Dende hai tres anos a Confederación de Sociedades Científicas de España (Cosce) vén advertindo nas súas análises dos orzamentos destinados ao I+D+i non só dos recortes nos fondos, senón do elevado grao de non execución dos mesmos, superior ao 40% en 2011. José Molero, da Universidade Complutense, sinalaba que "a nós dános o mesmo a cantidade que establezan porque ao final sabemos que non é real. É unha fraude”. Case a totalidade dos fondos non gastados corresponden a créditos, o que nas partidas aparecen como operacións financeiras, que non se adxudicaron.
A Confederación de Sociedades Científicas advirte non só dos recortes nos orzamentos destinados a investigación, senón do elevado grao de non execución dos mesmos, ao redor do 40%
No seu informe correspondente aos PGE do 2014, a COSCE recoñece un leve incremento nos fondos para inviestigación, ao redor de 213 millóns de euros, un tres por cento, que no entanto "nin sequera compensa a caída de 461 millóns que sufriu o orzamento de 2013". Ademais, sinalaba que aínda que crecen máis as operacións non financeiras (6,5%) que as financeiras (1,8%), estas últimas seguen tendo un peso moi superior, por riba do 60% do total. Concluían, en calquera caso, que independentemente das cifras orzamentadas "o que finalmente importa é a execución dos diferentes programas", o que implica "non só gastar os créditos dispoñibles senón facelo de maneira eficiente en tempo e forma, o que esixe a posta en marcha de melloras na xestión".
Xulia Guntín, subdirectora xeral de Xestión do PXIDIT no goberno bipartito, sinalaba nun artigo publicado en Praza hai uns días que "a mesma situación repítese no caso do goberno galego de Núñez Feijoo ano tras ano". As cifras resumidas, no ano 2013 dos 19,04 millóns de euros das convocatorias de Estruturación e consolidación de unidades de investigación do SUG e Proxectos de investigación para investigadores/as emerxentes, únicas fontes de financiamento da actividade investigadora do persoal investigador universitario, o 28% non chega ao seu destino, é dicir, máis de 5 millóns de euros non investidos.
"Chama a atención que, coa esperable elevada demanda de financiamento público para a investigación por parte do persoal investigador, á Consellería lle sobren cartos das escasas convocatorias que realiza"
Guntín salientaba que "os orzamentos son intencionadamente un cadro escasamente realista da capacidade de gasto do goberno e o goberno xoga coa maioría absoluta da que desfruta no Parlamento". Engadía que "tendo en conta o contexto de contracción, chama a atención que, coa esperable elevada demanda de financiamento público para a investigación por parte do persoal investigador, á Consellería lle sobren cartos das escasas convocatorias que realiza".
Guntín concluía que a Xunta buscaba "cadrar uns orzamentos que teñen moito de propaganda mediática" a través de distintas estratexias que dificultaban conscientemente a posibilidade de execución dos fondos
Concluía que a Xunta buscaba "cadrar uns orzamentos que teñen moito de propaganda mediática" a través de distintas estratexias que dificultaban conscientemente a posibilidade de execución dos fondos, como "reducir ata o absurdo o grupo de posíbeis beneficiarios, establecer prazos imposíbeis de cumprir para solicitar e xustificar as subvencións, incrementar as achegas con partidas orzamentarias de subvención vía créditos coas dificultades existentes de liquidez e solvencia financeira e resolucións de concesión de importes significativamente inferiores". E, finalmente, reclamaba como "imprescindible e urxente" a esixencia no Parlamento "dun informe detallado, exhaustivo e contrastado sobre o grao de cumprimento do Plan de Financiamento 2011-2015, para coñecer as cifras de financiamento real do SUG".
En relación con isto, representantes da CIG da Universidade de Santiago xa anunciaron que asistirán este luns 25 ao pleno do Parlamento no que se presenta o proxecto de lei de orzamentos para coñecer as partidas destinadas ás universidades galegas e a defensa que se fai delas. E, sobre todo, as referidas ao persoal e as destinadas a investigación e docencia.