtos pesqueiros galegos. A miña tese doutoral estudaba os mecanismos de creación de reputación en mercados ambientais que non funcionan baixo información perfecta, e  foime de gran utilidade. O Instituto Nacional de Estadística tamén reporta unha caída dos índices de prezos nas rúbricas de peixe e produtos do mar galegos despois do Prestige. Co cal a pericial da Fiscalía tamén contén outra evidencia externa desa caída de prezos ademais das estimacións propias. 

"Os avogados do FIDAC traballan con límites de compensación moi baixos. En concreto, para o caso Prestige, estaban en torno a 150 millóns de euros"

Os avogados do armador ou do FIDAC consideraron excesiva a cifra. Pero en realidade podemos dicir que o teu cálculo é conservador?

Certo. Os avogados do FIDAC traballan con límites de compensación moi baixos. En concreto, para o caso Prestige, estaban en torno a 150 millóns de euros. Tamén o manual de reclamación que seguen é moi restritivo en canto ao dano compensable, e os supostos de compensación. Co cal, hai diferenzas metodolóxicas importantes entre ambos enfoques. 

Hai algún elemento que consideras importante pero que non incluíches ao non poder ser cuantificado de ningún modo?

Si, por falta de datos, entre outros, o impacto na saúde a medio prazo dos voluntarios  e pescadores que traballaron na limpeza. 

"Dende un punto de vista económico non é óptimo que os afectados non sexan compensados de acordo ao dano sufrido, nin que os polutores non paguen o dano marxinal externo ocasionado"

Xa sei que non depende de ti nin ten que ver coa túa investigación, pero como valoras a sentenza, sobre todo no que respecta ao feito de que ninguén se fará responsable das perdas ocasionadas pola catástrofe?

En efecto, eu non vou valorar a sentenza en termos xurídicos, pois esa non é a miña especialidade. Agora ben, dende un punto de vista económico non é óptimo que os afectados non sexan compensados de acordo ao dano sufrido, nin que os polutores non paguen o dano marxinal externo ocasionado.  

Quéixaste de que por exemplo nos datos de capturas non están separados os de altura e baixura. Sería bo que as administracións mellorasen a recollida, tratamento e acceso ás estatísticas?

Si, penso que temos que ter inventarios moito máis completos e moi actualizados do estado e explotación dos nosos recursos naturais. A pesca, por exemplo, é un sector estratéxico para Galicia e deberíamos poñer recursos en documentala ben. Do contrario, non é posible estimar correctamente o que se chama "a liña base", ou a situación inicial de partida antes de calquera shock neste sector.

"Temos que ter inventarios moito máis completos e moi actualizados do estado e explotación dos nosos recursos naturais. A pesca, por exemplo, é un sector estratéxico para Galicia e deberíamos poñer recursos en documentala ben"

Non se aproveitan como se deberían as posibilidades do bigdata?

O uso do bigdata aínda está emerxendo. Para estudos de comportamento humán en relación ao uso de recursos vai ser moi importante, e confiamos que nos proporcione datos útiles en tempo real que van superar en calidade a moitas estadísticas que agora se recollen de forma anual. Agora ben, a utilidade das estadísticas oficiais segue a ser hoxe en dia de extraordinaria importancia e non debería ser descoidada.

Até onde chegan, pois, os modelos socioeconómicos?

Pois a verdade é que o límite o poñen os datos dispoñibles e a creatividade do investigador. Os modelos socioeconómicos tenden a enriquecerse hoxe en dia con outros modelos ecolóxicos que explican por exemplo a reprodución do recurso, ou a extracción do mesmo, e dan lugar ao que se chaman modelos bio-económicos que son especialmente útiles para entender a a dinámica dos nosos recursos naturais.

"Os modelos socioeconómicos tenden a enriquecerse hoxe en dia con outros modelos ecolóxicos que explican por exemplo a reprodución do recurso, ou a extracción do mesmo"

As matemáticas son unha ciencia exacta, pero á hora de empregalas para coñecer estatisticamente unha realidade, intervén (obviamente) a nosa ollada: enfoques, variables escollidas... Pódese facer ideoloxía a través dos datos?

Unha propiedade extraordinariamente única que teñen as matemáticas e a súa universalidade: dous máis dous sempre teñen que ser catro, independentemente da ideoloxía, raza, relixión, etc. Outra cousa son os supostos e premisas empregados na análise numérica. Eu na pericial do Prestige, usei as recomendacións e premisas que empregan institucións coma a Banco Mundial ou Nacións Unidas na medición do valor do capital natural, porque parecíanme as máis universalmente aceptadas e recomendadas. 

María Loureiro © Máster en Gestión del Desarrollo Sostenible

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.