O MIT premia o traballo da start-up galega Cilenis

Presentación de Avalingua en Lisboa, a cargo de Isaac González © Cilenis

Na actualidade créanse máis mensaxes escritos nun só día que en toda a historia da literatura. De aí a importancia crecente que teñen as ferramentas tecnolóxicas de análise, corrección e tradución lingüística, coma as que desenvolve Cilenis, start-up tecnolóxica nacida no seo dun grupo de investigación da Universidade de Santiago. Unha delas, Avalingua, un corrector intelixente que permite mellorar a aprendizaxe, a ensinanza de linguas, e tamén mellorar a xestión de linguas, vén de ser recoñecida esta semana en Lisboa no marco do Building Global Innovators, una iniciativa do Massachusetts Institute of Technology (MIT).

Avalingua, que xa fora incluída o pasado mes de xullo entre os vinte proxectos semifinalistas, entre uns 400 candidatos, fíxose este xoves na final cunha mención de honor, unha caste de segundo premio, que permite que a empresa entre a formar parte do selecto programa de mentores internacionais do MIT (Catalyst program) cun acceso privilexiado a apoios e oportunidades de investimento. “É un apoio moi importante ao que consideramos que é unha das propostas máis innovadoras de todas as que se presentaran”, destaca Isaac González, CEO de Cilenis, que aínda se atopa en Lisboa, asistindo ao programa de formación incluído neste certame.

"Esta honorable mention, aínda que non ten a dotación económica do primeiro (100.000 euros), outórgalle á empresa e ao seu traballo un gran prestixio e proxección internacional", engade, "e dános acceso a mentores internacionais, que durante nove meses nos van axudar a seguir mellorando o proxecto. O noso plan de mercado tamén vai ser enviado a investidores chave de toda Europa e dos Estados Unidos. E é posible que vaiamos a Boston a ter un encontro con investidores e expertos".

Pero que é Avalingua? Trátase dun software que corrixe automaticamente textos en galego, español, portugués e inglés, e que ademáis ofrece completas métricas sobre o nivel de coñecemento da lingua empregada polo usuario. "É unha caste de corrector intelixente que permite mellorar a aprendizaxe, a ensinanza de linguas, e tamén mellorar a xestión de linguas", explica Isaac González, que salienta que "a metodoloxía que nós utilizamos non está moi estendida a nivel de usuario final. Seguimos utilizando nos correctores de texto os típico spell checkers, que simplemente che di se unha palabra está ben escrita ou non".

"Se nós aplicamos iso a grupos grandes de estudantes, por exemplo unha escola, ou ao sistema educativo no seu conxunto, poderemos ver se están mellorando e a que velocidade"

"Pero se nós facemos unha análise profunda de toda a estrutura sintáctica, gramatical, morfolóxica..., podemos dar unha achega bastante certeira de cal é o nivel de lingua desa persoas. Se comete erros moi graves, se os erros se concentran nun aspecto, se son máis xerais... Con iso pódese mellorar a corrección e tamén medir canto sabe unha persoa de lingua" -engade- "Se nós aplicamos iso a grupos grandes de estudantes, por exemplo unha escola, ou ao sistema educativo no seu conxunto, poderemos ver se están mellorando, a que velocidade, se realmente o investimento está conseguindo unha mellora".

Polo tanto, conclúe, "podemos axudar a medir, podemos axudar a escribir, e tamén podemos axudar a dar clase: non só porque evitamos que sexan os mestres os que teñan que corrixir os textos, senón porque podemos indicarlle facilmente onde fallan os alumnos, e polo tanto onde se debe reforzar a aprendizaxe. E o propio alumno pode ver o seu informe e ver en que falla e onde debe mellorar". 

“A especial preocupación que temos en Galicia por estes temas, por mor da convivencia que se dá entre dous idioma, e que se cadra non existe noutros países, foi o que nos permite a nós crear este proxecto internacional tan gorentoso”

González conclúe que “a especial preocupación que temos en Galicia por estes temas, pola aprendizaxe e corrección das linguas, por mor da convivencia que se dá entre dous idioma, e que se cadra non existe noutros países, foi o que nos permite a nós crear este proxecto internacional tan gorentoso”.

 

Un programa de prestixio internacional

Marc Vidal, recoñecido analista económico, especializado en Nueva Economía e socio de Cilenis, salienta estes días no seu blog que "Avalingua pode chegar a funcionar como plataforma Saas en métricas linguísticas para a mellora de competencias e desempeños, logrando así achegarse a modelos preditivos e incursionarse no big-data semántico e intelixente". Tamén destaca a importancia do recoñecemento acadado por Cilenis e do propio programa do MIT, que na súa última edición "sumou ao millón de euros en premios, 14 millóns en investimento privado para os diferentes proxectos semifinalistas".

Ademais das oportunidades que agora se abren, tan só o feito de que o proxecto de Cilenis fose seleccionado como semifinalista, lle permitiu á empresa participar nun programa de formación moi valioso. O MIT ten sedes en varios países (tamén en España, pero cunha menor actividade que o centro portugués) e vai desenvolver este tipo de programas en distintos lugares do mundo, sendo pioneira a experiencia lusa.

De entre case catrocentos proxectos de todo o mundo, foron escollidos vinte semifinalistas, divididos en catro categorías. Durante dous meses os proxectos tiveron pasar por un proceso de formación en Portugal con contidos sobre networking ou como vender un proxecto a investidores, con xuntanzas semanais con mentores, por exemplo cun xerente de emprendemento de Microsoft Portugal. Ao final dese proceso tiveron que desenvolver un market plan, algo máis elaborado que un business plan, que é o que agora será presentado aos posibles investidores.

Presentación de Avalingua en Lisboa, a cargo de Isaac González © Cilenis
Avalingua nun dispositivo móbil © Cilenis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.